Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 01 de agosto de 2003 Páx. 10.094

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xullo de 2003 pola que se fai pública a composición da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA).

O Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (DOG nº 107, do 4 de xuño), establece no seu artigo 14 que para a emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación, se crea, dentro do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA).

O artigo 16 do citado decreto regula a composición da CGIACA e establece que serán vocais: o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dous designados polo conselleiro competente en materia universitaria e tres máis designados un por cada universidade do Sistema Universitario de Galicia, nomeados polos seus rectores respectivos.

Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 18 do citado decreto, a CGIACA tamén contará con comités de asesores expertos, que realizarán as avaliacións para cada un dos campos científicos nos que aquela se estructura.

Pola súa banda, a Orde do 1 de abril de 2003 (DOG nº 76, do 21 de abril) estableceu os criterios xerais de informe e avaliacións da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación do persoal docente e investigador.

Para darlle cumprimento ó disposto legalmente, as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo comunicaron, respectivamente, a designación dos membros que lles corresponde designar na CGIACA. Do mesmo xeito, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procedeu á designación dos dous membros que lle corresponde designar na CGIACA.

Por todo isto esta consellería, facendo uso das atribucións que lle están conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro), e en virtude do establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 270/2003, xa mencionado,

DISPÓN:

Artigo único.-Facer pública a composición da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), que estará constituída polos seguintes membros:

1. Presidente: José Eduardo López Pereira, director xeral de Universidades.

2. Vicepresidente: Pedro Merino Gómez, director xeral de Investigación e Desenvolvemento.

3. Vocais:

a) Pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia: Eugenio Muñoz Camacho, director da axencia, que realizará as funcións de coordinador xeral e secretario.

b) En representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-Roberto Luís Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional, da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.

-Jesús Martínez Girón, catedrático de Dereito do Traballo e Seguridade Social, da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña.

c) En representación da Universidade de Santiago de Compostela: Pedro Faraldo Roca, adxunto do vicerrector de Calidade e Planificación Estratéxica.

d) En representación da Universidade da Coruña: José Ramón Soraluce Blond, catedrático desa universidade.

e) En representación da Universidade de Vigo: Eduardo Godoy Malvar, profesor de Matemática Aplicada.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria