Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 4 de maio de 2011 Páx. 7618

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 3 de maio de 2011 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 76 millóns de euros.

Con base no artigo 33 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 25 de febreiro de 2011 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

Esta orde ten por obxecto realizar un novo tramo, por un importe nominal de 76 millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, foi emitida o 11 de abril de 2005, ao tipo de xuro do 3,70% e amortización dunha soa vez á par, aos dez (10) anos da data de emisión (código ISIN ES0001352238).

A data de amortización e vencemento de cupóns, así como o tipo de xuro nominal anual e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, serán as mesmas que se estableceron na Orde do 22 de marzo de 2005, pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 200 millóns de euros (Diario Oficial de Galicia n.º 63, do 4 de abril de 2005), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: setenta e seis (76) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso do novo tramo: 5 de maio de 2011. Os valores que se emitan agregaranse á emisión anteriormente sinalada, tendo a consideración de ampliación daquela, coa cal se xestionarán como unha única emisión a partir da súa posta en circulación.

Cupón corrido: 0,242623% sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 91,00% sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 91,242623% sobre o importe nominal da emisión, libre de gastos para o subscritor.

Entidade colocadora: Caja Madrid.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do Mercado de Débeda Pública en Anotacións.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2011.

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda