Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 02 de xullo de 2003 Páx. 8.743

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito, o rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do Consorcio da Cidade de Santiago.

Visto o expediente do convenio colectivo do Consorcio da Cidade de Santiago (código convenio 1504042) que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais o día 7-5-2003, complementado o 2-6-2003, subcrito, en representación da parte económica, polo consorcio, e da parte social, polo seu comité de empresa o día 29-4-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 5 de xuño de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

1º Convenio colectivo para o persoal do Consorcio da Cidade de Santiago

Preámbulo

O presente convenio colectivo para o persoal ó servicio do Consorcio da Cidade de Santiago foi negociado dunha parte polos representantes legais dos traballadores, membros do comité de empresa para tal fin designados, participando o sindicato Unión Xeral de Traballadores en calidade de asesor daqueles e, doutra, pola representación legal do Consorcio da Cidade de Santiago, conforme o establecido nos artigos 87 e 88 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Capítulo I

Ámbito e normas xerais de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional e persoal.

Este acordo obriga o Consorcio da Cidade de Santiago na súa relación cos traballadores vinculados a este en virtude de relación xurídico-laboral de natureza indefinida ou temporal, que preste servicios para o Consorcio da Cidade de Santiago ou que perciban as súas retribucións con cargo ás correspondentes consignacións orzamentarias de persoal daquel, ou con cargo ós créditos de investimentos.

Así mesmo, integrarase no presente convenio o persoal que, con posterioridade á publicación deste, pase a depender do Consorcio da Cidade de Santiago.

Establécense no seu capítulo XIX as condicións específicas para os músicos traballadores da Real Filharmonía de Galicia.

Quedan excluídos os traballadores contratados ó abeiro de Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e os que sexan contratados para o desenvolvemento de actividades non permanentes financiadas con recursos alleos de natureza finalista.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Con independencia da data en que sexa aprobado e publicado no BOP este convenio terá vixencia desde a data de sinatura estendéndose na súa duración ata o 31 de decembro de 2003.

Artigo 3º.-Denuncia e revisión do convenio.

O presente convenio poderá ser denunciado por calquera das partes asinantes entre un (1) e tres (3) meses de antelación ó seu vencemento, a falla de denuncia expresa entenderase prorrogada tacitamente por períodos anuais. Así mesmo en caso de que non chegara a constituírse a mesa de negociación, prorrogarase igualmente o contido do presente convenio. En ambos casos a prórroga afectará á totalidade do texto do convenio, non así ós conceptos salariais que experimentarán o incremento porcentual que determinen as respectivas leis de orzamentos xerais da Administración do Estado para o persoal sometido ó réxime laboral.

A parte denunciante deberá acompañar proposta concreta sobre os puntos e contido que comprenda a revisión solicitada.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións económicas establecidas no presente acordo compensarán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa orixe e natureza.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse, manténdose estrictamente ad personam as condicións particulares que con carácter global e en cómputo anual, excedan do conxunto de melloras do presente convenio e veñan derivadas da norma existente estatal ou convida colectivamente.

Capítulo II

Comisión paritaria de vixilancia e interpretación

do convenio

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

No prazo dun mes contado desde a publicación do presente convenio, constituirase unha comisión paritaria que terá por funcións as seguintes:

a) A interpretación da totalidade do articulado ou das cláusulas do convenio.

b) A vixilancia do cumprimento do pactado.

c) A facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

d) Elaborar unha proposta de xornada e horario diario en función da carga de traballo e das necesidades do servicio de cara á negociación do próximo convenio colectivo.

e) Elaborar unha proposta de relación de postos de traballo (RPT) con definición da clasificación profesional e as funcións por categoría e posto de traballo, tomando como base a actualmente vixente.

f) Poñer en marcha o plan de pensións para o persoal do consorcio en cumprimento do artigo 15º do presente convenio.

g) Xestiona-las axudas de acción social que figuran no capítulo VI do presente convenio, así como outras que poidan establecerse.

A comisión estará composta por dous (2) representantes do persoal, elixidos polo comité de empresa, e dous (2) representantes do Consorcio da Cidade de Santiago, nomeados polo xerente.

A comisión reunirase con carácter ordinario unha vez cada tres meses e, con carácter extraordinario, a pedimento dunha das partes, que deberá indicar, en todo caso, os temas que se van tratar.

Logo da consulta á comisión, tódalas condicións establecidas no convenio deberán ser interpretadas e aplicadas de forma que resulte máis beneficiosa para os empregados do consorcio, en caso de dúbida, ambigüidade ou escuridade en canto ó seu sentido e alcance.

Os acordos tomaranse por maioría entre ámbalas dúas representacións e serán recollidos en acta, e daráselle-la debida publicidade nos taboleiros de anuncios dos centros de traballo, ou se a súa transcendencia o aconsella, publicaranse no DOG.

Na sesión constitutiva procederanse a designar, por acordo da comisión as persoas que exercerán a súa presidencia e a súa secretaría.

Capítulo III

Vacacións, permisos e licencias

Artigo 7º.-Vacacións.

Os traballadores terán dereito ó goce dun período de vacacións retribuídas anuais que non será renunciable nin substituíble por compensación económica.

As vacacións terán unha duración de vintetrés (23) días laborables anuais ou a parte proporcional se os servicios prestados foran inferiores ó ano, e gozaranse preferentemente entre os meses de xullo e setembro, ambos inclusive, agás petición expresa do interesado de gozalas fóra deste período, o que será considerado e autorizado pola empresa en función das necesidades de cobertura do servicio. O calendario de vacacións elaborarase dentro dos tres (3) primeiros meses do ano, e deste trasladarase unha copia a cada un dos traballadores incluídos no ámbito de aplicación do presente convenio colectivo.

O recoñecemento da situación de incapacidade laboral transitoria, calquera que sexa a súa causa, interromperá o período de vacacións, o cal se completará cando as necesidades de servicio o permitan.

Artigo 8º.-Licencias e permisos retribuídos.

Os traballadores, logo de xustificación, se é o caso, terán dereito a licencias retribuídas polas causas e tempos seguintes:

a) Quince (15) días propios naturais por matrimonio ós cales se poderán engadi-las vacacións.

b) Catro (4) días naturais por nacemento dun fillo.

c) Dous (2) días laborais por traslado de domicilio cotián dentro do mesmo concello e de tres (3) se o traslado é a outro concello.

d) Para concorrer a exames, liberatorios e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais de formación, durante os días da súa realización e coa debida xustificación.

e) Un (1) día natural para asistencia ó matrimonio de parentes. Se se realizase a máis de douscentos (200) km de distancia dous (2) días naturais, e tres (3) días naturais se fose a máis de cincocentos (500) km.

f) Por enfermidade, accidente ou falecemento: enfermidade grave ou morte do cónxuxe ou fillo, cinco (5) días; enfermidade grave ou morte dos pais ou irmáns, catro (4) días; enfermidade grave ou morte de outros familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous (2) días cando o suceso se produza na mesma localidade, tres (3) días cando a localidade sexa distinta, nun ámbito de douscentos (200) km de distancia e catro (4) días se a distancia é superior -cando o solicitante conviva co finado engadirase un (1) día máis de permiso-; por falecemento dun familiar do terceiro grao de consanguinidade ou afinidade, o tempo que sexa necesario para asistir ó sepelio.

Polo tempo indispensable por asuntos propios e causa xustificada ou para o cumprimento dun deber inescusable de carácter persoal, público ou privado, non podendo supera-la quinta parte da xornada computada trimestralmente. No caso de que a causa que motivou a licencia implique o percibo de retribución ou indemnización, descontarase o importe desta do salario a que teña dereito.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove (9) meses, terán dereito a unha (1) hora de reducción da xornada de traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

Ata catro (4) días laborais cada ano natural de traballo efectivo por asuntos particulares non incluídos nos puntos anteriores. Tales días non poderán acumularse ás vacacións anuais retribuídas. O persoal poderá distribuí-los ditos días ó seu criterio logo da autorización do xerente. Os traballadores que se incorporen ó longo do ano natural gozarán destes días na proporción que corresponda ó período efectivamente traballado.

Os traballadores que, por razón de garda legal, teñan ó seu coidado directo un menor de seis (6) anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desenvolva ningunha actividade remunerada terán dereito a unha reducción dun tercio ou da metade da xornada de traballo, coa reducción proporcional das súas retribucións. A concesión de reducción de xornada por este motivo será incompatible co desenvolvemento de calquera outra actividade remunerada.

No suposto de incapacidade do cónxuxe ou persoa coa que demostre convivir, do pai ou da nai, se convive co traballador, e logo da debida xustificación, poderase solicitar reducción de xornada nas mesmas condicións que no parágrafo anterior.

Os permisos e licencias anteriormente referidos recoñeceranse igualmente cando veñan xerados pola persoa que de cotío conviva -parella de feito-co traballador que os solicita, asimilando os familiares desta a aqueles que por consanguinidade o sexan do traballador.

Os permisos referidos no punto f) do presente artigo, estenderanse ós supostos de enfermidades infecto-contaxiosas dos fillos menores de idade, así como á tramitación administrativa para a adopción nacional e internacional.

Artigo 9º.-Licencias sen soldo.

Os traballadores que teñan cumprido polo menos un (1) ano de servicios efectivos poderán solicitar licencias sen soldo por un prazo non inferior a quince (15) días nin superior a tres (3) meses. As ditas licencias seranlle concedidas, sempre que o permitan as necesidades do servicio, dentro dos quince (15) días seguintes ó da solicitude. A duración acumulada destas licencias non poderá exceder de tres (3) meses cada dous (2) anos. Os membros da Real Filharmonía de Galicia ateranse á súa propia regulación.

Capítulo IV

Suspensión do contrato de traballo

Artigo 10º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou especial nos termos contidos nos puntos seguintes:

1. Excedencia especial: serán causa desta:

a) A designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) Por enfermidade, unha vez transcorrido o prazo de incapacidade temporal e por todo o tempo que o traballador permaneza pendente de cualificación.

c) Calquera outra causa que se estableza legalmente.

d) Traballador que goce de excedencia forzosa, ten dereito a reserva sen soldo do posto de traballo e cómputo da antigüidade adquirida durante todo o tempo que permaneza nesta situación.

e) Desaparecida a causa que motivou a excedencia, o traballador deberá solicita-la reincorporación ó consorcio no prazo de trinta (30) días naturais.

2. Excedencia voluntaria: concederase ó traballador, logo de petición por escrito con quince (15) días de antelación, podendo solicitalo todos aqueles traballadores que teñan alomenos un (1) ano de antigüidade no consorcio e non teñan gozado doutra excedencia voluntaria durante os catro (4) anos anteriores.

Permiso de excedencia voluntaria concederase por un mínimo dun (1) ano, con reserva do posto de traballo. Poderá ser prorrogable ata cinco (5) anos, sen reserva do posto de traballo. Neste caso, o traballador que goce de excedencia voluntaria, reingresará no consorcio axiña se produza unha vacante na súa categoría laboral. Para estes efectos non se entenderá por vacante a realización dunha substitución temporal. Non obstante, se se producira unha vacante de inferior categoría á que antes ocupaba o traballador en excedencia, poderá optar a ela e esperar a que se produza a que corresponda á súa categoría.

Durante o tempo de excedencia voluntaria non se computará a antigüidade. Este dereito soamente poderá ser exercitado polo traballador outra vez se transcorreron catro (4) anos desde o remate da anterior excedencia.

Artigo 11º.-Permisos non retribuídos.

O traballador terá dereito ata un máximo de doce (12) meses de permiso non retribuído, para a atención de familiares por consanguinidade ou afinidade de ata o segundo grao.

Así mesmo o traballador e previo acordo co consorcio, poderá solicitar unha reducción de xornada de ata un cincuenta por cen (50%) desta, con reducción das percepcións económicas na mesma proporción cá xornada, e durante o tempo necesario para presta-las atencións referidas no parágrafo anterior.

A solicitude que se deberá efectuar por medio de escrito motivado perante o responsable de persoal, será resolta no prazo improrrogable de quince (15) días, entendéndose concedida no caso de que sobre esta non recaia resolución expresa.

En tanto duren as situacións consideradas no presente artigo, o traballador manterá reservado o seu

posto de traballo, debendo producirse a reincorporación a este unha vez finalice o permiso concedido.

Capítulo V

Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 12º.-Dos dereitos e deberes.

Tódolos traballadores ó servicio do Consorcio da Cidade de Santiago teñen dereito á saúde laboral, á integridade física e a gozar dunhas medidas que garantan a debida protección en materia de seguridade e saúde laboral.

Os traballadores veñen obrigados a observar estrictamente tódalas medidas de seguridade e saúde laboral que se adopten con carácter xeral e específico en cada centro ou posto de traballo.

Así mesmo, os traballadores do consorcio teñen o deber de cooperar na prevención dos riscos profesionais e no mantemento da máxima hixiene no traballo, cumprido coas instruccións e ordes sobre estas materias.

Neste eido os traballadores estarán expresamente obrigados a:

Usar correctamente os medios de protección persoal e coidar do seu perfecto estado de conservación.

Dar conta inmediata ó seu superior xerárquico ou directamente ó Comité de Seguridade e Saúde Laboral das avarías e deficiencias que poidan supoñer riscos ou ocasionar perigo en calquera centro de traballo.

Coidar e mante-la súa hixiene persoal, en evitación de enfermidades contaxiosas ou de molestias ós seus compañeiros.

Someterse a recoñecementos médicos periódicos e a vacinacións ou inmunizacións ordenadas polas autoridades sanitarias ou o Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

Non consumir bebidas alcohólicas durante a xornada laboral e absterse de fumar nos lugares nos que puidera resultar molesto ós propios compañeiros ou cidadáns, e non presentarse ou permanecer no posto de traballo en estado de embriaguez ou de calquera outro tipo de intoxicación.

Cooperar na extinción de sinistros e no salvamento e auxilio de víctimas de accidentes de traballo nas condicións que, en cada caso, fosen racionalmente esixibles.

Todo traballador, en caso de risco inminente, e logo de solicitar do seu inmediato superior os medios de protección e prevención de carácter preceptivo para a realización do seu traballo, poderá demora-la execución deste en tanto non lle sexan facilitados os ditos medios. Neste suposto dará conta inmediatamente do feito ó Comité de Seguridade e Saúde

Laboral ou a un dos seus membros, sen prexuízo de poñelo en coñecemento da Inspección Provincial de Traballo.

Será de aplicación nas dependencias do consorcio a ordenanza xeral de seguridade e hixiene no traballo e demais normas legais relativas a esta materia.

Artigo 13º.-Do Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

Todo traballador ten dereito a participar, por medio dos seus representantes, en materia de seguridade e saúde laboral no traballo.

Para estes efectos, constituirase un Comité de Seguridade e Saúde Laboral, co obxecto de velar pola adopción, mantemento e perfeccionamento dunhas medidas axeitadas de seguridade e saúde laboral nos centros de traballo dependentes do consorcio.

Estará composto por representacións paritarias do consorcio e dos traballadores.

O Comité de Seguridade e Saúde Laboral elaborará o seu propio regulamento de funcionamento, no que se determinarán as funcións que deberá asumir.

Capítulo VI

Acción social

Artigo 14º.-Acción social.

O consorcio dotará anualmente no seu orzamento unha partida para o financiamento de gastos de acción social, a cal estará incluída na masa salarial. A dotación da partida ascenderá a seis mil dez euros (6.010 A, 1.000.000 de ptas.).

Artigo 15º.-Das axudas.

O destino da partida de acción social será o seguinte, con independencia de que a comisión de interpretación e vixilancia do convenio poderá, no futuro, acordar outras ou modifica-las actuais medidas con base na consideración doutras necesidades ou ó cambio nas prioridades actuais.

a) Axudas sanitarias. Estarán dirixidas ó financiamento de gastos sanitarios non incluídos na cobertura do sistema da seguridade social, requirindo xustificación do gasto efectuado.

b) Axudas por gardería. Financiarán os gastos derivados da atención en garderías dos fillos dos traballadores do consorcio, cun límite máximo de trescentos sesenta e un euros anuais (361 A/ano, 60.000 ptas./ano.) e ata que non se estenda o réxime de gratuidade do tramo de educación infantil establecido pola LOXSE, esixíndose xustificación do gasto efectuado. Namentres non se establezan axudas especificas polas administracións públicas.

c) Axudas por fillos ou cónxuxe diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais. O consorcio aboará ós traballadores con fillos ou cónxuxes ó seu cargo diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais a cantidade de cento cinco euros mensuais por cada un (105 A/mes, 17.500 ptas./mes), que será aboada na nómina mensual sempre que estes non perciban nin

gún tipo de renda derivada do traballo persoal, reúnan as condicións establecidas regulamentariamente e sempre e cando non reciban outro tipo de axudas ou subvencións.

d) Axuda a compra de vivendas. O consorcio financiará durante un (1) ano a compra ou promoción dunha primeira (1º) vivenda destinada a residencia habitual e permanente dos traballadores ó seu servicio. As axudas económicas consistirán na subvención de tres (3) puntos nos xuros producidos por créditos concedidos para adquisición de vivenda ou na concesión de axudas a contías alzadas, de acordo ós criterios que estableza a comisión de interpretación e vixilancia do convenio.

e) O importe das axudas concedidas, conforme os puntos a), b), c), e d) non poderán supera-lo importe establecido no artigo 14º, practicando, se é o caso, as prorratas que resulten necesarias.

a) Plan de pensións. O persoal do consorcio gozará dun plan de pensións individualizado cunha contía total anual de catro mil euros (4.000 A/ano, 665.544 ptas./ano). A comisión paritaria elaborará a proposta concreta do plan de pensións.

A xestión destas axudas realizarase de conformidade co presente convenio tendo en conta o principio de capacidade económica dos solicitantes para os efectos de establece-las prioridades e contías das subvencións. A comisión paritaria xestionará o diñeiro das axudas.

Artigo 16º.-Dos anticipos.

Todo o persoal con máis dun ano de antigüidade terá dereito a solicitar ó Consorcio da Cidade de Santiago un anticipo sen xuros ata o importe de tres (3) mensualidades do salario real. A amortización deste anticipo non excederá do dez por cen (10%) do seu salario.

Complementariamente, os traballadores terán dereito a percibir, en caso de urxente necesidade, un anticipo de ata o noventa por cen (90%) das retribucións mensuais o cal se descontará automaticamente na nómina do mesmo mes na que se conceda.

Artigo 17º.-Pólizas de seguro.

O Consorcio da Cidade de Santiago garantirá:

A prestación de asistencia xurídica especializada os traballadores técnicos que a precisen por razón de conflictos con terceiros derivados da prestación do servicio.

A subscrición dunha póliza de seguros que permita unha cobertura suficiente das responsabilidades civís que puideran derivarse da prestación do servicio dos traballadores ténicos do consorcio, agás nos casos de neglixencia debidamente acreditada.

A subscrición dunha póliza de seguro colectivo de vida, que cubrirá as continxencias de morte ou invalidez en calquera dos seus graos, e con independencia das circunstancias que a orixinen, e en

contía de vintecatro mil corenta euros (24.040 A, 4.000.000 de ptas.) para o período de vixencia do presente convenio.

Artigo 18º.-Complemento de incapacidade temporal.

O Consorcio da Cidade de Santiago completará as percepcións dos traballadores durante a situación de incapacidade temporal ou similar, con independencia da circunstancia que a orixine, ata o cen por cen (100%) das súas retribucións mensuais durante o período.

Capítulo VII

Política de promoción de emprego

Artigo 19º.-Promoción de emprego.

O Consorcio da Cidade de Santiago queda obrigado a constituír bolsas de emprego coas vacantes que se produzan por xubilación, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.

Artigo 20º.-Idade de xubilación.

Todo traballador que, cunha antigüidade mínima de quince (15) anos de servicio no Consorcio da Cidade de Santiago, se acolla á xubilación anticipada, percibirá en concepto de gratificación á vinculación as seguintes cantidades:

Idade de xubilaciónPrima de xubilación

60 anos7 mensualidades

61 anos6 mensualidades

62 anos5 mensualidades

63 anos4 mensualidades

64 anos3 mensualidades

Igualmente, coa previa conformidade do traballador, poderá producirse a xubilación ós sesenta e catro (64) anos, segundo o establecido no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, naqueles casos en que a contratación simultánea doutro traballador, esixida no citado real decreto, sexa aconsellable por circunstancias do servicio ou da función.

Artigo 21º.-Xubilación parcial.

Todo traballador maior de sesenta (60) anos que así o solicite terá dereito a reduci-la súa xornada entre un corenta e un sesenta por cen (40-60%) desta, por paso a situación de xubilación parcial, o cal será substituído alomenos en idéntica proporción e, mentres dure a referida situación por un traballador contratado baixo a modalidade de relevo.

Capítulo VIII

Da muller traballadora

Artigo 22º.-Da igualdade no traballo.

Os traballadores son iguais perante a lei sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de sexo.

Serán nulos de pleno dereito calquera acordo, decisión ou práctica unilateral da Dirección do Consorcio da Cidade de Santiago que conteña discriminacións

adversas no emprego, así como en materia de retribucións, xornada, organización do traballo etc. que teñan a súa orixe nalgún tipo de discriminación.

Artigo 23º.-Da protección á maternidade.

O Consorcio da Cidade de Santiago definirá os postos de traballo con riscos que afecten especificamente á maternidade, ben á nai, ben ó feto e elaborará unha relación de postos alternativos que van ocupa-las traballadoras embarazadas.

Cando o posto de traballo ocupado supoña un risco para a nai ou o feto e o consorcio non poida adaptala a este nin ofertar outro posto compatible coa súa situación, poderase declara-lo posto da traballadora afectada na situación de suspensión de contrato por risco durante o embarazo.

Entrementres dure a situación referida, a traballadora manterá reservado o seu posto de traballo e percibirá un salario igual que unha mensualidade normal.

Capítulo IX

Dereitos sindicais

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

Os membros do comité de empresa que exerzan o cargo de presidente ou secretario desta, poderán dispoñer dun número adicional de quince (15) horas mensuais para atende-los ditos cargos.

O goce de horas sindicais só precisará de comunicación previa e no cómputo destas excluirase o tempo de asistencia a reunións con órganos do Consorcio da Cidade de Santiago.

Poderanse acumular a un membro do comité de empresa as horas sindicais correspondentes a outros membros do comité de empresa.

Os gastos derivados das funcións propias do comité de empresa serán subvencionadas polo consorcio.

Capítulo X

Réxime disciplinario

Artigo 25º.-Principios do réxime disciplinario.

A xerencia do consorcio comprometerase a esgota-la vía do diálogo previa á iniciación do expediente disciplinario a calquera traballador do consorcio da Cidade de Santiago.

O comité de empresa será oído nos expedientes disciplinarios que se incoen contra os traballadores do Consorcio da Cidade de Santiago, tanto na fase de instrucción como na de resolución deste, sempre que exista petición expresa neste senso pola parte do inculpado.

Neste eido, o comité de empresa deberá ser notificado da iniciación, tramitación e resolución de tódolos expedientes disciplinarios que se incoen. Así mesmo, terá dereito a ser oída en comparecencia directa polo xuíz instructor e pola autoridade ou órgano competente en materia sancionadora, logo de adopción de resolución.

En todo caso, en calquera das fases do procedemento, gardarase total discreción en canto á identidade do traballador en cuestión e dos feitos que se lle imputan.

Sempre que se inicie expediente disciplinario, deberá poñerse fin ó procedemento coa correspondente resolución por parte do órgano competente. A resolución haberá de ser motivada e nela non se poderán aceptar feitos dos que non serviron de base ó prego de cargos e a proposta de resolución, sen prexuízo dunha distinta valoración xurídica.

Artigo 26º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

1. A suma de catro (4) faltas de puntualidade na asistencia ó traballo cando exceda de cinco (5) minutos, no período dun (1) mes.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

3. Pequenos descoidos na conservación nos xéneros ou do material do consorcio.

4. Non comunicarlle ó consorcio calquera modificación de domicilio.

5. As discusión con outros traballadores dentro das dependencias do consorcio, sempre que non sexa en presencia de público.

6. O abandono do traballo sen causa xustificada, aínda cando sexa por breve período de tempo. Se como consecuencia deste orixinarase un prexuízo grave ó consorcio ou causara risco á integridade das persoas, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave segundo os casos.

7. Falla de aseo e limpeza persoal cando sexa de tal natureza que poida afectar á imaxe do consorcio.

8. Non atender ó público coa corrección e dilixencia debida.

Artigo 27º.-Faltas graves.

Consideraranse como faltas graves as seguintes:

1. A suma de cinco (5) faltas de puntualidade na asistencia ó traballo cando exceda de trinta (30) minutos nun (1) mes.

2. A desobediencia á dirección do consorcio ou a quen se atope con facultades de dirección ou organización no exercicio regular das súas funcións en materia de traballo. Se a desobediencia fose reiterada ou implicase quebranto manifesto da disciplina no traballo ou dela se derivase prexuízo para o consorcio ou para as persoas poderá ser cualificada como falta moi grave.

3. Descoido importante na conservación de xéneros ou material do consorcio.

4. Simula-la presencia doutro traballador, asinando ou fichando por el.

5. As discusións con outros traballadores en presencia de público ou que transcenda a este.

6. Empregar para uso propio artigos, aparellos ou pezas de roupa do consorcio ou sacalos das instalacións ou dependencias do consorcio a non ser que exista a pertinente autorización.

7. Realizar sen o oportuno permiso, traballos particulares dentro da xornada laboral.

8. A inasistencia ó traballo sen a debida autorización ou causa xustificada de tres (3) días en seis (6) meses.

9. A comisión de tres (3) faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun (1) trimestre e tendo mediado amoestación por escrito.

10. Faltar un (1) día de traballo sen a debida autorización ou causa xustificada.

Artigo 28º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como faltas moi graves:

1. Faltar mais de cinco (5) días ó traballo, sen a debida autorización nun período de seis (6) meses, sempre que teñan mediado sancións previas polos mesmos feitos.

2. A simulación de enfermidade ou accidente.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como facer negociacións de industria ou comercio por conta propia ou doutra persoa sen a expresa autorización do consorcio dentro do horario de traballo, así como a competencia desleal na actividade desta.

4. Facer desaparecer, inutilizar ou causar desperfectos en materiais, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, aparellos e documentos do consorcio.

5. O roubo, furto ou malversación cometidos tanto ó consorcio como ós compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa dentro das dependencias do consorcio durante a xornada laboral ou en calquera outro lugar.

6. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados do consorcio, durante a xornada laboral ou en calquera outro lugar.

7. Orixinar frecuentes rifas e pendencias cos compañeiros de traballo.

8. Falta notoria de respecto ou consideración ó público.

9. Malos tratos de palabra ou obra ou a falta grave de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares así como ós compañeiros e subordinados.

10. Toda conducta, no ámbito laboral, que atente gravemente ó respecto, á intimidade e dignidade mediante a ofensa, verbal ou física, de carácter sexual. Se a referida conducta é levada a cabo valén

dose dunha posición xerárquica suporá unha circunstancia agravante daquela.

11. A comisión por un superior dun feito arbitrario que supoña a vulneración dun dereito do traballador legalmente recoñecido, de onde se derive un prexuízo grave para aquel subordinado.

12. A continuada e cotiá falla de aseo e limpeza, de tal índole que afecte á imaxe do Consorcio da Cidade de Santiago.

13. A embriaguez cotiá e drogodependencia manifestada ó longo da xornada laboral e no posto de traballo. Estes estados manifestados unha (1) soa vez son constitutivos de falta grave.

14. Diminución continuada e voluntaria no rendemento normal do seu traballo, sempre que non estea motivada por dereito algún recoñecido polas leis.

15. A comisión de tres (3) faltas graves, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos seis (6) meses seguintes de terse producido a primeira (1ª).

16. Acoso moral ou sexual no traballo.

17. A utilización continuada e abusiva dos medios tecnolóxicos e materiais do consorcio para uso distinto do seu cometido.

Artigo 29º.-Réxime de sancións.

Correspóndelle á Xerencia do Consorcio da Cidade de Santiago a facultade de impor sancións nos termos estipulados no presente convenio. A sanción das faltas leves, graves e moi graves requirirá comunicación escrita ó traballador, facendo consta-la data e os feitos que a motivan.

Para a imposición de sancións seguiranse os trámites previstos na lexislación vixente, incluída a facultade do traballador de solicita-la cancelación segundo o disposto no acordo de cobertura de baleiros.

Artigo 30º.-Sancións máximas.

As sancións poderán imporse en cada caso, atendendo á gravidade das faltas cometidas, e serán as seguintes:

1. Por faltas leves: amoestación verbal e amoestación por escrito, en presencia do representante legal dos traballadores se así o solicitase o traballador sancionado.

2. Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de un (1) a dezaseis (16) días.

3. Por faltas moi graves: desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis (16) a sesenta (60) días, ata o despedimento nos supostos nos que a falta sexa cualificada no seu grao máximo.

Artigo 31º.-Prescrición.

A facultade da xerencia do consorcio para sancionar prescribirá para as faltas leves ós dez (10) días, para as faltas graves ós corenta e cinco (45)

días e, para as faltas moi graves a partir dos noventa (90) días desde que ó consorcio tivo coñecemento da súa comisión.

Artigo 32º.-Expediente sancionador.

Calquera que sexa a falta cometida, con carácter de grave ou moi grave, dará lugar á instrucción de expediente sancionador, comunicándollo por escrito ó traballador o grao da falta cometida, a data e os feitos constitutivos desta, así como con carácter previo á representación sindical dos traballadores.

O traballador deberá asina-lo xustificante da recepción e contará a partir desa data cun prazo de cinco (5) días hábiles para formula-las alegacións que estime adecuadas na súa defensa. O consorcio remitirá ambos documentos ó comité de empresa co obxecto de que emita o oportuno informe no prazo de tres (3) días.

A imposición de calquera sanción grave ou moi grave, será comunicada ó comité de empresa por escrito, asinando este o recibo correspondente.

O incumprimento do Consorcio da Cidade de Santiago dos trámites previstos neste artigo, dará lugar á nulidade da sanción.

Persoal técnico administrativo

Capítulo XI

Clasificación profesional

Artigo 33º.-Sistema de clasificación profesional.

A comisión paritaria elaborará unha proposta de clasificación profesional de todo o persoal do Consorcio da Cidade de Santiago.

Artigo 34º.-Criterios para determina-la pertenza ós grupos profesionais.

A determinación da pertenza a un grupo profesional será o resultado da ponderación, entre outros, dos seguintes factores: titulación, coñecementos, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

Artigo 35º.-Persoal con capacidade diminuída.

Cando se dan circunstancias de capacidade diminuída, sobrevida e permanente, nun traballador, debidamente acreditadas, este poderá ser destinado mediante resolución do xerente co informe do comité de empresa, a postos de traballo vacantes definidos na relación que sexan axeitados as súas condicións, deixando vacante o posto do que era titular e percibindo as retribucións que tiña recoñecidas nel, se é o caso, o importe equivalente as pensións compatibles que perciba do sistema de seguridade social.

Capítulo XII

Organización do traballo e modificación das súas condicións

Artigo 36º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, conforme a lexislación vixente é facultade exclusiva do Consorcio da Cidade de Santiago, correspondendo a súa aplicación práctica ó xerente, todo iso sen prexuízo dos dereitos

e facultades de audiencia e información recoñecidos os traballadores no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais que resultan de aplicación.

Artigo 37º.-Cambio de quenda.

Cando as necesidades do servicio o fagan necesario, poderase proceder ó cambio permanente de quenda dos traballadores. Para iso será necesario emitir un informe xustificativo por parte do xerente, que se remitirá ó comité de empresa e ó traballador ou traballadores afectados co fin de que aleguen ó que ó seu dereito conveña. No caso de existir discrepancia, elevaranse as conclusións de cada unha das partes á comisión paritaria co fin de que se pronuncie sobre o referido cambio e, iso sen prexuízo das accións legais que correspondan. En todo caso o cambio será temporal e estenderase ata que non cesen as causas que o motivaron.

Cando por baixas, permisos ou outras licencias contempladas no presente convenio, haxa necesidade de proceder ó cambio temporal de quenda dos traballadores, esta non poderá prolongarse máis dun mes. No caso de ser necesario, establecerase un sistema de rotación nos cambios de quenda con base no criterio de menor antigüidade no centro de traballo, caso de estar definido ou na categoría. Destas decisións darase conta o comité de empresa.

Artigo 38º.-Mobilidade funcional.

Traballos de categoría superior. Cando así o esixan as necesidades do servicio, o xerente, informando o comité de empresa, poderá encomendarlles ós traballadores a realización de funcións correspondentes a unha categoría ou posto singularizado superior ó que exerzan, dentro da mesma área funcional, por un período non superior a seis (6) meses durante un (1) ano ou oito (8) durante (2) dous. Nestes casos, os traballadores terán dereito á percepción da diferencia retributiva correspondente. Se superados eses prazos, existise un posto de traballo vacante da mesma categoría, deberá ser cuberto polos procedementos de provisión establecidos no convenio. Para os efectos do artigo 23.3º do Estatuto dos traballadores, os procedementos de provisión de vacantes por quenda de ascenso serán os únicos que permitan modifica-la categoría profesional dos traballadores.

Traballos de categoría inferior. Se por necesidades perentorias e imprevisibles, fose necesario destinar un traballador a tarefas correspondentes a outra área funcional, os xefes das unidades e servicios poderán propoñelo á xerencia a través dun informe motivado, logo de comunicación o comité de empresa, a vista do cal a xerencia poderá facelo por tempo non superior a un (1) mes dentro do mesmo ano. Nestes casos, ós traballadores manteráselle a retribución e os demais dereitos da súa categoría profesional. A un traballador non se lle poderán asignar traballos de categoría inferior en tanto en canto o resto de traballadores encadrados no mesmo grupo profesional

e área funcional non se viran afectados pola situación aquí presentada.

Artigo 39º.-Mobilidade de centro de traballo.

A xerencia comunicaralle ó comité de empresa os traslados de centro de traballo do persoal.

Capítulo XIII

Provisión de vacantes, selección e contratación

Do inicio e extinción da relación laboral

Artigo 40º.-Oferta de emprego.

A oferta de emprego é o acto polo cal se regulará, anualmente, a provisión de vacantes, selección e contratación do persoal laboral do consorcio. Unha vez determinadas as vacantes existentes comunicaráselle ó comité de empresa a relación destas. A oferta de emprego conterá tódalas vacantes existentes, deducindo as que se provexan por reingreso de traballadores procedentes da situación de excedencia voluntaria.

Artigo 41º.-Promoción profesional.

As condicións de exercicio do dereito a promoción profesional dos traballadores dentro da súa área profesional negociaranse entre o consorcio e ó comité de empresa cada ano en función da súa situación do cadro de persoal e as vacantes que se van prover en cada oferta de emprego. Para iso, poderanse establecer quendas específicas de promoción sobre a totalidade ou parte das vacantes de cada categoría. As quendas de promoción requirirán, en calquera caso, que os aspirantes reúnan os requisitos de titulación das prazas ás que queren acceder así como a superación de probas de capacidade.

Artigo 42º.-A selección.

O programa das probas selectivas e a convocatoria correspondente serán obxecto de informe polo comité de empresa antes da súa aprobación polo consello de administración. Nos tribunais que xulguen as probas garantiranse o respecto ó criterio de especialización. En calquera caso garantirase a presencia dun representante dos traballadores designado polo comité de empresa.

Artigo 43º.-A contratación temporal.

Os postos de traballo que respondan á actividade regular, normal e permanente do consorcio serán atendidos por persoal laboral. A contratación temporal só terá lugar nos termos do artigo 32 do Real decreto 2223/1984, así como no disposto na Lei 12/2001, do 9 de xullo, de medidas urxentes de reforma do mercado de traballo para o incremento do emprego e o propio Estatuto dos traballadores reformado e nos casos seguintes:

-Para proceder á substitución de persoal en situación de enfermidade, accidente de traballo e por ausencia xustificada dun traballador nun período inferior a un (1) ano ou excedencias especiais.

-Para a posta en funcionamento de novos servicios e ata a súa definitiva cobertura.

-Para reforza-los servicios existentes en caso de acumulación de tarefas ou campañas especificas.

Para a selección de traballadores contratados temporalmente, as convocatorias de prazas por quenda libre para persoal fixo poderán preve-la constitución de listas de espera dos aspirantes proporcionais á puntuación obtida. Igualmente, cando non existan listas de espera dispoñibles e nos casos en que a singularidade da categoría ou praza o aconselle, poderase proceder á convocatoria dun proceso concursal para reforza-los servicios existentes.

Artigo 44º.-Do período de proba.

Os contratos de traballo formalizaranse por escrito, incluirán unha cláusula de que o contrato é subscrito polo traballador con coñecemento das obrigas que se derivan da normativa de incompatibilidades sen prexuízo da responsabilidade que se puidese deducir no outro posto de traballo que viñera desempeñando. En calquera caso, o consorcio subministrará información ó traballador, antes da sinatura do contrato, das normas sobre incompatibilidades que lle afecten.

Para a fixación do período de proba establécense os seguintes períodos:

-Grao superior: 6 meses.

-Grao medio: 3 meses.

-Resto persoal: 2 meses.

-Persoal non cualificado: 1 mes.

Artigo 45º.-Do inicio da relación laboral.

A admisión do persoal efectuarase de acordo coas disposicións legais vixentes na materia, así como o regulado no presente capítulo.

A totalidade dos contratos subscritos dentro dos ámbitos de aplicación do presente convenio -temporais e indefinidos-formalizaranse por escrito, e rexistraranse na oficina pública de emprego no prazo de dez (10) días seguintes á formalización, dando traslado da copia básica destes á representación legal dos traballadores se a houbese e, en todo caso, entregando unha copia ó traballador no prazo dos quince (15) días seguintes ó seu rexistro na correspondente oficina pública.

Artigo 46º.-Da extinción da relación laboral.

Da relación laboral temporal: a extinción da relación laboral temporal calquera que fora a modalidade de contratación e duración desta, deberá de ser notificada ó traballador por escrito e con alomenos quince (15) días de antelación. Este aviso previo será substituído por unha indemnización equivalente a un (1) día de salario por cada día de atraso co que se produza a referida comunicación.

Cesamento voluntario: o traballador que desexe cesar voluntariamente no servicio, estará obrigado a poñelo en coñecemento desta por escrito e cunha antelación mínima de quince (15) días naturais ó día do cesamento.

Finiquito, o seu aboamento: ó finaliza-la relación laboral, calquera que sexa a causa, o consorcio porá á disposición do traballador o finiquito detallado por conceptos. O traballador poderá, se así o desexa, solicita-la presencia dun representante legal á sinatura do finiquito.

Comunicación do despedimento: o consorcio deberá informar ós representantes legais dos traballadores de todas aquelas comunicacións de despedimento formuladas ós traballadores, podendo os representantes destes obter información sobre os documentos relativos á finalización da relación laboral.

Capítulo XIV

Xornada e horario de traballo

Artigo 47º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de trinta e sete horas e media(37 œ), efectivas semanais, prestadas de luns a venres en réxime de xornada partida.

Non serán laborables os seguintes días:

-Día 24 de decembro (todo o día).

-Día 31 de decembro (todo o día).

Tamén serán días non laborables aqueles días que aparezan reflectidos no calendario laboral para o Concello de Santiago de Compostela.

O persoal do consorcio disporá dun descanso de vintecinco (25) minutos diarios retribuídos e non recuperables, dentro da xornada laboral.

Para os efectos do establecido no presente artigo computarase como tempo de traballo efectivo, o estrictamente necesario para vestirse coa roupa de traballo efectivo, recoller, gardar ou ordena-las roupas, uniformes, materiais, ferramentas e demais útiles de traballo. En calquera caso, o tempo empregado en cambiarse de roupa non será superior a sete (7) minutos.

Así mesmo, entenderanse comprendidos dentro da xornada laboral ordinaria os tempos empregados en pausas regulamentarias, desprazamentos e outras interrupcións derivadas do cumprimento das normas de seguridade e hixiene ou da propia organización do traballo.

En síntese, considérase tempo efectivo de traballo o comprendido entre a hora de entrada en que o traballador comparece no centro de traballo e a hora de saída do propio centro.

O incumprimento da xornada de traballo establecida no presente acordo dará lugar ás correspondentes deduccións en nómina, sen prexuízo das responsabilidades disciplinarias a que poida dar lugar.

Artigo 48º.-Xornada de verán.

Durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro o horario ordinario reducirase a trinta e cinco (35) horas semanais en xornada continua desde as oito (8.00) horas ata as quince (15.00) horas.

Artigo 49.-Horas extraordinarias.

Non se poderán realizar horas extraordinarias agás as necesarias para previr ou reparar sinistros, danos ou para atender necesidades extraordinarias e urxentes. Estas horas non se terán en conta para efectos da duración máxima de xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias utilizadas. Cando non existan traballadores que desexen realizalas voluntariamente, a xerencia poderá sinalar a quen teña que executalas, comunicándollo o comité de empresa. As horas extraordinarias e a razón da súa urxencia seranlle comunicadas ó comité de empresa nas corenta e oito (48) horas seguintes á súa realización.

Artigo 50º.-Descanso entre xornadas.

Calquera que sexa o réxime de organización do traballo de cada servicio, entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán como mínimo doce (12) horas.

Capítulo XV

Formación e perfeccionamento do persoal

Artigo 51º.-Formación e perfeccionamento do persoal.

De conformidade co previsto no artigo 22 do Estatuto dos traballadores, o consorcio facilitará a formación e promoción profesional do seu persoal.

O consorcio facilitará cursos de formación e perfeccionamento do persoal do Consorcio da Cidade de Santiago.

A organización dos citados cursos poderá realizarse directamente polo consorcio ou mediante convenios con institucións públicas ou privadas. O persoal do consorcio que imparta a docencia en cursos de formación organizados polo Consorcio de Santiago computaránlle como horas de xornada ordinaria.

Complementariamente, o consorcio poderá autorizar, cando o permitan as necesidades do servicio, a asistencia dos seus traballadores a cursos, seminarios ou encontros profesionais. Cando o contido destes o aconsellen, a asistencia poderá computar como xornada de traballo e poderán ser sufragados os gastos de asistencia correspondentes.

Capítulo XVI

Dereitos lingüísticos

Artigo 52º.-Dereitos lingüísticos.

Os traballadores ó servicio do Consorcio da Cidade de Santiago, teñen o dereito e o deber de desenvolve-la súa actividade laboral e profesional no idioma galego, como lingua oficial na Comunidade Autónoma, e, en particular, no Consorcio da Cidade de Santiago, e a acceder a vías de formación lingüística en relación co servicio público e co perfil do posto de traballo, no marco das disposicións contidas no Estatuto de autonomía, Lei 3/1983, de normalización lingüística de Galicia, Lei 5/1988, que regula o uso do galego nas entidades locais, e Regulamento municipal de normalización lingüística.

O Consorcio da Cidade de Santiago establecerá, de acordo coas disposicións normativas nomeadas e coas que puideran dictarse neste ámbito, as medidas adecuadas para garantirlles ós seus empregados o exercicio pleno e sen retribucións dos dereitos recollidos neste capítulo, nos niveis oral e escrito do uso do idioma galego.

Estas medidas incluirán necesariamente, entre outras, as seguintes:

a) A regulamentación da avaliación do coñecemento do idioma galego para os efectos de acceso, promoción interna e provisión de postos de traballo.

b) A implantación de sistemas de traballo que aseguren o exercicio do dereito dos traballadores do consorcio que van desenvolve-la súa actividade laboral en galego.

c) A adopción das medidas imprescindibles tendentes a garanti-lo dereito dos administrados a seren atendidos na lingua oficial de Galicia.

Os traballadores teñen dereito a asistir a cursos de aprendizaxe e perfeccionamento do idioma galego organizados polo consorcio dentro do horario de traballo. O tempo investido na asistencia ós devanditos cursos será computado como tempo efectivo de traballo.

O Consorcio da Cidade de Santiago disporá os medios suficientes no que a substitución do persoal se refire para posibilitar e promociona-la asistencia dos traballadores ó seu servicio a cursos de aprendizaxe ou perfeccionamento do idioma galego.

Nas probas selectivas que se realicen para o acceso as prazas incluirase unha proba de coñecemento da lingua galega.

Capítulo XVII

Vestiario e uniformes

Artigo 53º.-Provisión do vestiario e uniformes de traballo.

Corresponderá ó Consorcio da Cidade de Santiago a provisión do vestiario e uniformes de traballo ó persoal que o necesitase estrictamente para o exercicio do seu posto como é o caso de ordenanzas e encargada da limpeza.

Capítulo XVIII

Réxime retributivo

Artigo 54º.-Conceptos retributivos.

A retribución do persoal afectado polo presente convenio fixarase nos orzamentos anuais do consorcio e estará integrada polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Antigüidade.

c) Pagas extraordinarias

d) Complemento salarial de posto de traballo.

Artigo 55º.-Salario base.

En concepto de salario base mensual, para cada grupo profesional, será o que se detalla no anexo de orzamentos como retribución básica, tendo efectos económicos dende o día 1 de xaneiro de 2003.

Artigo 56º.-Antigüidade.

Establécese un complemento persoal de antigüidade para tódalas categorías, consistentes en cuadrienios que se aboarán a razón do cinco por cento (5%) anual do salario base segundo o establecido na táboa salarial que se aprobe nos orzamentos do consorcio.

Artigo 57º.-Complemento salarial de convenio e de postos de traballo.

Establécese para tódolos traballadores/as incluídos no ámbito de aplicación deste convenio, un complemento salarial de convenio; as súas contías serán aboadas nas 12 mensualidades.

Artigo 58º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá dúas (2) pagas extraordinarias en igual contía que unha (1) mensualidade de retribucións de soldo base e antigüidade, as cales se percibirán coa paga dos meses de xuño e decembro.

A percepción das pagas extras será proporcional ó tempo traballado en cómputo de anos naturais, considerándose as fraccións de mes por exceso como mes completo. Así mesmo consideraranse como traballados para os efectos referidos ós períodos de permanencia en situación de incapacidade temporal por parte do traballador.

Artigo 59º.-Horas extraordinarias.

As horas extras realizadas polos traballadores compensáranselles ben en descanso ben economicamente do xeito que a continuación se determinará e, tomando para iso como base do cálculo o salario-hora, resultado de dividi-la totalidade das percepcións económicas que ten que percibi-lo traballador entre o número de horas traballadas:

-O setenta e cinco por cen (75%) nas horas extras de días laborables de incremento con respecto á hora normal.

-O cento cincuenta por cen (150%) nas horas extras de domingos e festivos, de incremento con respecto á hora normal.

Artigo 60º.-Remuneración anual.

En cumprimento do disposto no artigo 26.5º do vixente Estatuto dos traballadores, detallarase na táboa salarial que se aprobe nos orzamentos do consorcio, os salarios en cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada no presente acordo.

Artigo 61º.-Revisión económica.

A que se fixe nos orzamentos xerais do Estado para o persoal laboral.

Artigo 62º.-Indemnizacións por razón de servicio.

Devengaranse nas mesmas condicións cás establecidas na normativa vixente.

Artigo 63º.-Gratificacións.

Poderán recoñecerse gratificacións para o persoal laboral polo desempeño de servicios extraordinarios, dentro dos créditos que para ese concepto se autoricen nos orzamentos anuais do Consorcio da Cidade de Santiago. O devengo de tales gratificacións non xerará dereito algún de consolidación. As gratificacións non poderán te-la natureza de periódicas no seu devengo ou de fixas na súa contía.

Persoal artístico

Capítulo XIX

Da Real Filharmonía de Galicia,

do seu persoal artístico

Artigo 64º.-Clasificación profesional para a Real Filharmonía de Galicia.

Artigo 64º.1.-Dirección.

A dirección corresponde ó director artístico titular.

Artigo 64º.2.-Categorías laborais do persoal artístico:

-Concertino.

-Axuda de concertino.

-Principais da corda, vento e percusión.

-Co-principais de corda e vento.

-Tutti de corda.

Artigo 65º.-Plan de actividades.

O plan xeral de actividades estará suxeito ó calendario xeral de programación previamente aprobado polo consello de administración baixo o control da Xerencia do Consorcio de Santiago.

Porase en coñecemento dos músicos cunha antelación de tres (3) meses dos avances anuais do calendario xeral de programación, referidos respectivamente á tempada de abono e á tempada de verán (xuño-marzo, respectivamente), nos que se detallará toda a información dispoñible neses momentos sobre os contidos da programación, as obras, os solistas e directores, datas de ensaios, concerto ou representacións públicas, xiras e gravacións. Unha vez aprobada e coa maior antelación posible ó inicio de cada tempada, entregarase a revisión actualizada da programación incluíndo o plan de actividades, o cadro de persoal, programas e servicios (ensaios, representacións públicas, gravacións ou xiras) con carácter definitivo.

Artigo 66º.-Selección do persoal.

Artigo 66º.1.-Organización de concursos.

Os tribunais de selección para a provisión de vacantes na Real Filharmonía de Galicia estarán compostos polos seguintes membros:

-O director titular da orquestra, como presidente do tribunal con voz e voto de calidade.

-O principal director convidado con voz e voto.

-O concertino, con voz e voto.

-O principal da sección, ou ben o principal dunha sección afín, normalmente dentro da mesma familia instrumental -cando se convoque un posto de principal-, con voz e voto.

-Un membro da sección ou da familia instrumental con voz e voto.

-Dependendo da praza convocada, un especialista elixido de común acordo entre a orquestra e a dirección, con voz e voto.

-Un representante da Administración, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Un representante dos traballadores, sen voz nin voto.

O veredicto do tribunal determinará mediante unha votación, sendo necesaria a obtención de maioría absoluta. O número de membros do tribunal con dereito a voto haberá de ser impar para evita-los resultados de empate. Se a causa de abstencións ou votos en branco se producise un empate, decidirá o director como presidente do tribunal.

A primeira volta dos concursos efectuarase detrás dunha cortina, para garanti-la opinión arbitraria dos membros do tribunal.

En cada especialidade procederase da mesma forma: unha vez rematada a primeira volta de audicións e realizadas as deliberacións e votacións do tribunal, farase pública a lista de seleccionados para realiza-la segunda volta: unha vez realizada esta, e resolto o veredicto do tribunal, farase pública a lista de admitidos mediante a súa exposición no taboleiro da orquestra.

No caso de que algún profesor titular da orquestra opte a un posto de superior categoría e obteña a dita praza, o posto que ocupaba ata o momento quedará automaticamente vacante, podéndose ofrecer a outro dos candidatos que, a xuízo do tribunal, reúna as condicións necesarias. O afianzamento da súa praza quedará, nembargantes, condicionado a que o profesor que cambiou de posición se afiance no seu novo posto tralo correspondente período de proba.

Se o tribunal o estima oportuno, no caso de dúbida entre dous candidatos que demostrasen unha cualificación equivalente, poderáselles outorga-la posibilidade de experimentar algunhas semanas de proba coa orquestra, reservando o veredicto definitivo para despois dese período.

A non ser que na convocatoria se especifique outra cousa, a incorporación dos seleccionados producirase de maneira inmediata, unha vez resoltos os asuntos legais. Excepcionalmente, nembargantes, teranse en conta os impedimentos particulares que obriguen a demora-la dita incorporación, sempre e cando se comunicasen con anterioridade á finalización do proceso.

Artigo 66º.2.-Profesores de reforzo.

Para a contratación dos profesores instrumentais de reforzo ou substitutos a Administración deberá consultar cos principais de cada sección e a dirección artística.

No suposto de que a contratación sexa por un período longo e se realicen audicións internas, a orquestra terá que ser informada ó respecto.

Artigo 67º.-Xornada de traballo do persoal artístico.

A xornada laboral do persoal artístico será de trinta e sete horas e media (37,œ) semanais, das cales vintesete e media (27,œ) se destinarán ó traballo do conxunto e as dez (10) restantes ó estudio persoal dentro ou fóra dos locais de ensaio, sen horario fixo.

A duración máxima dunha sesión de traballo será de cinco (5) horas e a cantidade de horas traballadas nun día non poderá exceder de sete (7).

Artigo 67º.1.-Calendario laboral.

Ata tres (3) semanas antes do inicio dos ensaios previstos para a preparación dun programa a dirección poderá realiza-las alteracións sobre o calendario orixinal que estime oportunas. Unha vez superado este prazo non se poderá realizar ningunha modificación.

No cadro de persoal orquestral especificaranse os profesores de corda en rotación de descanso e obrigados polo sinalado no artigo 68 do presente convenio.

Artigo 67º.2.-Descanso semanal.

Para o persoal artístico fíxase con carácter xeral un descanso semanal de dous (2) días consecutivos, preferentemente sábado e domingo.

A dirección do consorcio poderá cambia-lo descanso semanal establecido con carácter xeral organizando outros servicios en sábados e domingos cun máximo de dez (10) veces ó longo do ano.

Nestes casos o descanso semanal desprazarase e terá que ser como mínimo de trinta e seis (36) horas consecutivas.

Artigo 68º.-Obrigacións en situación de libre traballo conxunto.

Todo o persoal artístico de vento e percusión que por mor da programación estea libre de traballo de conxunto segundo o cadro orquestral distribuído coa antelación suficiente, estará dispoñible por se tivera que suplir algún posto da súa sección, estando en todo momento localizable.

Para efectos do persoal artístico de corda incluirase nos cadros orquestrais os nomes daqueles profesores que terán que estar dispoñibles segundo a orde de rotación.

Artigo 69º.-Servicios.

Entenderase por:

-Medio servicio: un (1) desprazamento inferior a cento cincuenta (150) quilómetros, ou inferior a tres (3) horas de duración se se realiza por avión.

-Un servicio: un (1) concerto ou actuación pública, ou un (1) desprazamento superior ó recollido no punto anterior, ou ben un (1) ensaio non superior a tres (3) horas.

-Un servicio e medio: un (1) ensaio de ata catro (4) horas.

-Dous servicios: un (1) ensaio de cinco (5) horas.

Poderanse programar un máximo de dous (2) servicios por día.

O máximo de servicios á semana será de nove (9).

O cómputo de servicios mensuais non poderá ser superior a trinta (30).

Cando as circunstancias o esixan, cun máximo de oito (8) veces ó ano, poderanse facer ata dez (10) servicios semanais, compensando estes cunha reducción de servicios equivalentes a aqueles realizados de máis, dentro dos trinta (30) días naturais arredor desta excepción; en catro (4) destas ocasións poderase chegar a un número máximo de once (11) servicios semanais e sempre e cando o noveno (9º) e undécimo (11º) se correspondan con desprazamentos.

O tempo máximo de ensaio nun día non será superior a cinco horas e media (5,œ), e terá que ser distribuído da seguinte maneira:

-Ensaio + ensaio: tres mais dúas e media (3h + 2,œ h) horas, con descansos de vinte (20) minutos respectivamente.

-Ensaio xeral + concerto: a duración das obras máis os descansos.

-Desprazamento + concerto.

-Ensaio + desprazamento.

-Concerto.

O desprazamento non poderá supera-las cinco (5) horas entre ida e volta cando a maiores hai outro servicio, sexa ensaio ou concerto.

Se a actividade do día é só o desprazamento, procurarase que este non supere as sete (7) horas.

O tempo que terá que mediar entre dous (2) servicios terá que ser sempre de dúas (2) horas como mínimo.

Non se realizarán dous (2) concertos ou actuacións públicas no mesmo día a excepción dos concertos didácticos, os cales poderán abranguer dúas (2) sesións de traballo non superiores a unha (1) hora cada unha delas, podendo mediar entre ambos unha (1) pausa non superior a dúas (2) horas. En todo caso non poderá haber outro servicio no mesmo día.

Cando a representación teña unha duración superior a dúas horas e media (2,œ), non se efectuará

ningún outro servicio no mesmo día, exceptuando, se é o caso, o desprazamento, polo que o ensaio xeral terase que realizar con anterioridade a ese día.

Artigo 69º.1.-Cancelación de servicios.

Un servicio será computado como realizado se non é cancelado con alomenos corenta e oito (48) horas de antelación. Este tempo verase aumentado a quince (15) días cando a dita anulación corresponda a toda a actividade correspondente a unha (1) semana.

Artigo 69º.2.-Prolongación de servicios.

Segundo o plan de actividades, o director artístico ou, se é o caso, o director musical poderá, eventualmente e previo acordo cos profesores da Real Filharmonía de Galicia, prolonga-los servicios de ensaio en fraccións suplementarias.

No último descanso anterior á prolongación avisarase do cambio ó persoal que vexa afectado. Cada fracción terá que ser retribuída coa aplicación de criterios de horas extraordinarias con respecto ó seu abono, ou ben cunha compensación en tempos equivalentes de descanso retribuído, incrementados na mesma porcentaxe có previsto para as horas extraordinarias.

Artigo 70º.-Descansos entre servicios.

Os descansos nos servicios estructúraranse do seguinte xeito:

-Servicios de dúas (2) horas: un descanso de quince (15) minutos.

-Servicios de dúas horas e media (2,œ): un descanso de vinte (20) minutos.

-Servicios de tres (3) horas: un descanso de vinte (20) minutos.

-Servicios de catro (4) horas: un descanso de vinte (20) minutos e outro de quince (15).

-Servicios de cinco (5) horas: un descanso de trinta (30) minutos e outro de quince (15).

-Nos servicios non se poderá traballar máis de hora e media (1,œ) continuada.

Artigo 71º.-Cómputo horario.

Consideraranse horas de conxunto as efectuadas en ensaios, probas acústicas e concertos, así como as horas investidas nos desprazamentos.

Artigo 72º.-Limitacións en horarios de servicios.

O traballo, fóra de xiras ou desprazamentos, efectuarase a razón dun (1) ou dous (2) servicios por día, podendo ter lugar estes entre as nove (9.00) horas da xornada e a unha e cuarto (1.15) do día seguinte.

Procurarase que o horario de ensaios se programe entre as dez (10.00) e as dezaoito (18.00) horas, os ensaios que por diferentes circunstancias se programen despois das dezaoito (18.00) horas computaranse como medio (1/2) servicio a maiores do establecido.

Estes servicios poderán ter unha duración segundo o xa establecido.

Artigo 73º.-Xiras e saídas.

Son saídas aquelas actividades que se efectúen fóra do municipio de Santiago de Compostela. Son xiras aquelas saídas que requiran pernoitar.

Artigo 74º.-Vacacións anuais.

O período de vacacións do persoal artístico será dun mes e medio (1,œ) enteiro ou partido, quedando así compensadas as actuacións que se realicen en días festivos, aínda que por mor da programación se poidan dividi-las vacacións en dúas (2) partes, sendo trinta (30) días destas vacacións consecutivas.

Artigo 75º.-Desprazamentos.

Procederase do xeito que a continuación se detalla:

-Medios de transporte.

-Os desprazamentos faranse preferentemente en transporte colectivo, para o cal o consorcio facilitará o medio de locomoción ou os billetes correspondentes.

-En avión, voo regular, clase turista ou chárter.

-En ferrocarril, de día, primeira clase.

-En ferrocarril, de noite, coche cama.

-En autobús, máximo confort.

Nas xiras o máximo de actividade do conxunto será de sete (7) horas diarias. A efectos do cómputo considerarase a semana de sete (7) días contados a partir do día de saída. En xira, por cada seis (6) días traballados observarase rigorosamente un (1) de descanso no que non se realizarán desprazamentos nin outros servicios.

Durante ese día non se realizarán actuacións de ningunha índole. En caso de non poder manter este compromiso, consensuarase co comité de empresa a solución máis axeitada. Os descansos semanais desfrutaranse preferentemente ó regreso da xira, e en calquera caso, antes de iniciar un programa distinto.

En caso de que en calquera desprazamento se produzan retrasos por causas alleas ó consorcio ou de causa maior, a comisión paritaria arbitrará o xeito de compensación.

Artigo 75.1º.-Aloxamentos.

O aloxamento terá que ser facilitado polo consorcio, e deberá cumprir alomenos as seguintes características: hoteis ou apartamentos alomenos de tres estrelas, en réxime de cuarto dobre e almorzo.

Se algún profesor da orquestra desexa excepcionalmente un cuarto individual deberá solicitalo á dirección coa antelación suficiente. A orquestra procurará atende-la dita petición e o solicitante deberá aboa-la diferencia que puidese existir.

Artigo 76º.-Condicións de transporte do material.

Debido á extrema fraxilidade dos instrumentos, terase en conta para o seu transporte (tanto nas saídas como nas xiras), as extremas condicións climáticas que podan existir, e tratarase de organizar co maior coidado e precaución, contando co persoal cualificado para iso.

Así mesmo, o consorcio disporá de caixas especiais para transportar axeitadamente tódolos instrumentos.

Artigo 76º.1.-Aluguer de instrumentos.

Sempre que por mor da programación se necesita alugar instrumentos para ser interpretados polos profesores da orquestra, procurarase que estes estean en perfecto estado de utilización e serán entregados coa suficiente antelación para a preparación individual.

Artigo 77º.-Condicións nas salas onde actúa a orquestra.

O consorcio, logo de revisión das salas, disporá as condicións mínimas para que os concertos poidan levarse a cabo e que alomenos serán as seguintes:

-Disporase de espacio suficiente para que tódolos músicos poidan tocar con comodidade tanto física como acusticamente. No seu defecto, reducirase o cadro de persoal no número, debendo avisar ós profesores no plan de traballo semanal.

-A temperatura será de entre vinte e vinteseis graos, máis-menos dous graos (20º e 26º [+-2º]).

-Iluminación suficiente para a lectura correcta das partituras.

-Asegurarán, en calquera caso, unhas condicións hixiénicas e de seguridade mínimas para poder actuar, tanto no escenario como en camerinos e servicios.

-Disporanse de cadeiras axeitadas para os concertos fóra da sede da Real Filharmonía de Galicia.

-Os camerinos serán repartidos proporcionalmente, asegurando espacio suficiente para tódolos membros da Real Filharmonía de Galicia, entre músicos: mulleres e homes.

Artigo 78º.-Proba acústica.

A proba acústica terá unha duración máxima de trinta (30) minutos, e suprimirase nos seguintes casos:

-Cando o concerto teña lugar no mesmo que o ensaio xeral, salvo o criterio contrario do director artístico.

-Cando se trate de segundos ou ulteriores concertos no mesmo local (repetición do programa)

-Cando o director artístico o estime conveniente.

Entre o remate da proba e o comezo do concerto haberá unha pausa de trinta (30) minutos. Cando o concerto teña lugar nunha igrexa, a dita proba realizarase a media (1/2) hora antes do comezo do concerto.

A proba acústica non ten consideración de servicio independente senón que forma parte do servicio de concerto ó que proceda.

Artigo 79º.-Réxime retributivo do persoal artístico da Real Filharmonía de Galicia.

Artigo 79.1º.-Conceptos retributivos do persoal artístico.

As retribucións dos profesores da Real Filharmonía de Galicia tal como se reflicte actualmente nas nóminas e no presente artigo están integradas polos seguintes conceptos retribuídos:

1. Salario base. Refírese a cantidade fixada por contrato dependendo da categoría artística a percibir en catorce (14) pagas.

2. Antigüidade. Percibirase cada catro (4) anos de servicios efectivos, desde o primeiro (1º) día do mes no que se cumpran os catro (4) anos. Establécense as seguintes cantidades segundo as categorías:

a) Concertino, axuda de concertino: cincuenta e dous con catorce euros (52,14 A, 8.675 ptas.).

b) Principal, coprincipal: corenta e dous con nove euros (42,09 A, 7.003 ptas.).

c) Tuttis: corenta e un con vinteún euros (41,21 A, 6.857 ptas.)

3. Complemento de responsabilidade artística. Establécese un complemento a percibir no caso de desenrolar eventualmente unha posición de categoría superior, tal como establece a memoria de orzamento de gastos do Consorcio da Cidade de Santiago para o ano 2003.

4. Complemento por desgaste de material. Establécese un complemento para a conservación e mantemento dos instrumentos propiedade dos profesores.

Artigo 79º.2.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal obxecto deste convenio percibirá dúas (2) pagas extraordinarias ó ano. Estas faranse efectivas coas nóminas de xuño e decembro.

Artigo 79º.3.-Música de cámara.

Os profesores que de modo voluntario e logo de aprobación do órgano correspondente do Consorcio de Santiago participen nos ciclos da música de cámara organizados polo consorcio terán dereito a unha retribución complementaria, e esta fixarase anualmente entre a Dirección da Real Filharmonía de Galicia e o comité de empresa.

Artigo 79º.4.-Horas extraordinarias.

Terá a consideración de horas extraordinarias aquelas realizadas sobre a xornada ordinaria de traballo, segundo o calendario laboral establecido.

As horas extraordinarias aboaranse cun incremento do setenta e cinco por cen (75%) sobre o salario que correspondería a cada hora ordinaria, ou ben serán compensadas por tempos equivalentes de descanso retribuído incrementados na mesma porcentaxe.

Artigo 79º.5.-Axudas de custo.

Establécense como axudas de custo a percibir por todo o persoal artístico e ordenanza que se desprace en xiras, saídas fóra da cidade de Santiago de Compostela e dentro do territorio nacional, a partir das seguintes cantidades:

-Saídas: dezaoito euros (18 A, 3.000 ptas.).

-Xiras.

-Media axuda de custo: dezaoito euros (18 A, 3.000 ptas.).

-Axuda de custo completa: trinta e seis euros (36 A, 6.000 ptas.).

-Xiras internacionais.

Media axuda de custo: trinta e seis euros (36 A, 6.000 ptas.).

Axuda de custo completa: setenta e dous euros (72 A, 12.000 ptas.).

Artigo 79.6º.-Propiedade intelectual.

Nas gravacións audiovisuais (TV, radio, discos, etc.) que xeren ingresos para o Consorcio da Cidade de Santiago o cincuenta (50%) dos beneficios serán repartidos a partes iguais entre os profesores músicos que participasen en ditas gravacións, unha vez que xeren crédito a favor do Consorcio da Cidade de Santiago a dita remuneración realizarase en concepto de gratificación variable a cargo da habilitación do consorcio.

Todo o mencionado con anterioridade farase sen prexuízo o do resto dos dereitos conexos que puideran asistir ós diferentes profesores en calidade de executantes e que se reputen do exercicio individual.

O comité de empresa promoverá a afiliación a Sociedade de Artistas e Intérpretes ou Executantes (A.I.E.) dos profesores da Real Filharmonía de Galicia, e o consorcio facilitará as sucesivas declaracións de cada gravación fixada, que produza dereitos de tipo individual ós profesores participantes, para o seu envío a A.I.E. por parte do comité de empresa.

Artigo 80º.-Licencias sen dereito a retribución.

Tódolos profesores da Real Filharmonía de Galicia poderán gozar de permisos non retribuídos por desenvolvemento profesional ou asuntos propios nas seguintes condicións:

1. Deberá instarse ó Consorcio da Cidade de Santiago cunha antelación de trinta (30) días naturais, e vinte (20) días nos casos dos puntos a) e b) do apartado quinto (5º) do presente artigo, a correspondente solicitude acompañada dos documentos xustificativos.

2. O permiso será concedido, se é o caso, tras ser aprobado polo consorcio.

3. No caso de que a solicitude sexa denegada, deberase xustifica-la causa da denegación, para evitar calquera tipo de discrepancias entre os profesores da Real Filharmonía de Galicia.

4. Ó remate deste deberá presentar unha xustificación.

5. Os permisos poden ser dunha duración de:

a) Dous (2) días, sempre que non coincida en ensaio xeral ou concerto.

b) Unha (1) semana.

c) Ata un (1) mes.

d) Superior a un (>1) mes e inferior a un (<1) ano.

6. Unha vez rematado o permiso a incorporación será inmediata. Exclusivamente para o persoal artístico se non puidera realizarse a incorporación de forma inmediata a xuízo da dirección do consorcio por atoparse un programa en fase avanzada, a dita incorporación realizarase ó inicio do seguinte programa. Neste último caso os días non traballados non serán retribuídos se o posto fora ocupado eventualmente por outra persoa. Nos permisos sinalados no punto d) a incorporación deberá solicitarse cunha antelación dun (1) mes ó remate do permiso e realizarse dentro dos tres (3) días seguintes ó remate deste, coa salvidade do programa avanzado sinalado no parágrafo anterior.

A concesión dun permiso tipo d) implicará a suspensión temporal do contrato durante a vixencia deste, causando o traballador baixa no réxime da seguridade social. No suposto de que coincidan diferentes solicitudes para o mesmo programa concederanse por rigoroso orde de solicitude.

7. Cando un profesor solicite un permiso para realizar unha actividade remunerada (en período de ensaios ou concertos) este farase cargo da diferencia de custos ocasionados ó Consorcio da Cidade de Santiago derivados da contratación dun profesor substituto.

Artigo 81º.-Comité artístico.

Acórdase a constitución con carácter permanente dun comité artístico de carácter consultivo.

Artigo 81º.1.-Composición.

O dito comité estará formado por tres (3) profesores instrumentistas elixidos polos membros da Real Filharmonía de Galicia, por un período dun ano, sendo posible a súa reelección.

Procurarase que estean representadas tódalas seccións da orquestra e que os asuntos artísticos se traten periodicamente cos profesores/as da Real Filharmonía de Galicia.

Artigo 81º.2.-Eleccións.

Terán dereito a seren candidatos ó comité só os profesores titulares da orquestra. Os profesores interinos cun contrato de duración igual ou superior a tres meses terán dereito á asistencia ás asembleas que se convoquen durante a súa permanencia na orquestra con voz e voto.

Haberá eleccións anuais. Cada proceso electoral anunciarase cun mínimo de dúas semanas de antelación, expoñéndose unha lista para a presentación de candidaturas.

Cada membro da orquestra con dereito a voto escribirá na papeleta tres nomes escollidos entre os candidatos, un de cada unha das tres grandes seccións da orquestra (violíns, corda grave e vento percusión). Admitiranse como representantes ós candidatos elixidos por unha maioría simple, sempre que obtivese alomenos un tercio do total dos votos.

Artigo 81º.3.-Atribucións.

1. Elaborar informes sobre a programación de cada tempada.

2. Realiza-lo seguimento da calidade artística de directores invitados, concertinos, solistas invitados e profesores de reforzo ou substitutos.

Artigo 81º.4.-Dereitos e deberes.

Os membros do comité artístico terán dereito a coñecer en todo momento a marcha de tódalas cuestións relativas á programación e as súas opinións deberán ser tomadas en consideración.

Terán dereito a tomar decisións en nome da orquestra cando sexa necesario facelo, sen priva-la consulta ós demais profesores, aínda que a práctica habitual haberá de sela de mantelos informados e sonda-los criterios maioritarios.

Deberán estar coordinados cos membros do comité de empresa para aquelas cuestións que constitúan ó mesmo tempo materia artística e laboral.

Artigo 82º.-Seguro de instrumentos musicais.

O consorcio asegurará os instrumentos de tódolos profesores/as da Real Filharmonía de Galicia e aqueloutros instrumentos que por necesidades da programación se utilicen.

O seguro cubrirá as seguintes eventualidades: rotura, desperfecto, incendio, roubo, sexa no lugar de traballo, sexa in itinere, sexa no lugar de estudio.

Calquera cambio de instrumento deberá ser notificado inmediatamente ó consorcio, acompañado da documentación necesaria para formaliza-lo seguro.

Artigo 83º.-Vestiario.

Os profesores da Real Filharmonía de Galicia actuarán de frac, e as profesoras vestirán saia ou pantalón longo negro e blusa negra ou traxe negro.

O consorcio proverá os profesores de chaqueta de frac, pantalón negro, chaleco branco, gravata de lazo branca, faixa, zapatos e dúas camisas brancas. Do mesmo modo proverá as profesoras da orquestra de vestiario de concertos e zapatos. O persoal da orquestra responsabilizarase de manter en todo momento o vestiario das actuacións limpo, pasado a ferro e en perfectas condicións de uso.

Así mesmo, o consorcio proverá o utilleiro de vestiario axeitado para o cumprimento das súas funcións.

A renovación do vestiario acontecerá cada catro (4) anos.

Artigo 84º.-Localidades en concertos.

Nos concertos organizados pola Real Filharmonía de Galicia facilitaranse a tódolos traballadores que o soliciten, dúas localidades de balde por programa.

Cando a orquestra interveña en concertos non organizados polo Consorcio da Cidade de Santiago está procurará que os organizadores faciliten unha invitación por traballador.

Na Casa de Vaamonde, Compostela, 29 de abril de 2003.

Na representación do Consorcio da Cidade de Santiago:

Homero José M. Pérez Quintana, xerente do consorcio.

Julia Rodríguez Blanco, xefa de administración do consorcio

Na representación dos traballadores do Consorcio da Cidade de Santiago:

Xosé Santiago Allegue Fernández, presidente do C.E. do consorcio.

Palmira Martínez Spuig, secretaria do C.E.

José Antonio García Martínez, membro do C.E. do consorcio.

Jorge Ortega López, membro do C.E. do consorcio.

Anca Smeu, membro do C.E. do consorcio.

Xabier Carro Garrote, secretario de Acción Sindical UGT Galicia.