Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 14 de xullo de 2003 Páx. 9.305

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de xullo de 2003 pola que se desenvolve o Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia.

O Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, publicado no Diario Oficial de Galicia número 50, do 12 de marzo, aprobou o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia establecendo no seu artigo segundo o seu ámbito de aplicación que abrangue tódolos departamentos da Administración da comunidade autónoma, os seus organismos autónomos e entes de dereito público dela dependentes.

O devandito decreto persegue a dotación de instrumentos que afirman a identidade da Xunta de Galicia non só na súa vertente política como poder executivo galego senón tamén como cabeza da Administración autonómica de Galicia, e facilitan a súa identificación polos cidadáns.

Na disposición derradeira primeira autorízase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para que estableza, mediante orde, as condicións nas que o mencionado código de identificación corporativa aprobado deberá ser utilizado.

Co obxecto de instrumenta-lo mandato das disposicións establecidas, cómpre dispoñer dunha norma que explicite e desenvolva as condicións nas que o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia deberá ser utilizado en cada caso concreto.

Por todo iso, no exercicio da facultade establecida na disposición derradeira primeira do Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o manual básico de identidade corporativa da Xunta de Galicia, que figura recollido como anexo a esta orde. Nel fíxanse os supostos e as condicións nas que deberán ser utilizados, en cada caso concreto, a figura ou símbolo corporativo e mailas letras identificativas ou logotipo, que forman o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 178/2003, do 20 de febreiro.

Disposición adicional

O manual ó que se refire o artigo anterior estará dispoñible, ademais, no enderezo da Internet http://www.xunta.es/identidade-corporativa/.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA