Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.338

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 4 de decembro de 2003 pola que se procede a convocatoria para o ano 2004 das subvencións para a renovación e mellora do pequeno comercio en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo XIII da Orde do 11 de marzo de 2002 publicada no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

A evolución da sociedade española nas últimas décadas deu lugar a unha clara variación do modelo de distribución comercial, que se atopa agora como un sector con certo desequilibrio. Esta situación fixo necesaria a elaboración dun conxunto de medidas dentro do marco dunha política de comercio interior que asegure ó sector tradicional do comercio a posibilidade de adaptarse ás novas necesidades que esixen as actuais circunstancias económicas, non só para garanti-la súa supervivencia, senón, así mesmo, para posibilitar que este tipo de comercio siga proporcionando á sociedade en boa parte os servicios de abastecemento, proximidade, diversificación da oferta e mantemento dos conxuntos urbanos que desde sempre viñeron prestando, mediante a creación dun Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia 2001-2004, que se orienta a dar resposta ós problemas actuais do sector.

A orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvención en materia de industria, enerxia, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG número 55, do 18 marzo, fixa os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuda no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autonoma de Galicia.

O amplo alcance desta orde que establece con vixencia ilimitada no tempo as normas básicas reguladoras na concesión de axudas e subvencións que outorgue a Conselleria de Innovación, Industria e Comercio nos seus distintos programas en materia de comercio, fai necesaria a súa concrección a traves da correspondente convocatoria para o exercicio 2004.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxeto desta orde é a convocatoria para o exercicio 2004 do programa de axudas e subvencións para a renovación e mellora do pequeno comercio a través de investimentos nas actividades subvencionables establecidas no anexo XIII axudas e subvencións para a renovación e mellora do pequeno comercio en desenvolvemento do Programa cuadrienal do sector comercial retallista de Galicia da orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

2. Poderán ser beneficiarios os comerciantes que teñan como actividade principal o comercio retallista, que non superen os 10 traballadores e que reúnan os requisitos que se establecen no anexo XIII da citada Orde do 11 de marzo de 2002.

Quedan excluídas as solicitudes presentadas por comerciantes retallistas que desenvolvan como actividade principal algunha das correspondentes ós seguintes epígrafes do imposto de actividades económicas:

646. Comercio polo miúdo de elaborados de tabaco e artigos de fumador.

652.1 Farmacias.

654.1 Comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

654.3 Comercio polo miúdo de vehículos aéreos.

654.4 Comercio polo miúdo de vehículos fluviais e marítimos de vela ou motor ou deportivos.

655. Comercio polo miúdo de combustibles, carburantes e lubricantes.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.521-V. 770.1 A empresas privadas. Apoio ó sector comercial retallista galego. Axudas ó comercio retallista, destinándose para o financiamento daquelas a cantidade de 1.200.000 euros.

Aplicación orzamentaria: 08.04.521-V.770.1.

Ano 2004: 1.200.000 euros.

O gasto que se proxecta tramítase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio para o ano 2004, de acordo co disposto no punto 3 do artigo 3º in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Esta cantidade poderá ser incrementada en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.500 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 7.000 euros, IVE excluído.

Dentro dos límites establecidos no punto anterior, a contía máxima da subvención que se outorgará non poderá superar en ningún caso o 50% do investimento subvencionable, IVE excluído.

O conxunto das axudas percibidas das distintas administracións públicas para un mesmo proxecto investidor non poderá exceder do 55% do investimento subvencionable, IVE excluído, de acordo coas directrices sobre axudas de Estado de finalidade rexional da Comisión Europea. Así mesmo, o conxunto de axudas públicas e privadas que poidan existir para o mesmo proxecto investidor non poderá supera-lo tope do 70% do investimento subvencionable, IVE excluído.

3. O réxime de axudas previsto nesta orde para o exercicio 2004 incluirá tódolos investimentos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2004.

Artigo 3º.-Presentación e prazo das solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse á documentación que a seguir se relaciona por duplicado, en orixinal ou copia compulsada, alomenos unha delas.

2.1. Documentos acreditativos da personalidade ou identidade do solicitante (DNI ou CIF no caso de sociedades) e, se é o caso, da representación coa que se actúa.

2.2. Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

2.3. Documentación acreditativa do número de traballadores da empresa (TC2) do mes anterior ó da presentación da solicitude, ou de se-lo caso certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores e último recibo de cotización ó réxime da Seguridade Social correspondente.

2.4. Fotocopia compulsada do último recibo do imposto de actividades económicas referente á actividade comercial que se realiza ou, de se-lo caso, certificado ou resolución de exención do imposto de actividades económicas (cando o beneficiario accede por primeira vez á actividade, deberá presentar copia de alta no IAE antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes).

2.5. Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2.6. Breve memoria descritiva do investimento que se vai realizar e obxectivos que se pretenden acadar.

2.7. Orzamentos ou facturas pro forma do investimento que se vai realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

2.8. Certificación acreditativa expedida pola asociación ou agrupación de comerciantes correspondente, de que o devandito investimento se enmarca dentro dun proxecto global promovido por elas, se é o caso.

2.9. Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou imposto de sociedades segundo o caso.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de marzo de 2004.

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude ou documentación que se xunta non reúne os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixera, se considerára desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación.

Os criterios de adxudicación establécense no anexo XIII, Axudas e subvencións para a renovación e mellora do pequeno comercio en desenvolvemento do Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia da orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, (DOG nº 55, publicado o 18 de marzo de 2002).

Non osbtante, valorarase especialmente a adquisición de equipamento informático vencellado á incorporación por parte do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso a Internet, operacións de sistemas de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da empresa (xestión de cliente, stock de compras, contable, etc.). O devandito proxecto deberá te-lo visto e prace previo da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Artigo 6º.-Resolución.

O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, á vista dos informes emitidos, dictará as resolucións de subvención que procedan. Estas resolucións de concesión terán como límite a cantidade consignada para este tipo de axudas na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004.

Na resolución de concesión farase consta-lo obxecto da subvención, o importe da actuación ou investimento que se vai realizar e a contía da subvención concedida.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contado desde a presentación da solicitude. O vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por duplicado os documentos que a seguir se relacionan:

a) Orixinal o no seu defecto copias compulsadas das facturas xustificativas da materialización do investimento, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento do investimentos realizados.

b) Presentación de certificados de estar ó día nas súas obrigas coa Facenda Estatal e Seguridade Social.

c) Certificación acreditativa da non existencia de débedas de natureza tributaria coa Xunta de Galicia.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicas e entidades privadas.

e) Calquera outra documentación ou información adicional que se considere oportuna para garanti-lo cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

2. A documentación de xustificacion indicada no punto anterior deberá presentala o beneficiario coa data límite do día 30 de setembro de 2004, salvo que se estableza outra data distinta na resolución de concesión, na respectiva delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A falta de xustificación suporá a anulacion da subvención concedida.

Artigo 8º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle xuntará a documentación da xustificación do investimento unha certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, poderanse efectuar pagamentos parciais das subven

cións concedidas ou autorizar anticipos con suxeción ó establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que esta garantida a consecución do obxecto e o investimento realizado non sexa inferior á contía mínima establecida no artigo 2.2º. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, aplicarase o establecido no artigo 2.2º.

Artigo 9º.-Control e comprobación dos investimentos.

Os investimentos realizados deberán permanecer no establecemento comercial aberto ó público declarado polo comerciante na solicitude.

No caso de vendedores ambulantes, deberán declarar na solicitude onde se localiza o investimento.

Excepcionalmente, de maneira razoada, poderá presentarse solicitude de cambio de situación do investimento para a súa autorización pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Tódolos investimentos deberán permanecer polo menos 3 anos desde a súa concesión no establecemento comercial declarado, salvo petición razoada a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que poderá autoriza-la excepción ó prazo.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio en calquera momento poderá inspecciona-los investimentos realizados.

Disposición adicional

Para os efectos desta orde considérase actividade principal aquela na que se obteñan os maiores ingresos segundo a declaración da renda no caso das persoas físicas, e no imposto de sociedades no caso das persoas xurídicas. No caso de tributar por módulos entenderase que os maiores ingresos corresponden á actividade a que estimen maiores rendementos.

Disposición transitoria

As solicitudes de axudas para a modernización e mellora do pequeno comercio que non puideron ser atendidas no exercicio 2003 e sempre que reuniran os requisitos e observaran os prazos establecidos na súa normativa reguladora, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios que financien esta orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio