Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de decembro de 2003 pola que se modifica a do 17 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e se particulariza para o exercicio 2004 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

A aplicación das disposicións da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto), establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 as axudas se outorgarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano correspondente.

Así mesmo, e como xa se sinalara na Orde do 22 de xaneiro de 2003 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes previsto na Orde do 30 de decembro de 2002, pola que se modifica a Orde do 17 de xullo de 2000 e se particulariza para o exercicio 2003 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, a Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 251, do 30 de decembro), sinala no seu artigo 43 que o prazo de presentación de solicitudes que se estableza nas correspondentes ordes de axudas e subvencións non será en ningún caso inferior a corenta (40) días hábiles.

Rematado o procedemento de concesión de axudas para o exercicio 2003 ó abeiro da referida orde, e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004, cómpre establece-las condicións particulares para a concesión destas axudas no vindeiro exercicio.

O artigo 1.1º.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro) establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias

anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3.3º.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada ós expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal dictada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 15 da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto), de xeito que queda redactado como segue:

«Artigo 15º

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta (40) días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, salvo no caso de que a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente estableza o contrario. Neste último caso quedará fixado o prazo de presentación de solicitudes segundo o disposto nesta lei».

Artigo 2º

Para o exercicio orzamentario 2004 as axudas ó abeiro da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto) outorgaranse con cargo á aplicación 12.03.721V.770.0 que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para 2004, na que normalmente existirá crédito axeitado e suficiente, e ata o importe máximo de 21.114.134 euros, reservándose para o efecto o correspondente crédito.

De conformidade co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro), sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), a concesión das correspondentes axudas queda sometida en todo caso á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente nos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004 no momento da resolución.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos