Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 14 de agosto de 2003 Páx. 10.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 1 de agosto de 2003 pola que se regulan as axudas para a realización de programas de prevención do alcoholismo.

De conformidade co Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, creadora do Servicio Galego de Saúde como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Sanidade, asígnalle, entre outras, no artigo 3, a función de desenvolvemento de tódalas áreas que configuran o concepto integral de saúde (física, mental, social ou de relación e ecolóxica ou ambiental) xestionando a sanidade en tódalas súas facetas: información e educación sanitarias, protección da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria e rehabilitación.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, ten por obxecto establece-las directrices xerais de actuación na saúde mental e na asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección da saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

O Servicio Galego de Saúde, consciente da importancia que para soluciona-lo problema do alcoholismo teñen as asociacións que realizan programas

de prevención do enfermo alcohólico mediante un traballo desenvolvido, fundamentalmente, a través do voluntariado, quere colaborar mediante unha liña de subvencións correntes con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Polo exposto, conforme o establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O Servicio Galego de Saúde poderá conceder subvencións, ata o límite sinalado na correspondente partida orzamentaria, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento dos seguintes programas de prevención do alcoholismo:

-Programas de apoio á abstinencia e promoción de estilos de vida e hábitos saudables (centrados en persoas que están en abstinencia e non sometidas a tratamento ambulatorio, aínda que precisen actividades de apoio).

-Programas de prevención de recaídas (dirixidos a pacientes que se atopan a tratamento ambulatorio e que están en proceso de rehabilitación).

-Campañas de sensibilización da poboación (centradas en difundirlle á poboación, de forma selectiva ou xenérica segundo os casos, información sobre a problemática relacionada co abuso do alcohol).

Artigo 2º.-Requisitos dos programas.

1. O desenvolvemento de cada un destes programas deberá axustarse ó seguinte guión:

a) Xustificación do programa.

b) Obxectivo do programa.

c) Intervencións propostas: para cada unha delas describirase a súa xustificación, a poboación á que vai dirixida, o tempo previsto de duración, os recursos necesarios e o contido da intervención.

d) Avaliación do programa: indicadores.

e) Custo económico estimado.

f) Coordinación con outros recursos comunitarios (sociosanitarios, etc.).

2. Estes programas necesariamente deberán estar avalados e supervisados por un profesional con titulación universitaria superior relacionada coa prevención.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Serán requisitos indispensables para ser beneficiario dunha subvención:

a) Estar constituído en asociación ou en calquera outra entidade privada de iniciativa social sen ánimo de lucro.

b) Te-la prevención do alcoholismo como finalidade nos estatutos da entidade.

c) Desenvolve-la actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización de presentación de solicitudes.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

As subvencións que se concedan na execución desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación 11.5001.2223.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, na que existe un crédito inicial para este fin por importe de setenta e cinco mil euros (75.000 A). A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención realizaranse segundo o modelo que se publica como anexo I á presente orde. Para a súa valoración achegarase a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

b) Copia compulsada dos estatutos da entidade.

c) Certificación do número de socios con que conta a entidade.

d) Certificación bancaria do número de conta corrente na que se ingresará, de se-lo caso, o importe efectivo da subvención concedida.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Memoria da entidade correspondente ó ano 2002 segundo o modelo (anexo II).

g) Certificado dos gastos realizados pola entidade durante o ano 2002 (anexo III).

h) Proxecto dos programas de prevención sinalados no artigo 1º que se realizarán no 2003 (anexo IV).

i) Orzamento ou valoración económica dos gastos previstos para o ano 2003 (anexo V).

j) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ante calquera Administración ou ente público (anexo VI).

2. As entidades que solicitaron subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presenta-la documentación prevista nas alíneas b), d), e), sempre que non se produciran modificacións no seu contido, circunstancia esta que será acreditada mediante certificación expedida polo representante da entidade.

3. As solicitudes de subvención presentaranse no rexistro xeral do Servicio Galego de Saúde (edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), nos das súas direccións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 200/2003, do 20 de marzo, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ó cidadán.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes examinaranse os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos esixidos pola presente orde, reclamándolles por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que se consideren necesarios para completa-lo expediente, con indicación de que, se así non o fixesen nun prazo de dez días, considerarase que desistiron da súa petición, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os expedientes, unha vez revisados e completados, de se-lo caso, remitiranse á comisión de valoración que terá a función de propoñerlle ó órgano competente para resolver a aprobación ou denega

ción das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente: subdirector xeral de Atención Especializada ou persoa en quen delegue.

b) Vocais:

-Xefe do Servicio de Saúde Mental.

-Xefe do Servicio de Programas Asistenciais.

-Xefe da Sección de Programas.

c) Secretario: xefe da Sección de Drogodependencias.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade na valoración das solicitudes.

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios, ponderados como segue:

1. Número e calidade dos programas de prevención que se van desenvolver dos especificados no artigo 1º. Ponderación: 35%.

2. A complementariedade coas actuacións públicas a través da cobertura de necesidades sociais relacionadas cos ditos programas. Ponderación: 25%.

3. O grao de consolidación e experiencia da entidade no campo da prevención do alcoholismo. Ponderación: 25%.

4. A implantación social e número de socios. Ponderación: 15%.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Delégase a competencia para resolve-la concesión das axudas solicitadas ó abeiro desta orde no director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ós interesados no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante o presidente do Sergas, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte á data de notificación, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

1. Para aquelas subvencións que non superen o importe de 6.010 euros, poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata o 50%. O 50% restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a subvención achegando a seguinte documentación:

a) Balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou secretario da entidade, no que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda.

b) Orixinais dos xustificantes de gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

c) Relación nominativa dos xustificantes do gasto, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe.

2. Nos demais casos, o pagamento das axudas poderase facer nun primeiro prazo, de ata o 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo e a conta da liquidación definitiva, que se poderá acordar no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio documental provisional de xustificación unha certificación ou declaración xurada do presidente ou secretario da entidade dos gastos realizados durante o exercicio e as cantidades pendentes de pagamento.

O 50% restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida, achegando a seguinte documentación:

a) Balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou secretario da entidade, no que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda.

b) Orixinais dos xustificantes de gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

c) Relación nominativa dos xustificantes do gasto, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe.

3. No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, a entidade deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, públicas ou privadas.

4. En calquera caso, a xustificación do gasto realizado deberá presentarse na División de Asistencia Sanitaria do Sergas (edificio administrativo de San Lázaro. 15781 Santiago de Compostela) con anterioridade ó día 15 de novembro de 2003.

5. Así mesmo, a entidade deberá presentar con anterioridade ó día 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a División de Asistencia Sanitaria do Sergas, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, así como unha memoria das actividades realizadas.

Artigo 11º.-Outras obrigas.

1. As entidades receptoras da subvención quedarán obrigadas, ademais do disposto no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza o Sergas, así como a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) A coordinarse co responsable de área de saúde mental ou da unidade de saúde mental correspon

dente para o mellor desenvolvemento dos programas de prevención subvencionados.

d) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultando a División de Asistencia Sanitaria do Sergas para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

e) A reintegrar, total ou parcialmente, a subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o importe do gasto efectuado.

Artigo 12º.-Revogación e reintegro.

No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, procederase á revogación da subvención así como ó reintegro, de se-lo caso, da subvención percibida e do xuro de demora correspondente.

Artigo 13º.-Infraccións.

Para esta orde será de aplicación o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade