Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 04 de setembro de 2003 Páx. 11.284

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2003 pola que se convoca un curso sobre actuación policial nos casos de violencia de xénero.

Dentro das actividades programadas para o ano 2003 en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a celebración dun curso sobre actuación policial nos casos de violencia de xénero, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñece-la normativa xurídico-penal e procesual para os delictos e faltas deste tipo.

-Domina-la operativa profesional nos casos de malos tratos ás mulleres.

-Saber qué procedementos se deben seguir segundo a casuística de que se trate, así como os recursos asistenciais, legais e institucionais que se poden utilizar.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de policía local da provincia de Ourense.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 12 de setembro de 2003, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Ourense-Departamento de Formación Continua (fax: 988 38 52 15): rúa Progreso nº 30, 32003 Ourense; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 22 ó 26 de setembro de 2003.

O horario será de 17.00 a 21.00 horas.

Contido.

O curso desenvolverase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos:

* Módulo I. Tratamento socio-asistencial.

-O maltrato como problema social. Situación actual do maltrato, con especial referencia a Galicia. Características, tipos e causas.

-Constantes nos casos de violencia de xénero. O ciclo da violencia.

-Consecuencias do maltrato. A asistencia institucional. Recursos e servicios sociais dirixidos ás víctimas.

-Outras instancias de apoio ós prexudicados.

* Módulo II. Tratamento procesual-penal.

-A violencia na familia e contra a muller desde a perspectiva xudicial.

-A necesidade dunha práctica policial axeitada a este tipo de delictos.

* Módulo III. Tratamento e operativa policial.

-Asistencia ás víctimas deste tipo de delictos.

-Intervención policial e primeiras dilixencias.

-A investigación e a recollida de probas e testemuñas.

-Operativa policial ordinaria.

-A interacción con outras institucións de axuda ás víctimas.

* Módulo IV. Tratamento nos medios de información.

-O tratamento dos casos de violencia intrafamiliar de cara á creación dunha opinión pública solidaria e consciente.

-A especial consideración da violencia contra a muller ou de xénero.

-A necesidade dun exercicio profesional rigoroso, con ausencia de morbo.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 17 de setembro a partir das 14.00 horas, tanto pola Deputación Provincial de Ourense como pola Academia Galega de Seguridade, que os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 988 38 51 42 (Departamento de Formación Continua da Deputación Provincial de Ourense).

Lugar.

O curso desenvolverase nas aulas do centro cultural da Deputación Provincial de Ourense sito na rúa Progreso nº 30.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial de Ourense, se é o caso, pode

rán modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 18 de agosto de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade