Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2003 Páx. 15.803

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de decembro de 2003 pola que se regula o concurso público para a concesión de subvencións a empresas privadas para fomenta-lo uso social da lingua galega.

De acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Xunta de Galicia promove o uso do galego -lingua propia de Galicia- e recoñece, así mesmo, que as empresas privadas, pola súa incidencia e implantación territorial e social, poden constituírse en promotoras da extensión do uso social do noso idioma.

Polo exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública nesta convocatoria, mediante a que pretende anima-las empresas a que realicen actividades encamiñadas a aumenta-lo uso social da lingua galega a partir do seu emprego no ámbito económico e mercantil.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio do ano 2004, a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a empresas privadas para fomenta-lo uso social da lingua galega, a través da creación ou mantemento dun gabinete lingüístico; a rotulación, etiquetaxe e embalaxe industrial; a confección de documentación creativa e permanente; a organización de campañas publicitarias e a elaboración de portais e páxinas web, de acordo co especificado no artigo correspondente desta orde.

As actividades que se propoñan deberán terse realizado entre o día 1 de xaneiro e o 15 de setembro de 2004.

Artigo 2º.-Suxeitos.

Poderán solicita-las subvencións reguladas nesta orde tódalas empresas privadas que estean legalmente constituídas e promovan o emprego da lingua galega no ámbito económico e mercantil.

Quedan excluídas as seguintes persoas xurídicas privadas:

A) As que teñan un capital no que a participación dunha ou varias administracións públicas sexa maioritaria.

B) Aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e non xustificasen o seu investimento.

Cada solicitante presentará no anexo oficial, debidamente formalizado, un único proxecto de actuación. Quedarán eliminadas automaticamente as solicitudes que excedan este número.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.470.0 correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, por unha contía máxima total de 601.012 euros. En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 12.025 euros.

Artigo 4º.-Órgano competente para a xestión das axudas.

Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, con estricta suxeición á existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto crearase unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue, e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-A xefa do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-A xefa de Sección ou un xefe de Negociado ou de Grupo.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Artigo 5º.-Actividades subvencionables.

Terán a consideración de subvencionables as seguintes accións:

a) Creación ou mantemento de gabinetes lingüísticos ou a contratación de asesores lingüísticos nas empresas, con funcións de asesoramento, formación, etc, priorizándose as propostas que teñan un carácter de permanencia e as que inclúan a contratación de licenciados en filoloxía galego portuguesa ou equi

valente. Coa solicitude deberá presentarse un proxecto coas funcións que vai realizar dentro da empresa e o perfil da persoa ou persoas que se encargarán do gabinete, acreditando a súa competencia en lingua galega.

b) Confección de documentación permanente: o obxecto das subvencións é a elaboración de documentación permanente da entidade, como papelería, manuais ou regulamentos internos, programas informáticos para a xestión realizados integramente en galego, memorias, catálogos, etc., e preferentemente as actividades que se deriven da creación e desenvolvemento da imaxe corporativa.

c) Elaboración de documentación creativa da empresa, como publicacións tipo libro, revistas, folletos e boletíns informativos, voceiros, actividades audiovisuais creativas (vídeos, CD-roms, programas de radio e televisión, etc.).

d) Rotulación permanente, etiquetaxe e embalaxe industrial: engloba a rotulación permanente, exterior, interior ou dos dous tipos, dos establecementos ou vehículos, e a etiquetaxe e embalaxe industrial. As axudas van destinadas ás empresas que realicen estas accións en calquera dos procesos de fabricación, producción e/ou comercialización dos seus productos, preferentemente nos seguintes ámbitos: empresas de productos de "liña branca", audiovisuais, comunicacións e telecomunicacións, cadeas de establecementos de alimentación, fogar, perfumería e droguería, leiteiras e derivados do leite, adegas, grupos inmobiliarios, etc.

e) Realización de campañas publicitarias: refírese á publicidade da empresa en calquera soporte ou medio. Priorizaranse aqueles proxectos de maior complexidade nos que se inclúan actividades de dinamización sociolingüística (concursos, premios, certames, etc.), cunha compoñente escrita significativa, que fomenten o uso da lingua galega e estean integramente realizadas nesta lingua.

-As propostas deberán incluír unha memoria- programa detallado, orzamento desagregado por partidas das diferentes actuacións que se van realizar, así como un plan de financiamento e unha estimación dos seus receptores. Na memoria proporase o calendario de execución coa indicación das actividades concretas que se van realizar.

f) Elaboración de portais e páxinas web: neste caso haberá de presentarse unha estimación e valoración do número de conexións que se prevén. Se se trata dunha páxina en varios idiomas a lingua galega deberá ter carácter preferente.

Artigo 6º.-Requisitos.

Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro desta orde deberán cumpri-lo especificado no artigo anterior e, así mesmo:

-Os textos dos proxectos propostos deberán estar redactados integramente en galego segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982,

do 17 de novembro), e non poderán coincidir literalmente con outra lingua. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ó dispor dos adxudicatarios os seus servicios técnicos.

-As propostas achegadas deberán ter un investimento mínimo de 3.600 euros, coas seguintes matizacións: as solicitudes que se valoren como gabinetes lingüísticos deberán acadar 9.000 euros e 4.800 euros os proxectos que inclúan rotulación, etiquetaxe e embalaxe na industria ou nas grandes empresas comerciais. Esta última cifra redúcese ata 3.600 euros no caso da pequena e mediana empresa. Estas cotas entenderanse co IVE incluído, desestimándose automaticamente os que non acaden os investimentos mínimos descritos. Para a distinción entre Pemes e grandes empresas tómase como referencia o establecido no anexo da Recomendación da Comisión Europea nº L 107/9, publicada no DOCE do 30-4-1996.

-Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro desta orde deberán cumprir cun autofinanciamento mínimo do 50%.

-O prazo de realización das actividades abrangue o período comprendido entre o día 1º de xaneiro e o 15 de setembro do ano 2004.

Artigo 7º.-Criterios de concesión e valoración das propostas.

Os criterios preferentes de concesión serán os seguintes:

a) O nivel de uso da lingua galega na empresa.

b) A perdurabilidade temporal da acción.

c) A incidencia no entramado socioeconómico do proxecto que se pretende desenvolver, entendéndose como tal tanto o sector xeográfico ó que afecta coma a súa difusión social (as repercusións nos receptores).

d) A importancia estratéxica do ámbito económico ó que pertenza a empresa solicitante.

A valoración realizarase por tramos en función dos seguintes parámetros:

1) O nivel de uso da lingua galega: total/parcial.

2) A extensión da acción no tempo: permanente/eventual.

3) A incidencia xeográfica e socioeconómica: ámbito xeográfico (local, provincial, comarcal, autonómico e/ou fóra de Galicia); e número de traballadores da empresa solicitante (0 empregados; menos de 5; de 5 a 9; de 10 a 19; e, 20 e máis traballadores).

4) En función do valor que se vai engadir do proxecto aplicarase un coeficiente de 0,5 a 4.

A existencia de empregados deberá acreditarse achegando os correspondentes documentos TC1 ou TC2.

A contía de cada subvención non superará a cantidade de 12.025 euros por empresa beneficiaria.

A comisión de avaliación referida no artigo 4º poderá penalizar aquelas solicitudes de empresas subvencionadas noutros exercicios, das que exista constancia de que utilizan o castelán para inseri-la súa publicidade nas edicións dos medios de comunicación, oral ou escrita, realizadas en Galicia. Así mesmo, poderá non propoñer axudas para aquelas accións que fosen subvencionadas nos tres exercicios anteriores ó de 2004 (2001-2003), agás as de dinamización sociolingüística, a documentación creativa e os gabinetes lingüísticos, e que supoñan reedicións destas e, polo tanto, unha repetición exacta dos textos das anualidades precedentes. Esta circunstancia deberá acreditarse inescusablemente no punto correspondente do anexo da solicitude.

Artigo 8º.-Documentación.

O modelo de solicitude e o texto da convocatoria poden obterse no portal web da consellería, no enderezo www.edu.xunta.es

As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 40 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os interesados presentarán a seguinte documentación na orde que se cita:

1. Solicitude debidamente cuberta e asinada, utilizando o anexo I desta convocatoria. A solicitude deberá especificar claramente as características do proxecto, sendo estrictamente obrigatorio que tódolos puntos aparezan cubertos, coa finalidade de poder ser valorada polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Escrito no que se faga consta-lo número de empregados. Isto acreditarase achegando os correspondentes documentos TC1 ou TC2.

3. Fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da empresa solicitante e, se é o caso, da constancia da inscrición da escritura no Rexistro Mercantil.

4. Fotocopia compulsada do poder notarial do representante da empresa e, se é o caso, da constancia da inscrición do poder no Rexistro Mercantil.

5. Fotocopia da alta no imposto de actividades económicas e do último recibo, ou, se é o caso, acreditación da exención de pagamento do citado imposto. As empresas de nova creación achegarán unicamente a alta no IAE.

6. Fotocopia do CIF da empresa.

7. Certificado orixinal no que consten os datos bancarios completos, selado e asinado pola entidade financeira.

8. Memoria explicativa detallada, orzamento desagregado por partidas das diferentes actuacións que se van realizar, así como o plan de financiamento do proxecto para o que se solicita a subvención. Na memoria proporase o calendario de execución con indicación das actuacións concretas e da viabilidade da proposta.

9. Cando se trate da creación ou mantemento dun gabinete lingüístico, na memoria do proxecto deberán especificarse as funcións que vai realizar dentro da empresa (formación, asesoramento, dinamización, etc.) así como a competencia en lingua galega do citado persoal contratado.

10. As solicitudes que inclúan rotulación permanente e/ ou rotulación ou impresión que teña fins publicitarios terán que xunta-lo texto en galego que se pretende imprimir. O citado texto deberá vir corrixido por algún especialista en lingua galega, para isto a Consellería de Educación e Ordenación universitaria pon ó dispor de calquera entidade os seus servicios técnicos e o persoal dos gabinetes de normalización lingüística situados nas delegacións provinciais da consellería.

11. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

As empresas individuais presentarán, no canto dos documentos especificados nos puntos 3 e 4, unicamente unha fotocopia compulsada do NIF do titular.

Artigo 9º.-Procedemento.

Recibida cada solicitude de subvención e a súa documentación, será analizada e, se é o caso, requiriranse ós solicitantes para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación. Se transcorrido este prazo non se eliminaran as deficiencias observadas, as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán avaliadas pola comisión, segundo os criterios de concesión establecidos no artigo 7. O director xeral de Política Lingüística elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución comunicaráselle ós solicitantes e poralle fin á vía administrativa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

No prazo máximo de dez días contados a partir da notificación de cada resolución, as empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e dos compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Tamén por escrito e no mesmo prazo de dez días, deberán comunicarse á Dirección Xeral de Política Lingüística as renuncias ás subvencións concedidas, expresando as circunstancias polas que se producen.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a remiti-la xustificación correspondente, segundo se recolle no artigo 11º desta convocatoria e a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos, e non poderán solicita-lo cambio para outro proxecto. Tamén teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. A Dirección Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Nas publicacións, e unicamente neste caso, constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Xunta de Galicia, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa. O texto utilizado deberá ser: «Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística». O emprego indebido e/ou incorrecto deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións recollidas nesta orde, ábrese a partir da recepción da notificación da concesión da axuda, e rematará o día 15 de setembro do ano 2004.

Ata esa data as entidades deberán remiti-la seguinte documentación á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:

1. As facturas, contratos e nóminas e xustificantes de gasto que correspondan: os xustificantes dos gastos realizados deberán ser orixinais ou fotocopia compulsada, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda outorgada, excluído o IVE e, en calquera caso, a xustificación non poderá ser menor que o investimento mínimo esixido para a obtención das axudas. Só se cursarán requirimentos cando as facturas sexan incorrectas en tempo e/ou en forma.

2. Non terán a consideración de subvencionables, para cada unha das accións realizadas, os conceptos que a seguir se relacionan:

a) Gastos correntes da empresa: aluguer de locais, gastos de funcionamento (luz, auga, teléfono...), consumibles (cartuchos de tinta, diskettes, cintas, carretes de fotos, etc), material de oficina (bolígrafos, papel, etc.).

b) Adquisición de material inventariable (ordenadores, cámaras, etc.).

c) Gastos de desprazamento, manutención e aloxamento

d) Gastos relativos á celebración de cocktails e actos análogos.

e) Os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario.

Para os efectos da distribución non serán válidas as facturas expedidas polo organismo oficial de correos y telégrafos, unicamente se aceptarán como xustificantes os gastos facturados por outras empresas dedicadas á distribución.

Sempre que os xustificantes achegados sexan nóminas, deberá xuntarse unha certificación na que se acredite a parte proporcional empregada na realización da actividade subvencionada.

Os gabinetes lingüísticos precisarán o contrato de traballo do persoal que o constitúe e as nóminas expedidas durante o período de vixencia desta convocatoria.

As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre o día 1 de xaneiro e o 15 de setembro do ano 2004.

3. Relación numerada dos xustificantes mencionados no punto anterior, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

4. Certificado de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

5. Certificado de estar ó día nas obrigas tributarias expedido pola correspondente delegación ou axencia tributaria do Ministerio de Economía e Facenda.

6. Certificado de atoparse ó corrente nas obrigas sociais expedido pola Tesourería da Seguridade Social. Para isto, os traballadores suxeitos ó réxime de autónomos presentarán:

a) Unha certificación expedida a nome do propio traballador autónomo.

b) Unha certificación a nome da empresa beneficiaria da subvención, cando a denominación desta non coincida literalmente co nome do traballador.

7. Xustificación documental da realización do proxecto subvencionado mediante mostras materiais (dossier de prensa, disquetes, publicacións, fotogra

fías, vídeos, gravacións magnetofónicas, etc.) e do correcto emprego do galego nos termos do artigo 6º desta orde. Os gabinetes de normalización lingüística achegarán, para estes efectos, un dossier onde se recollan as actividades realizadas.

8. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades e, en caso afirmativo, a procedencia e contías recibidas.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 12º.-Libramento dos fondos.

Entregada correctamente a documentación recollida no artigo 11º, e unha vez que o beneficiario presente certificado de que se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e de que non ten pendente de pago ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Política Lingüística proporá o libramento dos fondos de acordo coa normativa orzamentaria vixente.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

Calquera alteración da actividade verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde, terá como consecuencia a revogación da axuda. A empresa interesada terá que reintegra-las cantidades percibidas, se as houber, e mailos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento.

No caso de que se lle conceda á empresa outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta orde, a empresa terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía das outras subvencións co límite do 100% do investimento da actividade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria