De conformidade co disposto no artigo 59.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícaselle á persoa que no anexo se menciona o acordo de iniciación dictado nun expediente sancionador por infracción da Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, de protección da seguridade cidadá, por non ser posible a súa notificación.
A competencia para impoñer esta clase de sancións correspóndelles ós delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local segundo o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, desenvolvido polo Decreto 360/1996, do 26 de setembro, de atribución ós órganos da Comunidade Autónoma de Galicia do exercicio da potestade sancionadora en materia de espectáculos públicos, en relación co artigo 29.1º d) da Lei orgánica 1/1992.
Noméase instructora do expediente a Margarita Olmo Bosco, xefa do Servicio de Interior e secretaria a María del Mar Ferreiro Broz, posto base do grupo B, que poderán ser recusados en calquera momento da tramitación do expediente nos casos e na forma prevista no artigo 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. O interesado disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta notificación, para exerce-lo dereito de audiencia e formular alegacións, presentar documentos ou informacións que coide convenientes na súa defensa e, se é o caso, propoñer proba, podendo
recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade cos efectos previstos no artigo 8 do Real decreto 1398/1993.
No suposto de non efectuar alegacións sobre o contido da iniciación do procedemento, no prazo indicado, a iniciación poderá ser considerada proposta de resolución cos efectos previstos nos artigos 18 e 19 do Real decreto 1398/1993.
En cumprimento do artigo 42.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) infórmaselle que o prazo máximo para resolver e notifica-lo procedemento é de seis meses contados desde o acordo, de conformidade co artigo 20.6º do Real decreto 1398/1993; e no suposto do vencemento do prazo sen ter dictado resolución, producirase a caducidade do procedemento co arquivo das actuacións, segundo sinala o artigo 44.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Informámoslle igualmente que a tramitación do expediente se realiza nesta Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, sita en Fernando Macías 18-1º, da Coruña.
A Coruña, 31 de xullo de 2003.
Manuel L. Silva Constenla
Delegado provincial da Coruña
ANEXO
Número de expediente: AC-EP 455/2003.
Denunciado: Emilio Piedra López.
Enderezo: avda. da Feira nº 15-1º C, Padrón.
Establecemento: Club Caribe.
Precepto infrinxido: artigo 26.e) da Lei orgánica 1/1992.
Precepto sancionador: artigo 28 da Lei orgánica 1/1992.
Multa máxima: ata 300,51 euros.