Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 23 de outubro de 2003 Páx. 13.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 381/2003, do 2 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do alargamento e mellora da estrada AC-302 A Pobra-Oleiros (Ribeira). Clave: AC/03/094.01.

Con data do 18 de xullo de 2003 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado do alargamento e mellora da estrada AC-302 A Pobra-Oleiros (Ribeira). Clave: AC/03/094.01.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración de urxente ocupación pola súa incidencia na seguridade vial, xa que tres actuacións de interese implantáronse recentemente: A) O polígono industrial da Tomada xerador de tráfico pesado cara ó porto e vila da Pobra por un lado e a vía rápida por outro. B) A Vía Rápida VR-G.1.1 co enlace A Pobra Sur que sae á estrada que nos ocupa, facilitando tamén os destinos cara ás localidades do norte é dicir: Oleiros, Xuño, Corrubedo, Porto do Son, e outros, xeradora dun importante tráfico. C) O Hospital Comarcal do Barbanza situado en Oleiros (gran parte do tráfico novo xerado polo hospital procede do lado sur da Península do Barbanza). Todo iso

esixe aumenta-la visibilidade das curvas, mellora-las rasantes implanta-las necesarias sinalizacións verticais e horizontais, controla-los accesos á estrada, así como outras actuacións, tendo en conta, ademais o importante tráfico de peóns pola estrada como, entre outros, traballadores accedendo ó polígono industrial, viandantes camiño da Curota, devotos accedendo ó cruceiro de Ánimas na Romería en honor a Santa de Moldes, e usuarios accedendo ó Hospital do Barbanza, o cal confire ó tramo de estrada un alto grao de perigosidade, resolto deixando a marxe dereita da estrada unha berma que permitirá o tránsito de peóns cun maior grado de seguridade.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado do alargamento e mellora da estrada AC-302 A Pobra-Oleiros (Ribeira). Clave: AC/03/094.01.

Santiago de Compostela, dous de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda