Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 3 de maio de 2011 Páx. 7556

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2011 pola que se convoca un curso sobre intervención policial con menores.

Dentro das actividades programadas para o ano 2011, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial da Coruña, anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención policial con menores, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: intervención policial con menores.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: coñecer a normativa aplicable e os recursos sociais dispoñibles, sabendo identificar posibles situacións de maltrato e situacións nas cales os menores poden atoparse en conflito social, aprendendo a efectuar unha intervención policial adecuada nesta materia.

Contido.

1) Marco legal da protección dos menores.

2) Detección do risco e maltrato. Intervención por parte dos servizos especializados en menores.

3) Menores en conflito social. Responsabilidade penal dos menores.

4) Intervención policial: protocolo de actuación con menores que segue o Corpo Nacional de Policía. Procedemento de detención do menor infractor.

5) Intervención policial dentro do marco operativo da policía local.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local da provincia da Coruña.

Prazas ofertadas: 20 prazas.

Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37º.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 19 de maio de 2011.

O persoal que desexe participar nesta actividade cubrirá a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na alínea «Actividades formativas», «cursos con inscrición aberta», e remitiraa telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberá imprimila e asinala o/a solicitante, obter tamén a sinatura da autoridade do concello de que dependa, e enviala á Deputación Provincial da Coruña-Sección de Formación (fax 981 08 01 91), avenida Alférez Provisional, s/n, 15006 A Coruña; ou ben pode entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: a selección do alumnado realizaraa a Deputación Provincial da Coruña, que remitirá á Agasp a listaxe das solicitudes de participación que resulten seleccionadas para a súa publicación na páxina web http://agasp.xunta.es o día 23 de maio de 2011.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18º e 21º do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: centro social de Boiro. Rúa Principal, s/n, 15930 Boiro.

Horario: das 17.00 ás 20.30 horas.

Datas: 26 e 31 de maio; e 2, 7, 9 e 14 de xuño de 2011.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial da Coruña poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de abril de 2011.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública