Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 23 de setembro de 2003 Páx. 11.971

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2003 pola que se convoca un curso sobre dilixencias á autoridade xudicial por alcoholemias.

Dentro das actividades programadas para o ano 2003, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial de Lugo, anúnciase a realización dun curso sobre dilixencias

á autoridade xudicial por alcoholemias, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo xeral dota-los policías dos coñecementos normativos e operativos fundamentais para o trámite de todo tipo de dilixencias relacionadas co tráfico e a seguridade viaria. Así como coñece-la actualización recente sobre delictos que se van axuizar polo procedemento de urxencia e tódolos aspectos relacionados con estes.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Lugo.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de policía local da provincia de Lugo.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de outubro de 2003, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Lugo (Área de Formación (fax: 982 26 01 69)): rúa San Marcos, nº 8, 27001 Lugo; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 13 ó 17 de outubro de 2003.

O horario será de 16.00 a 20.00 horas.

Contido.

O curso desenvolverase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos:

I. Os accidentes e os delictos contra a seguridade do tráfico, desde o punto de vista xudicial. Tipos e clases. A adopción de medidas cautelares.

II. O atestado policial. Conceptos e dilixencias xerais do atestado.

III. O atestado por accidente de tráfico. Dilixencias e informes necesarios que deben completa-lo atestado. A investigación de accidentes de tráfico.

IV. A alcoholemia nos conductores. A intervención policial nestes casos. Dilixencias que deben desenvolver segundo as circunstancias.

V. Outros delictos contra a seguridade do tráfico. A importancia destes. A instrucción de atestados e as dilixencias que comprenden.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 10 de outubro a partir das 14.00 horas, tanto pola Deputación Provincial de Lugo como pola Academia Galega de Seguridade. Os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 982 26 00 64/982 26 00 65 (Área de Formación da Deputación Provincial de Lugo).

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Viveiro, quedando por concreta-lo seu lugar de realización, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este.

Modificacións.

Tanto pola Academia Galega de Seguridade como pola Deputación Provincial de Lugo, se é o caso, poderase modifica-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 12 de setembro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade