Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.396

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de decembro de 2003 pola que se publica a convocatoria para a concesión de subvencións a escolas de música públicas.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 39.5º que os estudios de música se poderán cursar, sen límite de idade, en escolas específicas. Estes estudios en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 22 de abril) regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia salientando a especial

responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento do número de escolas de titularidade pública para achegarlles á mocidade e ós afeccionados a posibilidade de cursar estes estudios, tanto para realizar unha actividade de formación artística como para continuar posteriormente estudios regrados de música en conservatorios ou centros autorizados.

Por outro lado, a Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG do 19 de febreiro) modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) dispón, no seu artigo 1º, que os expedientes de gastos ós que se refiren os artigos 2º e 3º desta orde, imputables ós orzamentos da Comu

nidade Autónoma poderán iniciarse sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previsibles anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no Proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

Co fin de potencia-lo funcionamento destas escolas de música das que son titulares determinados entes públicos, en virtude das atribucións que ten conferidas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Facer pública a convocatoria de axudas destinadas a subvenciona-lo funcionamento, no desenvolvemento das súas actividades docentes, das escolas de música que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia das que sexan titulares entes públicos, desde o 1 de xaneiro de 2004 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo.-Poderán solicitar estas subvencións os titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que teñan, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-O importe total das axudas será de trescentos sesenta e catro mil douscentos oitenta e dous euros (364.282 A) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322E.460.0 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Estas axudas quedan condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, en trámite parlamentario.

En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá supera-la cantidade de corenta mil euros (40.000 A).

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo de instancia e mailo anexo que figura nesta orde, xunto coa documentación xustificativa correspondente, dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), no prazo de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude debe ir xunto coa seguinte documentación:

a) Breve memoria descritiva dos obxectivos que se pretenden alcanzar mediante as actividades que se realicen no ano 2004.

b) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Orixinal ou fotocopia cotexada de certificación bancaria a nome do solicitante na que conste o número de conta na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da axuda.

d) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, axuda para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

1. Número de alumnos/as.

2. Ensinanzas que imparte a escola.

3. Número de profesores/as e tempo de dedicación.

4. Dimensións das instalacións.

5. Volume de orzamento da escola de música.

6. Importe total que o centro percibe do alumnado no curso escolar 2003-2004 pola impartición de clases.

A concesión das subvencións realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Sexto.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia da directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-A xefa de Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-O xefe de servicio de Xestión Económica e Educación de Adultos.

-Un representante da Inspección Central.

-Dous asesores técnicos de ensinanzas artísticas da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá solicitar, en todo momento, a asistencia daqueles funcionarios que considere oportuno, que no caso de acudir ás reunións desta farano con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicación das axudas que se lles notificará ós interesados para que estes, no prazo de 10 días hábiles, poidan formula-las alegacións que consideren oportunas. Valoradas as alegacións, a comisión elevará a proposta definitiva de adxudicación das axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno.-A orde de concesión de axudas dictada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da convocatoria. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Décimo.-As subvencións estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufraga-los gastos de carácter fixo e recorrente que se especifiquen no anexo.

O pagamento realizarase de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro). En todo caso, o beneficiario presentará antes do 15 de outubro de 2004 a xustificación completa.

Para que se poida dar curso ós libramentos, os solicitantes deberán achegar certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control, do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Ademais, de acordo co artigo 15.4º do mencionado Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no momento da xustificación e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

A xustificación deberase facer sobre o investimento total, e de non acadarse este, minorarase a subvención na mesma proporción.

As xustificacións referidas serán dirixidas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, a través dos servicios provinciais de inspección, poderá realizar un seguimento da aplicación das subvencións nas escolas de música beneficiarias destas.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décimo segundo.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan axuda, deberá figura-lo anagrama ou logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal: «Centro subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria».

Décimo cuarto.-O beneficiario da subvención deberá proceder ó reintegro das cantidades recibidas e mailos xuros de demora, de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e Decreto 287/2000, do 21 de novembro, cando exista por parte deste incumprimento da obriga de xustificación, obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión, ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ó Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG do 19 de febreiro) modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e a Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro).

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria