Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.385

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ó contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia.

O principio de igualdade consagrado no artigo 14 da Constitución española require para a súa efectiva realización asegurar a tódolos cidadáns a accesibilidade e utilización dos espacios públicos. Neste sentido, o artigo 9.2 imponlles ós poderes públicos as obrigas de promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remove-los atrancos que poidan impedir ou dificulten a súa plenitude e facilita-la participación de tódolos cidadáns na vida política, económica, cultural e social. Todo iso de acordo co artigo 49, en virtude do cal corresponde ós poderes públicos realizar unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade física, sensorial e psíquica, que haberán de recibi-la atención especializada que requiran e ser amparados especialmente no gozo dos dereitos que o título I lles outorga a tódolos cidadáns.

Este deber dos poderes públicos de procura-la igualdade real das persoas con discapacidade vén recollido en termos xerais no artigo 4.2 do Estatuto de autonomía, cunha redacción análoga ó xa dito artigo 9.2 do texto constitucional. Noutra orde de cousas, o artigo 27 do Estatuto atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva, entre outras, en materia de asistencia social.

De acordo con todo o exposto, os poderes públicos, na súa respectiva esfera competencial, veñen desenvolvendo diversas accións para fixa-los fundamentos e principios dunha política efectiva de integración social e de progresiva eliminación das barreiras arquitectónicas urbanísticas, na edificación, no transporte e na comunicación. No ámbito estatal, a Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, supón a regulación positiva dos devanditos obxectivos constitucionais. No ámbito autonómico, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, inclúe no seu artigo 3.7, entre os principios xerais que os haberán de inspirar, o de promove-la integración social das persoas con discapacidade. Como consecuencia destas previsións dictouse, por unha parte, a Lei 5/1996, do 6 de xuño, sobre o acceso ó contorno das persoas con deficiencia visual, coa que se pretendía garantirlles ós deficientes visuais acompañados con cans guía o seu dereito a acceder con eles ós

lugares, establecementos e transportes públicos ou de uso público no ámbito de actuación da Comunidade Autónoma galega; por outra, a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como

finalidade esencial amplia-lo proceso de integración das persoas con discapacidade, face-las poboacións máis accesibles e mellorar así a súa calidade de vida.

Esta liña normativa apuntaba cara á consecución dunha efectiva integración social e dunha discriminación positiva a favor das persoas con discapacidade. Ámbalas dúas normas mostráronse como ferramentas eficaces para a progresiva implantación de espacios urbanos e servicios públicos acomodados ás necesidades deste colectivo e para a sensibilización da sociedade ante a súa problemática. Sen embargo, o paso do tempo converteu a Lei 5/1996 nunha norma ríxida e excesivamente restrictiva e incluso discriminatoria, por canto non puido preve-lo emprego de cans en auxilio doutras persoas con discapacidade, á marxe daquelas que non teñen deficiencias visuais. Ademais dos cans guía, estase a observar unha crecente utilización de cans como elementos de apoio na vida cotiá das persoas con discapacidade. Estes cans teñen un amplo abano de habilidades: recollen cousas do chan, tiran das cadeiras de rodas, apagan/prenden luces, marcan números de teléfono para emerxencia (pregravada nun pulsador

grande), abren/pechan caixóns e portas, en fin, reúnen unha serie de calidades que permiten configuralos como unha axuda técnica de especial cualificación. Malia iso, a Lei 5/1996 non ampara os usuarios destes cans, que ven cómo a prohibición xeral de acceso dos animais a establecementos, lugares e transportes públicos ou de uso público prevalece sobre o seu dereito a unha integración social real e efectiva.

Todo o antedito xustifica a necesidade de supera-lo actual marco normativo e establecer un novo adaptado ás necesidades actuais que amplíe o obxecto da súa protección a tódolos cans de asistencia, o que supoñerá un paso máis cara á consecución do obxectivo que debe inspirar tódalas actuacións dos poderes públicos no eido dos servicios sociais: a integración de cantos viven suxeitos ás limitacións derivadas da súa situación de discapacidade.

A lei estructúrase en dous capítulos. No capítulo I, dedicado ás disposicións de carácter xeral, regúlanse os requisitos esixidos para o recoñecemento da condición de can de asistencia, o dereito das persoas que vaian acompañadas deles ó libre acceso, á deambulación e á permanencia en calquera lugar, establecemento e transporte público ou de uso público e, asemade e como contrapartida, as súas obrigas. O capítulo II regula o réxime sancionador para facer efectivo o cumprimento dos dereitos e das obrigas recollidos no texto.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgou en nome de El-Rei a Lei sobre o acceso ó contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da lei.

1. Esta lei ten por obxecto recoñecer e garantir, na Comunidade Autónoma de Galicia, a toda persoa que como consecuencia da súa discapacidade deba ser acompañada dun can de asistencia o seu dereito a acceder, deambular e permanecer con el en calquera lugar, establecemento ou transporte de uso público, con independencia da súa titularidade pública ou privada.

2. As prescricións referentes ó dereito de admisión ou á prohibición de entrada de animais en xeral nos lugares, establecementos ou transportes de uso público quedarán limitadas polo que dispón esta lei.

Artigo 2. Definición de can de asistencia.

Para os efectos desta lei, considérase can de asistencia aquel que, tras superar un proceso de selección xenética e sanitaria, remate satisfactoriamente o seu adestramento nun centro oficialmente recoñecido ou homologado na Comunidade Autónoma consonte a normativa de aplicación para a formación de cans destinados ó acompañamento, conducción e auxilio das persoas con discapacidade, e sexa recoñecido e identificado na forma establecida nesta lei.

Artigo 3. Clasificación dos cans de asistencia.

1. Para os efectos desta lei, os cans de asistencia clasifícanse en:

a) Can guía: aquel individualmente adestrado para acompañar, conducir e auxilia-las persoas cegas ou con deficiencia visual.

b) Can de servicio: aquel individualmente adestrado para auxilia-las persoas con discapacidade física no desenvolvemento dos labores propios da vida cotiá.

2. Regulamentariamente poderá recoñecerse como cans de asistencia calquera outro que reúna as condicións sinaladas no artigo 2.

Artigo 4. Recoñecemento.

1. Para o recoñecemento da condición de can de asistencia, en calquera das categorías referidas no artigo anterior, será necesario:

a) Acreditar que o can adquiriu as aptitudes de adestramento necesarias para levar a cabo as funcións de acompañamento, conducción, auxilio e alerta das persoas con discapacidade.

b) Acredita-lo cumprimento das condicións hixiénicas e sanitarias ás que se refire o artigo 6.

c) Identifica-la persoa usuaria do can de asistencia.

Se é o caso, será posible o recoñecemento mediante a correspondente inspección da administración responsable.

2. Unha vez recoñecida a condición de can de asistencia, manterase ó longo de toda a súa vida, sen prexuízo do disposto nos artigos 7 e 8 da lei.

3. Nos supostos de estancia de usuarios de cans de asistencia non residentes en Galicia, será válido o recoñecemento desta condición e o distintivo concedido pola administración pública correspondente.

Artigo 5. Identificación.

1. Cada can de asistencia haberá de ser identificado como tal en todo momento, mediante a colocación en lugar e forma visible do distintivo oficial correspondente, sen prexuízo das demais identificacións que lle corresponden como animal da especie canina previstas na lexislación autonómica vixente.

2. A documentación oficial acreditativa da condición de can de asistencia só lla poderá esixir á persoa titular a autoridade competente ou o responsable do servicio que se estea a utilizar. En ningún caso se poderá esixi-la devandita documentación de forma arbitraria ou non razoada, nin impoñer máis condicións cás establecidas nesta lei.

Artigo 6. Condicións hixiénicas e sanitarias.

1. Os cans de asistencia deberán cumpri-las medidas hixiénicas e sanitarias previstas para os animais domésticos en xeral e os das súas características en particular, de acordo coa normativa de aplicación. Ademais, haberán de cumpri-las seguintes:

a) Estar esterilizado.

b) Non padecer enfermidades transmisibles ó home, entendendo por tales as incluídas no cadro de antropozoonoses vixente en cada momento.

c) Estar vacinado contra a rabia, en tratamento periódico contra a equinococose, exento de parasitos internos e externos e dar resultado negativo nas probas de leishmaniose, leptospirose e brucelose.

d) Se é o caso, dar resultado negativo naquelas probas diagnósticas que as autoridades sanitarias consideren oportunas, segundo a situación epidemiolóxica do momento.

2. A acreditación do contido establecido no parágrafo anterior realizarase mediante certificación expedida por veterinario en exercicio.

3. Será preciso acreditar anualmente, mediante certificación veterinaria, o cumprimento das condicións hixiénicas e sanitarias referidas neste artigo.

Artigo 7. Suspensión da condición.

1. O usuario do can de asistencia non poderá exercita-los dereitos que lle recoñece esta lei cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Cando exista grave perigo inminente para o usuario, para terceira persoa ou para o propio can.

b) Cando o animal presente síntomas de enfermidade, exteriorizados de forma alternativa ou acumulada mediante:

-Signos febrís.

-Alopecias anormais.

-Deposicións diarreicas.

-Secrecións anormais.

-Signos de parasitos cutáneos.

-Feridas, segundo o seu tamaño e aspecto.

c) Cando se evidencie a falta de aseo.

d) Cando caduque a acreditación anual á que se refire o artigo anterior.

e) Cando se evidencien malos tratos para os animais por parte do dono ou persoa achegada.

2. A suspensión do exercicio do dereito previsto no apartado anterior rematará:

a) Nos casos a), c) e e) cando se acredite a desaparición do feito causante.

b) No suposto b) e d) mediante a presentación ante o órgano competente do correspondente certificado veterinario.

Artigo 8. Perda da condición.

1. O can de asistencia perderá a súa condición por algún dos seguintes motivos:

a) Pola morte do animal.

b) Por renuncia do seu titular ou usuario.

c) Por deixar de estar vinculado a unha persoa con discapacidade.

d) Por manifesta incapacidade para o desempeño das funcións para as que foi instruído.

e) Por mostrar un comportamento agresivo.

f) Por causar danos a persoas ou bens.

2. A perda da condición de can de asistencia só se poderá declarar mediante o procedemento que se determine regulamentariamente. Nos supostos a), d) e e), haberá de incorporarse ó expediente informe de veterinario en exercicio.

Artigo 9. Órgano competente.

Corresponderalle á consellería competente en materia de asuntos sociais o recoñecemento, a suspensión e a perda da condición de can de asistencia, así como a súa identificación mediante a concesión do distintivo oficial correspondente.

Igualmente será función da consellería competente en materia de asuntos sociais o recoñecemento oficial e o establecemento dos requisitos que deben reuni-los centros para a formación de cans destinados ó acompañamento, conducción e auxilio das persoas con discapacidade.

Artigo 10. Determinación de lugares, establecementos e transportes de uso público.

Para os efectos do sinalado no artigo 1 desta lei, terán a consideración de lugares, establecementos

e transportes de uso público, con independencia da súa titularidade pública ou privada, os seguintes:

a) Lugares e establecementos de uso público:

-Os definidos pola lexislación urbanística vial aplicable en cada momento como paso de peóns, peonís ou de gozo peonil exclusivo ou prioritario.

-Os centros de recreo, ocio e tempo libre.

-Os parques, xardíns, praias e outros espacios ó aire libre.

-As instalacións deportivas.

-Os locais e establecementos comprendidos no ámbito de aplicación da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.

-As lonxas, mercados, feiras, prazas de abastos e similares.

-Os almacéns e establecementos comerciais e mercantís.

-Os despachos e oficinas de profesionais liberais.

-As residencias, fogares e clubs para a atención ás persoas maiores, os centros de recuperación e asistencia a discapacitados e os establecementos similares.

-Os centros oficiais de toda índole que non teñan o acceso vedado ó público en xeral.

-Os centros, colexios e academias de ensino de tódolos niveis.

-Os centros sanitarios, asistenciais e socioasistenciais, coa única excepción das zonas restrinxidas ó público en xeral.

-Os centros relixiosos.

-Os museos, casas de cultura, arquivos, bibliotecas e salas de exposicións e de conferencias.

-Os establecementos turísticos comprendidos no ámbito de aplicación da Lei autonómica de ordenación do turismo e, en particular, os parques de atraccións, parques acuáticos, piscinas, zoolóxicos, establecementos hoteleiros, albergues, campamentos, bungalows, apartamentos, cidades de vacacións, balnearios, cámpings e, en xeral, aqueles destinados a proporcionar, mediante prezo, habitación ou residencia ás persoas, así como os restaurantes, cafeterías e cantos establecementos sirvan ó público, mediante prezo, comidas ou bebidas, calquera que sexa a súa denominación.

-Os espacios de uso xeral e público das estacións de autobuses, metro e ferrocarril, dos aeroportos, portos e heliportos e das paradas de vehículos lixeiros de transporte.

-En xeral, calquera edificio, local, centro ou complexo de uso público.

b) Transportes de viaxeiros de uso público:

Aqueles transportes dedicados a realiza-los desprazamentos das persoas e as súas equipaxes en vehículos construídos e acondicionados para tal fin, levándose a cabo por conta allea mediante retribución económica, tanto se se presta dentro de iti

nerarios preestablecidos e con suxeición a calendarios e horarios prefixados coma se se leva a cabo sen suxeición a itinerario, calendario ou horario preestablecido.

Concretamente, entenderase en todo caso incluído dentro do anterior concepto todo tipo de transporte de viaxeiros que se efectúe en autobús, taxi, tren, barco ou avión, e que estea suxeito a un réxime de concesión ou de autorización de calquera das administracións públicas de Galicia.

Artigo 11. Exercicio do dereito.

1. O dereito de acceso, deambulación e permanencia recoñecido nesta lei entenderase integrado pola constante permanencia do can de asistencia a carón do seu dono, sen traba que poida chegar a producir interrupción na permanencia ou distancia na asistencia.

O can deberá portar un colar e estar suxeito por unha correa. No caso dos cans guía, deberá tamén levar un arnés.

2. O exercicio dos dereitos recoñecidos nesta lei nos transportes de uso público rexerase pola normativa autonómica vixente en materia de promoción da accesibilidade e supresión de barreiras e ademais polas seguintes consideracións:

a) A persoa con discapacidade acompañada de can de asistencia terá preferencia na reserva do asento máis amplo, con maior espacio libre no seu contorno ou adxacente a un corredor, segundo o medio de transporte de que se trate.

b) Cando o usuario acompañado de can de asistencia utilice o servicio de liteiras, procuraráselle reservar unha das inferiores.

Nos servicios urbanos e interurbanos de transporte en vehículos lixeiros, o can de asistencia deberá ir na parte traseira do vehículo, ós pés do seu usuario, sen que a súa presencia se teña en consideración no cómputo das prazas máximas autorizadas. Malia o antedito, e a discreción da persoa con discapacidade, poderá ocupa-lo asento dianteiro dereito, co can de asistencia ós seus pés, cando se trate de percorridos longos.

3. O acceso, a deambulación e a permanencia dos cans de asistencia, da forma establecida nesta lei, non poderán implicar gasto ningún para o seu usuario, agás que este teña o carácter de contraprestación dun servicio específico economicamente avaliable.

Tampouco poderá condicionarse o exercicio dos referidos dereitos ó outorgamento de garantía de ningunha clase. Sen prexuízo do antedito, o usuario do can será responsable do bo comportamento do animal, así como dos danos que poida ocasionar nos lugares, establecementos e transportes de uso público.

Artigo 12. Obrigas da persoa usuaria.

A persoa usuaria dun can de asistencia é responsable do cumprimento das obrigas sinaladas nesta lei e, en particular, das seguintes:

a) Mante-lo can ó seu carón, coa suxeición que en cada caso proceda.

b) Levar identificado o can de asistencia de forma visible, mediante o distintivo oficial que regulamentariamente se determine.

c) Exhibir, cando lle sexa requirida, a documentación sanitaria do can de asistencia e a acreditativa da súa condición.

d) Mante-las condicións hixiénico-sanitarias do can, consonte o establecido nesta lei.

e) Cumprir e facer cumpri-las esixencias de respecto, bo trato, defensa e protección do can.

f) Utilizar exclusivamente o can de asistencia para aquelas funcións para as que foi adestrado.

g) Cumprir e respecta-las normas de hixiene e de seguridade nas vías e lugares públicos ou de uso público, na medida en que a súa discapacidade llo permita.

h) Manter subscrita unha póliza de responsabilidade civil para prever eventuais danos a terceiros causados polo can de asistencia.

i) As demais que impoña a normativa sectorial ós posuidores de animais de compañía, en canto lles sexa de aplicación.

Artigo 13. Dereitos e obrigas dos adestradores.

Os adestradores dos centros oficialmente recoñecidos ou homologados na Comunidade Autónoma terán os mesmos dereitos e obrigas que esta lei lles atribúe ás persoas con discapacidade cando vaian acompañados de cans de asistencia durante as fases de adestramento, adaptación final e reeducación dos animais.

Capítulo II

Réxime sancionador

Artigo 14. Infraccións.

Constitúen infraccións administrativas da materia obxecto desta lei os incumprimentos e as inobservancias nela tipificadas e sancionadas.

Artigo 15. Suxeitos responsables.

1. Unicamente serán suxeitos responsables das infraccións tipificadas nesta lei os seus autores.

2. Son autoras das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que realicen os feitos tipificados por esta lei por si soas, conxuntamente ou por medio doutra da que se sirvan como instrumento, agás nos casos de obediencia laboral debida.

3. Terán tamén a consideración de autoras:

a) As persoas que cooperen na súa execución mediante unha acción sen a cal a infracción non se puidese producir.

b) As persoas físicas ou xurídicas que organicen as actividades ou exploten os establecementos, as persoas titulares da correspondente licencia ou, se é o caso, os responsables da entidade pública ou

privada titular do servicio, cando incumpran o deber de previ-la comisión por outro das infraccións tipificadas nesta lei.

Artigo 16. Clasificación das infraccións.

1. As infraccións establecidas nesta lei clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2. Son infraccións leves:

a) Todas aquelas conductas que, sen infrinxi-los dereitos recoñecidos nesta lei e na normativa que a desenvolva, dificulten o seu exercicio.

b) A esixencia de forma arbitraria ou sen motivo da presentación da documentación acreditativa da condición de can de asistencia, así como a esixencia de condicións adicionais ás sinaladas nesta lei e na normativa que a desenvolva.

c) O incumprimento de calquera das obrigas que o artigo 11 desta lei lle impón á persoa usuaria do can de asistencia.

d) Calquera infracción das disposicións desta lei ou da normativa que a desenvolva que non estea tipificada como falta grave ou moi grave.

3. Son infraccións graves:

a) Impedi-lo acceso, a deambulación e/ou a permanencia das persoas con discapacidade acompañadas de can de asistencia a calquera dos lugares definidos no artigo 10 desta lei, cando estes sexan de titularidade privada.

b) O cobro de gastos en contravención do disposto no artigo 11.3 da lei.

c) A comisión de tres faltas leves, con imposición de sanción por resolución firme, no período dun ano.

4. Son infraccións moi graves:

a) Impedi-lo acceso, a deambulación e/ou a permanencia das persoas con discapacidade acompañadas dun can de asistencia a calquera dos lugares definidos no artigo 10 desta lei, cando estes sexan de titularidade pública.

b) Privar de forma intencionada a unha persoa con discapacidade do seu can de asistencia, cando este feito non constitúa infracción penal.

c) A comisión de tres faltas graves, con imposición de sanción por resolución firme, no período dun ano.

Artigo 17. Sancións.

1. As infraccións leves sancionaranse con multa de 150 a 350 euros.

2. As infraccións graves sancionaranse con multa de 350,01 a 3.500 euros.

3. As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 3.500,01 a 12.500 euros.

Artigo 18. Responsabilidade civil e gradación das sancións.

1. A imposición dunha sanción non exclúe a responsabilidade civil nin a posible indemnización

polos danos e perdas que poidan derivar da conducta sancionada, consonte a lexislación vixente.

2. Para a gradación das sancións terase en conta, ademais do principio de proporcionalidade:

a) O grao de culpabilidade e intencionalidade.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) O risco que se provocase.

d) A reiteración ou reincidencia.

e) A transcendencia social da infracción.

f) O maior ou menor coñecemento dos pormenores da actuación, de acordo coa profesión ou actividade habitual do responsable.

3. Para os efectos desta lei, haberá reiteración ou reincidencia cando se dicten dúas resolucións firmes no período de dous anos por infraccións de distinta ou da mesma natureza, respectivamente.

Artigo 19. Procedemento aplicable.

O procedemento aplicable para o exercicio da potestade sancionadora regulada nesta lei será o previsto con carácter xeral para a Administración da Xunta de Galicia, sen prexuízo de que se poida establecer regulamentariamente un procedemento específico en desenvolvemento desta lei.

Artigo 20. Órganos competentes.

1. A instrucción dos expedientes sancionadores corresponderalle á Comisión Técnica de Accesibilidade.

2. Os órganos competentes para resolve-los procedementos sancionadores serán:

a) No caso de infraccións leves ou graves, o titular da dirección xeral á que estea adscrita a Comisión Técnica de Accesibilidade.

b) No caso de infraccións moi graves, o titular da consellería competente en asuntos sociais.

3. Na tramitación dos expedientes sancionadores teranse en conta os informes que poidan emiti-los distintos departamentos administrativos afectados por razón da materia.

Artigo 21. Prescrición das infraccións e sancións.

1. As infraccións administrativas establecidas nesta lei prescriben:

a) As leves, ós seis meses.

b) As graves, ó ano.

c) As moi graves, ós dous anos.

2. A facultade da administración para impoñer sancións polas infraccións tipificadas nesta lei prescribe:

a) As leves, ós seis meses.

b) As graves, ó ano.

c) As moi graves, ós dous anos.

3. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día da súa comisión. Interromperase o cómputo do prazo coa iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e reiniciarase cando o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ó presunto responsable.

4. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución que as impón. Interromperase o cómputo do prazo coa iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e reiniciarase cando o expediente estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ó presunto responsable.

Disposición adicional

Única.-Campañas informativas e educativas.

A Xunta de Galicia promoverá e realizará campañas informativas e educativas dirixidas á poboación en xeral co obxecto de conseguir que a integración social das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia sexa real e efectiva.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cans de asistencia existentes na actualidade.

Os cans de asistencia existentes na actualidade deberán adecuarse ós requisitos de recoñecemento e identificación previstos nesta lei nos seis meses seguintes á data de entrada en vigor da normativa que a desenvolva.

Segunda.-Adaptación das ordenanzas municipais.

As corporacións locais, no ámbito das súas respectivas competencias, adaptarán as súas ordenanzas municipais sobre a materia ás normas contidas nesta lei, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor da normativa que a desenvolva.

Disposición derrogatoria

Única.-Lei 5/1996, do 6 de xuño, sobre acceso ó contorno das persoas con deficiencia visual.

Queda derrogada a Lei 5/1996, do 6 de xuño, sobre o acceso ó contorno das persoas con deficiencia visual.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase a Xunta de Galicia para dicta-las normas necesarias para desenvolver esta lei e, en concreto, para establece-las condicións e os requisitos necesarios para o recoñecemento, a perda e a suspensión da condición de can de asistencia e o deseño do distintivo oficial, así como para determina-los requisitos e as condicións da especialización dos adestradores de cans de asistencia e os que deberán cumpri-los centros de adestramento e os seus empregados e dependentes para obte-la homologación.

Esta normativa haberá de aprobarse no prazo dun ano desde a publicación da lei.

Segunda.-Actualización das contías das sancións.

Facúltase a Xunta de Galicia para actualiza-las contías das sancións establecidas no artigo 17.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente