Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 23 de decembro de 2003 Páx. 15.929

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 11 de decembro, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan a concurso de traslado prazas vacantes de forensías e agrupacións de forensás para o corpo de médicos forenses.

De conformidade co establecido nos artigos 455 e 500.1º da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, Real decreto 296/1996, do 23 de febreiro, que aproba o Regulamento orgánico do corpo de médicos forenses e Real decreto 1619/1997, do 24 de outubro, polo que se modifica o Regulamento orgánico do corpo de médicos forenses, anúnciase concurso de traslado, para a provisión, entre tódolos funcionarios do corpo de médicos forenses, das forensías ou agrupacións de forensías vacantes dos xulgados que no anexo se relacionan, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Postos que se poden solicitar e prazos de presentación de solicitudes.

1. Os funcionarios que desexen participar poderán solicitar calquera praza vacante desta comunidade relacionada no anexo publicado á presente resolución, mediante unha única instancia ou solicitude, expresando os destinos ós que aspiren numerados correlativamente por orde de preferencia, con indicación da data de posesión do último destino.

2. Os funcionarios destinados definitivamente en forensías e agrupacións de forensías de Galicia, os que se atopen en situación de servicios especiais e excedentes por coidado de fillo durante o primeiro ano de excedencia que teñan reservado o posto de traballo, así como o resto de excedentes voluntarios por agrupación familiar ou por interese particular, ou os excedentes por maternidade a partir do primeiro ano que perderan a reserva do posto de traballo e os funcionarios doutros corpos ou doutras administracións que se atopen en excedencia por tal causa no corpo de médicos forenses, presentarán solicitude no prazo de dez días naturais a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado, dirixidas ó director xeral de Xustiza, debendo ter entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración

Local, r/ San Caetano, s/n. 15771 Santiago de Compostela.

3. Se non se lograse a simultaneidade na data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, os prazos comezarán desde o día seguinte ó de publicación no Boletín Oficial del Estado.

4. As solicitudes poderán remitirse tamén na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse en calquera das dúas modalidades seguintes:

a) Por correo ordinario, neste caso deberá ter entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local antes da data de remate do prazo de presentación de instancias.

b) Por correo certificado, neste suposto presentaranse nas oficinas de correos en sobre aberto para seren datadas e seladas polo funcionario de correos antes de seren remitidas. Os participantes no concurso deberán envia-la instancia que conteña o selo da oficina de correos, sen que se poida admitir, rematado o prazo de presentación de instancias, aquela que non cumpra este requisito, aínda que posteriormente se puidera acreditar tal extremo.

5. Os excedentes voluntarios por interese particular xuntaranlle á súa solicitude declaración de non teren sido separados de calquera das administracións públicas.

6. A solicitude formulada será vinculante para o peticionario unha vez transcorrido o período de presentación de instancias.

Segunda.-Requisitos e condicións de participación.

1. Os funcionarios do corpo de médicos forenses só poderán participar se na data de remate do prazo de presentación de instancias transcorreran dous anos desde a toma de posesión no seu actual destino, ou un ano os funcionarios de novo ingreso no seu primeiro destino.

2. Os funcionarios que se atopen nas situacións de excedencia voluntaria establecidas nos artigos 61 e 62 do Real decreto 296/1996, (excedencias por interese particular e por agrupación familiar), só poderán participar no concurso se na data de remate do prazo de presentación de solicitudes transcorreran máis de dous anos desde que foran declarados nesa situación.

3. Os funcionarios en situación de excedencia para o coidado de fillos ó abeiro do disposto no artigo 59 do Real decreto 296/1996, só poderán concursar se transcorreron máis de dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

4. Os suspensos en firme non poderán participar mentres dure a suspensión.

5. Os sancionados con traslado forzoso non poderán concursar no prazo dun a tres anos, segundo se determinou na resolución correspondente.

Terceira.

1. Criterios para adxudicación de prazas.

2. Valoración do coñecemento da lingua nas comunidades autónomas.

1. O nomeamento dos médicos forenses para as prazas vacantes recaerá no solicitante con maior antigüidade na escala.

2. Para a provisión de postos de traballo vacantes radicados na Comunidade Autónoma galega, o coñecemento oral e escrito da mesma será valorado da seguinte forma:

A. a) Curso de iniciación e perfeccionamento: dous puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: catro puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: seis puntos.

B. Para valorar estas linguas oficiais das comunidades autónomas deberase achegar, xunto coa instancia, certificación das comunidades autónomas respectivas da homologación e do nivel ó que correspondan os títulos presentados.

C. Cada punto equivalerá a un ano de antigüidade.

Cuarta.-Peticións condicionadas.

No suposto de estaren interesados nas vacantes que se anuncian, para municipios desta Comunidade Autónoma, dous funcionarios que reúnan os requisitos esixidos, poderán condiciona-las súas peticións ó feito de que ámbolos dous obteñan destino neste concurso en municipios da comunidade, entendéndose, no caso contrario, anulada a petición efectuada por ámbolos funcionarios. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicionada deberán concretalo na súa instancia e xuntar fotocopia da petición doutro funcionario.

Quinta.-Tramitación.

A Dirección Xeral de Xustiza recibirá as instancias e valoraraas de acordo co previsto na base terceira.

Sexta.-Carácter dos destinos adxudicados.

1. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables.

Sétima.-Resolución e prazo posesorio.

1. A presente convocatoria resolverase por resolución do director xeral de Xustiza, e se publicará no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia. No suposto de que a devandita simultaneidade non fora posible, os prazos computaranse

a partir do día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial del Estado.

2. A resolución expresará o posto de orixe dos interesados ós que se lles adxudique destino e a súa localidade, así como a súa situación administrativa se esta é distinta á de activo e mailo posto adxudicado a cada funcionario.

3. O prazo para tomaren posesión do novo destino obtido será dun mes de acordo co establecido no artigo 28 do Regulamento orgánico aprobado polo Real decreto 296/1996, do 23 de febreiro, mais cando non implique cambio de residencia deberase efectuar nos tres días hábiles seguintes ó cesamento.

4. O prazo para a toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó cesamento que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou no Boletín Oficial del Estado se a publicación non fora simultánea.

5. Se a resolución comporta reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde a devandita publicación.

6. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen as licencias que se atopen gozando os funcionarios, agás que por circunstancias excepcionais debidamente motivadas se suspenda ou revogue o seu disfrute.

Oitava.-Recursos.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, segundo establecen os artigos 116 e 117 da Lei 1/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, ou recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses; ámbolos dous prazos contarán desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou Boletín Oficial del Estado, se a publicación non fora simultánea.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2003.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza

ANEXO

Comunidade Autónoma de Galicia

* A Coruña:-Primeira Instancia e Instrucción nº 7 de Santiago de Compostela e de Negreira.-Primeira Instancia e Instrucción nº 1 e nº 2 de Corcubión e de Muros.-Primeira Instancia e Instrucción de Ordes e de Arzúa.-Primeira Instancia e Instrucción nº 1 e nº 2 de Padrón e de Ribeira.

* Lugo:-Primeira Instancia e Instrucción de Becerreá e de Sarria.-Primeira Instancia e Instrucción da Fonsagrada.-Primeira Instancia e Instrucción nº 1 e nº 2 de Monforte de Lemos e de Chantada.-Primeira Instancia e Instrucción nº 1 e nº 2 de Vilalba.

* Ourense:-Primeira Instancia e Instrucción de Bande, de Celanova e de Xinzo de Limia.-Primeira Instancia e Instrucción do Barco de Valdeorras e da Pobra de Trives.-Primeira Instancia e Instrucción nº 1 e nº 2 do Carballiño e de Ribadavia.

* Pontevedra:-Primeira Instancia e Instrucción nº 1, nº 2 e nº 3 de Cambados.-Primeira Instancia e Instrucción nº 1, nº 2 e nº 3 de Vilagarcía de Arousa.