Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 25 de agosto de 2003 Páx. 10.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 346/2003, do 24 de xullo, polo que se desafectan do dominio público diversos inmobles das antigas cámaras agrarias locais da Laracha, Láncara, Triacastela e A Cañiza.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles para os fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Tendo en conta as solicitudes de cesión de uso presentadas, así como os informes favorables da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 21 de maio, 9, 11 e 18 de xuño de 2003, foi tramitado pola Consellería de Economía e Facenda, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, expediente de desafectación do dominio público de varios inmobles.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Edificio de planta baixa no lugar ó que lle chaman Granda, dunha superficie de 142,20 m, con terreo unido, tendo todo o conxunto unha mensura de 304 m, situado na parroquia de Torás, municipio da Laracha (A Coruña), hoxe avenida de Fisterra, nº 130. Estrema: norte, herdeiros de Antonio Barreiro; sur, estrada á Coruña; leste, Jesusa Zas Castiñeiras; e oeste, Máximo Zas Castiñeiras.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Carballo no tomo 1.030, libro 135, folio 107, predio nº 5802, inscrición 4ª.

2. Predio no sitio de Candedo, parroquia de San Vicente de Carracedo, municipio de Láncara (Lugo), dunha superficie aproximada de 120 m, de forma rectangular de 10 metros en dirección leste-oeste e 12 metros en dirección norte-sur, desde o punto de vista da terminación do predio rexistral nº 5360. Estrema: norte, parcela rexistral nº 5360 da Comunidade Autónoma de Galicia; sur e leste, co resto do predio matriz; e oeste Ángel Rivera.

Inscrito no Rexistro da Propiedade no tomo 341, libro 57, folio 177, predio nº 5361, inscrición 3ª.

3. Edificio de planta baixa que ten unha superficie construída de 151 m, cun anexo polo seu vento norte de 25 m, que se asenta sobre un soar que ten unha cabida de 324 m, situado no quilómetro 1 da estrada de Triacastela ó alto de Albela, actualmente na vila e termo municipal de Triacastela (Lugo). Estrema: fronte ou oeste, en liña de 18 metros, coa estrada da súa situación; e leste, norte e sur, en liñas respectivas de 18 metros, outro predio dos donantes, Elena Díaz Díaz e fillos.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Becerreá no tomo 429, libro 35, folio 112, predio nº 2496, inscrición 3ª.

4. Edificio dunha planta, que ocupa 142 m de superficie do seu soar de 2.398 m, ó que lle chaman Laranxeiras, situado no lugar de Valeixe, termo municipal da Cañiza (Pontevedra). Linda: norte, regato e Cooperativa do Campo Santa Teresa; sur, estrada e Leopoldo González e Ramón Lorenzo; leste, camiño e a citada cooperativa; e oeste, estrada e herdeiros de Ramón Rodríguez Pintelos.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ponteareas no tomo 911, libro 85, folio 196, predio nº 9608, inscrición 3ª.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda