Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Xoves, 28 de agosto de 2003 Páx. 10.982

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de agosto de 2003 pola que se convocan os Premios Galicia de Comunicación 2003.

A fin de promocionar todo o que contribúa a profundar na realidade galega, así como para recompensar publicamente o labor que profesionais, institucións e empresas da comunicación veñen realizando neste sentido, esta consellería, a través da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos, convoca os Premios Galicia de Comunicación 2003. Para tal efecto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os Premios Galicia de Comunicación 2003 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo á presente orde. Os gastos, por un importe global de trinta e seis mil setenta e dous (36.072,00 A) euros, serán sufragados con cargo á partida 04.07.361A. 640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2003.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria dos Premios Galicia de Comunicación 2003

Primeira.-Poderán optar a estes premios os profesionais, empresas e institucións que durante o ano 2003 realizasen un destacado labor no ámbito da comunicación que contribuíse ó afondamento e difusión da realidade galega.

Segunda.-Os Premios Galicia de Comunicación 2003, dotados cada un deles coa contía de seis mil doce (6.012,00 A) euros, serán seis:

1) Premio á mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos, referida a esta Comunidade Autónoma.

2) Premio ó mellor labor de comunicación en medios impresos, referido a esta Comunidade Autónoma.

3) Premio ó mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos, referido a esta Comunidade Autónoma.

4) Premio ó mellor labor de comunicación en medios radiofónicos, referido a esta Comunidade Autónoma.

5) Premio ó mellor labor de comunicación en televisión, referido a Galicia.

6) Premio á mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos rematará o día 15 de outubro de 2003.

Cuarta.-A presentación farase en sobre cerrado e a solicitude virá asinada polo interesado ou persoa ou institución que propoña o outorgamento do premio en favor dun terceiro. No exterior do sobre figurará como enderezo a Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos (edificio administrativo de Presidencia, San Caetano, Santiago de Compostela) e conterá a documentación seguinte:

a) Se o traballo se difundiu nunha publicación periódica, achegaranse seis exemplares do xornal ou revista no que aparece, indicando cal é o traballo e a que premios opta, así como o nome e enderezo do autor.

Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, cumprirá presentar un certificado da empresa xornalística correspondente que acredite quen é o autor.

b) Se o traballo se radiou ou emitiu pola televisión, presentará dúas fitas co programa ou programas, indicando a que premio opta, así como o nome e enderezo do autor. Presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mailo autor.

c) No suposto de concorrer á modalidade establecida no nº 6 da base segunda, xuntarase memoria explicativa do destacado labor realizado no campo da comunicación, con documentación acreditativa dos puntos contidos na memoria de referencia.

Quinta.-O xurado ou xurados para a adxudicación destes premios serán nomeados polo secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos. Constituirano persoas escollidas polos seus coñecementos nas materias obxecto dos premios.

Sexta.-Á marxe do exposto no parágrafo cuarto destas bases, os membros do xurado ou xurados poderán presentar libremente cantos profesionais, empresas ou institucións consideren merecedoras de optaren a estes premios.

Sétima.-O veredicto do xurado ou xurados farase público nun acto que terá lugar nun prazo non inferior ós 15 días seguintes á data de recepción dos traballos.

Oitava.-Os traballos recibidos non se lles devolverán ós autores. A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos reserva para si o dereito a publicar ou emiti-los traballos premiados, sen fin de lucro.

Novena.-As decisións do xurado ou xurados serán inapelables e o premio ou premios que este considere oportuno poderán ser declarados desertos.

Décima.-A participación neste premio supón a aceptación incondicional das presentes bases.