Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 01 de decembro de 2003 Páx. 14.746

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2003 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración entre a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado e o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais para a catalogación e investigación do patrimonio escénico e musical galego.

A Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, indica no seu artigo 9 que corresponderá ó IGAEM exerce-las funcións de actualización do inventario e catalogación do patrimonio escénico e musical galego e informar permanentemente sobre el.

A catalogación do dito patrimonio escénico, abarca o teatro, a música e a danza, vénse realizando no Centro de Documentación das Artes Escénicas de Galicia do IGAEM, estando na actualidade en fase de recompilación do diverso material de interese.

Con data do 15 de marzo de 1999, asínase o convenio de colaboración cultural no marco teatral entre o IGAEM e a Universidade da Coruña, establecéndose na cláusula 7.2 do convenio a creación de dúas bolsas de formación para a catalogación tanto do

arquivo da Biblioteca Teatral Francisco Pillado como do Centro de Documentación do IGAEM.

Por isto esta, xerencia

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais convoca un proceso de selección de dúas persoas en réxime de bolseiros para a catalogación e investigación do patrimonio escénico e musical galego. O desenvolvemento da actividade obxecto da bolsa será principalmente na cidade da Coruña, podendo para os efectos prácticos derivados do convenio desenvolverse parcialmente no Centro de Documentación e Arquivo do IGAEM en Santiago de Compostela.

Segundo.-Duración e dotación económica.

O desfrute da bolsa comprenderá o período desde o 19 de xaneiro ata o 18 de decembro de 2004 inclusive.

A dotación económica da cada bolsa será 601,01 euros brutos mensuais, ou parte proporcional en período inferior ó mes (referencia mes natural: 30 días), con cargo á aplicación orzamentaria 1060.354A.480.0 do orzamento de gastos do ano 2004, condicionada á existencia de crédito suficiente.

A presente convocatoria determinará a elaboración dunha lista de aspirantes por proposta do tribunal correspondente. Unha vez comprobada a existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2004, e mediante resolución da xerencia do IGAEM, será ofrecido ós aspirantes da lista, por orde de prelación, a toma de posesión como bolseiro.

Terceiro.-Naturaleza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarto.-Requisitos dos participantes.

1. Ter cumpridos os 18 anos.

2. Titulación:

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan algún dos requisitos seguintes:

a) Licenciados en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Portuguesa.

b) Licenciados en Biblioteconomía.

c) Licenciados en Historia (itinerario: patrimonio documental e bibliográfico).

d) Licenciados en Informática.

3. Os solicitantes deberán demostra-lo dominio oral e escrito da lingua galega.

4. Non ter permanecido como bolseiro/a da Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pilllado tres ou máis anos, entendéndose por ano cada convocatoria anual de once meses (máximo 33 meses).

5. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, salvo as concedidas para estudios regrados; ou no seu defecto, o compromiso de non atoparse en ningunha destas situacións excluídas no momento en que se outorguen as bolsas.

6. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Quinto.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro do IGAEM (Pavillón de Galicia en San Lázaro s/n) segundo artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ata o día 10 de decembro de 2003, a documentación seguinte:

a) Instancia de admisión segundo o modelo anexo.

b) Fotocopia do DNI compulsada.

c) Acreditación da titulación presentada mediante orixinal, fotocopia compulsada ou cotexada.

d) Currículum vitae, coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Unicamente serán tidos en conta os méritos convenientemente acreditados mediante orixinal, fotocopia compulsada ou cotexada.

e) Declaración responsable de:

-Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, salvo as concedidas para estudios regrados; ou no seu defecto, o compromiso de non atoparse en ningunha destas situacións excluídas no momento en que se outorguen as bolsas.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

f) Certificado do IGAEM do período disfrutado como bolseiro/a da Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pilllado, se é o caso.

Sexto.-Tribunal.

Presidente: o presidente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

Vocais:

Pola Universidade da Coruña:

Tres membros por ela designados.

Polo IGAEM:

Dous membros do cadro de persoal do IGAEM.

Secretaria, con voz e sen voto: un representate do persoal administrativo do cadro de persoal do IGAEM.

Sétimo.-Criterios para a selección do bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme estableza o tribunal de selección consensuadamente. En todo caso, a baremación desagregarase do xeito seguinte:

a) Valoración do expediente académico.

b) Valoración dos cursos e experiencia na materia relacionada co contido da bolsa.

O máximo de puntuación desta fase será de 60 puntos. Os aspirantes que acaden unha puntuación de máis de 40 puntos, serán convocados a unha entrevista sobre os seus méritos curriculares e a experiencia que poidan achegar. Esta entrevista terá unha valoración de ata 40 puntos que será acumulada á puntuación anterior.

Finalmente o tribunal fará pública, nos taboleiros de anuncios do IGAEM e da sede do Rectorado da Universidade da Coruña, a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitavo.-Réxime de colaboración.

1. Os aspirantes seleccionados incorporaranse logo da aceptación da bolsa, a partir do día 19 de xaneiro de 2004. O horario de desenvolvemento das actividades relacionadas coa bolsa será o establecido pola Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado, e se é o caso, polo Centro de Documentación do IGAEM, en función da programación das actividades obxecto da bolsa.

Non obstante, e independentemente do lugar de desenvolvemento das actividades, o IGAEM exercerá o control e coordinación baixo a tutela do responsable do Centro de Documentación e baixo a superior dos órganos da Xerencia do IGAEM.

No caso de que os aspirantes que ocupen os dous primeiros lugares non poidan, por calquera motivo, presta-la súa colaboración, serán substituídos polos candidatos seguintes por orde de puntuación.

2. Os traballos realizados quedarán, en todo caso, en propiedade do Centro de Documentación das Artes Escénicas de Galicia dependentes do IGAEM.

3. O pagamento da bolsa realizarase con carácter mensual logo de certificación do responsable titorial de cumprir co traballo de formación encomendado.

4. Os/As bolseiros/as terán dereito ó desfrute, durante o período da bolsa, dos días de vacacións que proporcionalmente lles correspondan nun cómputo de 2,5 días por mes traballado, establecidos sempre de acordo co responsable titorial.

5. Serán causas de suspensión temporal ou perda definitiva da bolsa, segundo os casos:

a) Renuncia por parte do interesado.

b) O incumprimento das tarefas de colaboración.

c) O incumprimento dalgún dos requisitos recollidos na base 4ª desta convocatoria.

En caso de sanción, esta será imposta polo xerente do IGAEM, logo do informe do responsable titorial e logo da correpondente audiencia do bolseiro.

Noveno.-Cláusula xeral.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases e a lexislación relativa ó IGAEM.

Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación dos documentos non recollidos.

Esta convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecida pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, podendo interpoñer contra esta resolución recurso potestativo de reposición ante o IGAEM, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación deste anuncio no DOG ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante a xurisdicción contencioso-administrativa no prazo de dous meses contado desde o día seguinte á insercción deste anuncio no DOG.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2003.

José Manuel Soto Virulegio

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais

ANEXO

Modelo de instancia

D/Dª... con DNI..., de... anos de idade, natural de... con domicilio habitual na rúa... localidade..., provincia..., CP... teléfono...

Expón que crendo reuni-los requisitos e condicións que sinala a convocatoria para a concesión de bolsas para a catalogación do material e fondos relacionados coas artes escénicas e musicais galegas do Arquivo da BibliotecaTeatral Francisco Pillado durante o ano 2004.

Solicita participar na convocatoria da cobertura, manifestando que acepta as condicións e mailos compromisos que figuran na convocatoria, achegando á presente solicitude a documentación indicada na cláusula quinta das bases da devandita convocatoria.

..., ... de... de 2003.

Sinatura do/a solicitante

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Santiago de Compostela