Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 15 de outubro de 2003 Páx. 12.810

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 370/2003, do 2 de outubro, de uso da tarxeta sanitaria para o acceso á prestación farmacéutica.

A Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento, no seu artigo 95.3º establece a obriga dos usuarios de xustifica-lo seu dereito á prestación farmacéutica cando así lle sexa requirido polo persoal facultativo do Sistema Nacional de Saúde ou nas farmacias dispensadoras.

O Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a tarxeta sanitaria é o documento emitido pola Consellería de Sanidade que identifica os cidadáns residentes en Galicia protexidos polo sistema sanitario público, e os acredita para o acceso ós servicios e prestacións sanitarias que teñan legalmente recoñecidas, financiadas a través da Xunta de Galicia.

Unha destas prestacións é a farmacéutica, á que os cidadáns teñen acceso a través da súa prescrición en receita oficial do Sistema Nacional de Saúde e a súa posterior dispensación naqueles establecementos de atención farmacéutica autorizados, require da acreditación do dereito a antedita prestación.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a tarxeta sanitaria individual identifica e acredita os cidadáns para o acceso ás prestacións sanitarias, polo que resulta conveniente que para o acceso á prestación farmacéutica sexa necesario utilizar tamén a tarxeta sanitaria individual, de xeito que co mesmo medio se poida mellora-la identificación dos usuarios ós que se dirixe a prescrición de medicamentos e productos sanitarios incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde, así como para asegurar unha terapéutica racional e orientada ás necesidades propias de cada cidadán, garantindo en tódolos casos a confidencialidade dos datos incluídos nas receitas para os efectos de preserva-la intimidade persoal e familiar dos cidadáns.

Na súa virtude, ó abeiro do establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co dictame nº 225/2003, do oito de maio de dous mil tres, do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto:

1. Para obte-la prestación farmacéutica a través de receita oficial do Sistema Nacional de Saúde con cargo ó Servicio Galego de Saúde, deberase presenta-la tarxeta sanitaria nos establecementos, centros e servicios sanitarios autorizados para a prescrición da prestación farmacéutica, así como naqueles establecementos e servicios autorizados para a

súa dispensación, como documento identificativo e acreditativo para o acceso ós servicios e prestacións sanitarias que teñan legalmente recoñecidas.

A presentación da tarxeta poderá facela o propio titular, ou outra persoa no seu nome cando aquel se atope imposibilitado para acudir ó punto de dispensación.

2. Os usuarios do Sistema Nacional de Saúde procedentes doutras comunidades autónomas identificaranse co documento acreditativo do seu dereito á asistencia sanitaria.

3. No caso de urxencia, que se fará constar na receita, poderase proceder á dispensación da prestación farmacéutica prescrita sen necesidade da presentación da tarxeta sanitaria individual.

Artigo 2º.-Datos de obrigada constancia para a prestación farmacéutica.

1. O código de identificación persoal e o tipo de prestación farmacéutica dos usuarios, contido na tarxeta sanitaria individual, faranse constar no punto destinado á identificación do paciente ou usuario nas receitas que se emitan por conta ou con cargo ó Servicio Galego de Saúde.

2. Non se poderán dispensa-las receitas sen a consignación dos datos indicados nos puntos anteriores.

Artigo 3º.-Obrigas.

1. Os facultativos médicos e odontólogos, para o uso de receitas oficiais do Servicio Galego de Saúde, no momento de efectua-la prescrición dos medicamentos e productos sanitarios incluídos na prestación farmacéutica, incluirán nas receitas os datos recollidos no artigo anterior, xunto cos demais de obrigado cumprimento que deban constar nelas de conformidade coas normas regulamentarias estatais que regulan o seu contido.

2. Os farmacéuticos das oficinas de farmacia, co obxecto de executa-la dispensación da prestación farmacéutica prescrita, comprobarán a constancia dos datos a que se refire o artigo anterior, e solicitarán a exhibición da tarxeta sanitaria individual para comproba-la súa correspondencia. Así mesmo, unicamente poderán utiliza-los datos da tarxeta sanitaria individual e das receitas para aquelas funcións derivadas da dispensación ó usuario dos medicamentos e productos sanitarios incluídos na prestación sanitaria pública, e para a facturación ó Servicio Galego de Saúde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Co obxecto de garanti-la confidencialidade dos datos relativos á saúde, establecida pola Lei 41/2002, do 14 de novembro, reguladora da autonomía do paciente e dos dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, adoptaranse as medidas necesarias para que os instrumentos contractuais vixentes para a prestación farmacéutica se adecuen ó disposto na citada normativa básica.

Segunda.-Para dar cumprimento ó disposto neste decreto, procederase á creación do correspondente ficheiro automatizado de datos, que recolla as especificacións contidas nesta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para adopta-las medidas necesarias para a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, co obxecto de levar a cabo os axustes e medidas necesarias para o seu cumprimento.

Santiago de Compostela, dous de outubro de dous mil tres.

P.E.

José Antonio Orza Fernández

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA