Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 23 de setembro de 2003 Páx. 11.945

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 351/2003, do 11 de setembro, de regulación da duración dos procedementos disciplinarios ó persoal estatutario que presta servicios no Servicio Galego de Saúde.

Exposición de motivos.

A normativa de réxime disciplinario do persoal estatutario facultativo, non facultativo e non sanitario que presta servicios no ámbito dos distintos niveis que integran a atención sanitaria aparece dispersa en corpos normativos de rango e antigüidade diferentes.

Así, a normativa básica estatal contense principalmente en tres normas: o Decreto 3160/1966, relativo ó persoal facultativo; a Orde do 26 de abril de 1973, relativa ó persoal non facultativo; e a Orde do 5 de xullo de 1971, relativa ó persoal non sanitario.

Estes instrumentos normativos establecen a duración máxima do iter procedemental, determinando a súa duración máxima do seguinte xeito:

O artigo 70 do Decreto 3160/1966 establece unha duración máxima de dous meses, agás a concorrencia de situacións xustificadas que impidan a súa conclusión no prazo sinalado.

O artigo 131, paragrafo 3º, da Orde do 26-4-1973 establece tamén unha duración máxima de dous meses desde a súa incoación, agás que circunstancias xustificadas impidan a súa conclusión.

O artigo 69.6º da Orde do 5-7-1971 reproduce unha vez máis a redacción dos preceptos citados anteriormente.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 84.1º determina: «O persoal da Seguridade Social regulado no Estatuto xurídico de persoal médico da Seguridade Social, no Estatuto do persoal sanitario titulado e auxiliar de clínica da Seguridade Social, no Estatuto do persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social, o persoal das entidades xestoras que asuman os servicios non transferibles e os que desempeñen o seu traballo nos servicios de saúde das comunidades autónomas rexeranse polo establecido no estatuto-marco que aprobará o Goberno no desenvolvemento desta lei, todo isto sen prexuízo do previsto no artigo 87 desta lei».

Este estatuto-marco contería tamén -segundo o parágrafo 2º do mesmo artigo 84- as normas básicas aplicables en materia de réxime disciplinario.

O mesmo precepto no seu punto terceiro recoñécelles ás comunidades autónomas a capacidade de dicta-las súas normas en materia de persoal, que se axustarían ó disposto no estatuto-marco previsto no ano 1986.

O artigo 85 da Lei 14/1986 determina tamén a aplicabilidade da lexislación en materia de función pública, e indica que as comunidades autónomas poden, no exercicio das súas competencias, dicta-las normas de desenvolvemento da lexislación básica do réxime estatutario destes funcionarios.

O artigo 73 da citada Lei 4/1988 fai extensivo ós funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime disciplinario establecido na normativa do Estado (Lei 30/1984, do 2 de agosto). Sen embargo, esta última non establece prazo máximo para resolve-los procedementos, polo que en aplicación do previsto nos artigos 28, 33.2º e 33.4º do Estatuto de autonomía, a Comunidade Autónoma pode acomete-la regulación do réxime estatutario dos seus funcionarios -dentro das normas básicas estatais dictadas ó abeiro do artigo 149.1º.18 da Constitución-, tendo en conta que o artigo 33.2º do Estatuto de autonomía de Galicia determina que en materia de Seguridade Social correspóndelle a aquela o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado, agás o relativo ó seu réxime económico.

Finalmente, o artigo 33.4º do noso Estatuto de autonomía determina a competencia para organizar e administrar dentro do noso territorio tódolos servicios relacionados coas materias expresadas, exercendo a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de Sanidade e Seguridade Social.

Polas razóns indicadas a Comunidade Autónoma pode acomete-la regulación do procedemento disciplinario aplicable ó seu persoal estatutario, ou cando menos determina-la súa duración máxima, coa limitación neste caso imposta polo artigo 42.2º da Lei 30/1992, que esixiría unha norma con rango de lei cando a duración do procedemento -prazo para resolver e notificar- se fixase por riba dos seis meses.

Por todo isto, cómpre aborda-la regulación do prazo máximo de tramitación dos expedientes, cunha dobre finalidade: establecer un prazo de tramitación que permita o desenvolvemento axeitado e eficaz de tódalas súas fases, e permitir que as actuacións instructoras e medios probatorios acordados de oficio ou propostos polos interesados teñan un espacio temporal que garanta a súa plena realización.

Agardando a definitiva aprobación do estatuto-marco estatal, cómpre poñer solución ás cuestións indicadas abordando por medio deste decreto o aspecto relativo á duración máxima dos procedementos disciplinarios tramitados verbo do persoal estatutario que desenvolve a súa actividade no Servicio Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo creado por Lei 1/1989 (modificada por Lei 8/1991) e adscrito á Consellería de Sanidade.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de conformidade co dictame nº 429/03 do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de setembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto determina-lo prazo máximo de tramitación dos procedementos disciplinarios incoados ó persoal estatutario que desenvolva a súa actividade no Servicio Galego de Saúde, contado desde o acordo de incoación do procedemento ata a notificación da resolución que, se é o caso, recaia.

Artigo 2º.-Ámbito subxectivo.

O establecido neste decreto aplicarase ós expedientes disciplinarios incoados ó persoal abranguido polas seguintes normas estatais: Decreto 3160/1966, relativo ó persoal facultativo; a Orde do 26 de abril de 1973, relativa ó persoal non facultativo; e a Orde do 5 de xullo de 1971, relativa ó persoal non sanitario, que desenvolvan a súa actividade no ámbito do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 3º.-Prazo máximo de duración dos procedementos disciplinarios incoados ó persoal estatutario do Sergas.

O prazo máximo de duración dos procedementos será de seis meses, contados entre o acordo de iniciación e a notificación da resolución que, se é o caso, recaia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Sanidade para dicta-las disposicións e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e efectiva aplicación do previsto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de setembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade