Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 30 de decembro de 2003 Páx. 16.333

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2003, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a persoal funcionario, reguladas no Decreto 217/2003, do 11 de abril, correspondentes ó corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos: especialidade de arquivos, especialidade de bibliotecas e especialidade de museos, de conformidade co establecido nas resolucións do 20 de maio, 7 de agosto e 1 de decembro de 2003.

Rematado o prazo fixado pola resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 1 de decembro de 2003 (DOG nº 236, do 4 de decembro), de reclamacións contra as listas provisionais de baremación dos solicitantes admitidos nas listas, constatada a existencia dalgúns erros materiais nas listas provisionais por parte da Comisión Permanente Central de Selección de Persoal Funcionario na correspondente sesión, unha vez elevada a oportuna proposta, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Facer públicas as listas definitivas de baremación dos solicitantes admitidos nas listas, con indicación da puntuación.

Segundo.-As citadas listas atópanse expostas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia. Así mesmo, os ditos datos poderán consultarse na páxina oficial da Internet da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Terceiro.-As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, quedando desde ese momento sen efecto as listas elaboradas conforme os decretos 89/1997, do 10 de abril, e 70/2000,

do 31 de marzo, correspondentes ó corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos, especialidade de bibliotecas e especialidade de museos.

Cuarto.-Os solicitantes excluídos, de se-lo caso, disporán do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG, para solicita-la devolución das taxas por dereitos de inscrición, debendo consigna-lo nome e apelidos, NIF, número da conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta, achegando, así mesmo, copia cotexada do modelo de autoliquidación da taxa de autoliquidación.

Quinto.-De conformidade co establecido no punto 3.2.2. da base 3ª da Resolución do 20 de maio de 2003 (DOG nº 99, do 23 de maio), desde o día seguinte ó da publicación no DOG do anuncio de exposición das listas definitivas desta convocatoria quedará permanentemente aberto o prazo para a presentación de novas solicitudes segundo o establecido nos artigos 3 e 8.4º do Decreto 217/2003, do 11 de abril.

Sexto.-A actualización de méritos será anual, de conformidade co establecido no artigo 8.5º do Decreto 217/2003, do 11 de abril (DOG nº 75, do 16 de abril).

Sétimo.-Contra esta resolución poderán os interesados interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Belén Prado Sanjurjo

Directora xeral da Función Pública