Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 02 de xullo de 2003 Páx. 8.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Telelugo El Progreso, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Telelugo El Progreso, S.L. (código 2700882), da provincia de Lugo, asinado o día 20 de novembro de 2002, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provuincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 4 de decembro de 2002.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da empresa

Telelugo El Progreso, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito funcional e persoal.

I. Este convenio colectivo ten como ámbito de aplicación a empresa Telelugo El Progreso, S.L., e regulará as relacións de traballo entre esta empresa e os seus traballadores, excepto o persoal que teña asinado contrato de alta dirección regulado polo R.D. 1382/1985 ou a normativa que con relación a este tipo de contratacións se encontre vixente en cada momento.

II. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación do presente convenio:

A) Conselleiros, persoal directivo e persoal de alta dirección.

B) Profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servicios

C) Artistas.

D) Os colaboradores, independentemente de que manteñan relación continuada coa empresa, e bolseiros en prácticas.

E) Os axentes comerciais ou publicitarios que traballen para a empresa, con liberdade de representaren outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade.

F) O persoal pertencente a empresas que teñan formalizado un contrato civil de prestación de servicios coa empresa á que se refire o presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito normativo.

Tódalas materias que son obxecto de regulación do presente convenio colectivo forman parte e serán de aplicación a tódolos contratos de traballo existentes na actualidade ou daqueles que se poidan subscribir no futuro.

Artigo 3º.-Vixencia.

A vixencia deste convenio colectivo será de tres anos que se computarán desde o 1 de setembro de 2002. Non obstante, seguirá mantendo a súa vixencia ata que se subscriba o seguinte convenio colectivo.

Artigo 4º.-Denuncia.

A denuncia do presente convenio formularase por escrito cunha anticipación mínima de dous meses da data do seu vencemento.

Artigo 5º.-Organización do traballo.

A organización do traballo na empresa afectada por este convenio corresponde á dirección da empresa, cumprindo as obrigacións legais.

Artigo 6º.-Comisión mixta de interpretación.

Constituirase unha comisión mixta de interpretación e aplicación do pactado neste convenio, e que está composta por tres membros designados por cada unha das partes asinantes deste convenio colectivo que entenderá necesariamente, con carácter previo, do tratamento e solución de cantas cuestións de interpretación colectiva e conflictos de carácter se poidan suscitar no ámbito de aplicación deste convenio.

A comisión mixta intervirá ou resolverá calquera consulta que atinxa a interpretación das normas establecidas neste convenio colectivo, e intervirá de maneira preceptiva e previa ás vías administrativa e xudicial na substanciación dos conflictos colectivos que poidan promove-los traballadores ante a empresa, para o cal a comisión mixta de interpretación expedirá a correspondente acta.

Esta comisión poderá utiliza-los servicios ocasionais ou permanentes de asesores en cantas materias sexan da súa competencia. Estes asesores serán designados libremente por cada unha das partes, e terán voz, pero non voto para a toma de decisións.

Artigo 7º.-Período de proba.

Os períodos de proba por grupos profesionais serán os seguintes:

Grupo I: 6 meses.

Grupo II: 6 meses.

Grupo III: 3 meses.

Grupo IV: 3 meses.

1. Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó seu grupo profesional e ocupación que desempeñe, excepto os derivados da resolución laboral, que se poderá producir por instancia de calquera das partes.

2. Transcorrido o período de proba sen que se producise a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, considerándose como data de inicio do desempeño efectivo da ocupación aquela na que deu comezo o período de proba. En situación de incapacidade temporal e maternidade interromperase o período de proba.

Artigo 8º.-Contratación.

A contratación de traballadores axustarase ás normas legais xerais sobre emprego, comprometéndose a empresa á utilización dos diversos modos de contratación de acordo coa finalidade de cada un dos contratos.

Artigo 9º.-Contrato de obra ou servicio determinado.

O contrato para a realización de obra ou servicio determinado é aquel a execución do cal está limitada no tempo, pero que nun principio é incerta.

O contrato para obra ou servicio determinado é consubstancial á actividade da empresa, aqueles que se realicen para afrontar calquera lanzamento ou proxecto que, aínda sendo consubstancial á actividade da empresa, tivese unha duración limitada no tempo pero incerta.

A duración do presente contrato será a prevista para a obra e servicio determinado obxecto do mesmo, e extinguirase ó terminar esta, producindo plenos efectos liberatorios a liquidación asinada entre traballador e empresa para tódolos efectos, con relación a contratacións anteriores.

Non obstante, o persoal contratado por obra ou servicio poderá prestar para a mesma empresa outros servicios similares de duración incerta durante un período máximo de tres anos consecutivos, sen perde-la condición de contratado por obra ou servicio.

Artigo 10º.-Contrato eventual.

En desenvolvemento do disposto no artigo 15.1º b) do ET, a empresa poderase acoller a esta modalidade de contratación por un tempo máximo de doce meses dentro dun período de dezaoito.

Artigo 11º.-Contrato a tempo parcial.

Regularase polo disposto no Real cecreto 15/1998, ou polas normas que en cada momento estean vixentes e regulen esta modalidade contractual.

En desenvolvemento do artigo 12 do Estatuto dos traballadores establécense os seguintes parámetros desta modalidade de contratación:

I. Cando o contrato a tempo parcial supoña a execución dunha xornada diaria inferior á dos traballadores a tempo completo e esta se realice de forma partida, a dirección da empresa poderaa redistribuír, respectando os descansos legalmente establecidos, e sen prexuízo da xornada máxima anual establecida neste convenio.

II. En calquera caso, o acceso regulado no parágrafo anterior deberá respecta-las seguintes regras:

a) O dereito de preferencia para acceder a un posto de traballo recollido no artigo 12.4º do ET se entenderá sen prexuízo da mobilidade funcional regulada no artigo 11º do presente convenio.

b) O dereito dos traballadores a subscribi-las vacantes que se produzan no grupo profesional ó que estean adscritos, estará condicionado á cualificación profesional.

III. Respecto á distribución das horas complementarias se estará á planificación da xornada anual de traballo contemplada no artigo 13º do presente convenio colectivo, respectando en calquera caso o disposto respecto descansos obrigatorios no Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Contratos formativos.

I. Contrato de traballo en prácticas. Se estará ó disposto no Estatuto dos traballadores.

II. Contrato para a formación. Poderán concertarse contratos para a formación con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21, sen limite de idade cando se trate de traballadores minusválidos.

O contrato para a formación se axustará ás seguintes regras:

Considerando que o obxecto deste tipo de contratación é a adquisición, por parte do traballador da formación teórica e práctica necesaria para realizar adecuadamente un oficio ou un posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación, os contratados carecerán da titulación necesaria para realizar un contrato en prácticas.

A duración mínima destes contratos será de seis meses, sendo dous anos o seu período máximo de duración.

A retribución do contrato de formación será a resultante de aplica-lo salario mínimo interprofesional ó tempo de traballo efectivo.

Artigo 13º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional é aquela que se produce dentro dun mesmo grupo profesional.

A empresa poderá destinar ós traballadores a traballos de categoría superior, sen que en ningún momento poidan consolidar tal situación. Esta situación non se poderá prolongar máis de seis meses nun ano ou oito meses no prazo de dous anos. Durante esta situación o traballador percibirá a retribución que corresponde ó grupo superior. Para o cómputo do tempo límite de realización de funcións de categoría superior, non se poderá computa-lo tempo de substitución por excedencia, vacacións, enfermidade ou baixa dun compañeiro de traballo. Os períodos nos que o traballador realice traballos de categoría superior non xerarán dereito a ascenso, o cal se levará a efecto unicamente polas regras que a empresa ten fixadas para os ascensos.

Por necesidades da empresa poderase destina-los traballadores a traballos de categoría inferior da que desenvolven habitualmente. O traballador conservará as retribucións do seu grupo profesional.

Artigo 14º.-Mobilidade xeográfica.

I. Cando existan razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción a empresa poderá proceder ó traslado individual ou colectivo dos traballadores, seguindo para isto os procedementos previstos no artigo 40 do ET.

II. Igualmente, as empresas poderán desprazar temporalmente os traballadores cando existan razóns económicas, técnicas, organizativas e productivas.

Nestes supostos observarase o disposto no artigo 40 do Estatuto dos traballadores.

III. Cando o traslado a que se fai referencia neste artigo no seu número 1 se realice dentro da mesma provincia aplicarase a lexislación vixente.

Artigo 15º.-Xornada.

I. A xornada anual de traballo efectivo queda establecida en 1.824 horas distribuídas de forma irregular de luns a domingo. O cómputo da xornada realizarase de conformidade co establecido no artigo 34.5º do Estatuto dos traballadores, cos descansos legalmente establecidos. O calendario de traballo elaborarase mensualmente, na medida en que sexa posible, e notificarase cunha semana de anticipación ós traballadores. Este calendario poderá ser modificado pola empresa cando concorran circunstancias extraordinarias.

II. -A empresa poderán establecer, logo de acordo, se é o caso, cos representantes legais dos traballadores de conformidade co artigo 34.3º do Estatuto dos traballadores a superación do tope máximo de nove horas, respectando os descansos mínimos contemplados na lei.

III. Descanso. O descanso semanal poderá ser rotativo de luns a domingo, ambos incluídos para todo o persoal. Preferiblemente os descansos desfrutaranse en fin de semana, sempre e cando non prexudique a organización do traballo.

IV. Ó non permiti-la natureza da actividade xornalística e informativa determinar un horario ríxido de traballo, cada traballador terá asignado un horario básico, de conformidade co establecido no artigo anterior, que é aquel no que normalmente presta os seus servicios.

V. Os responsables de cada unha das seccións ou departamentos dos que se compón a empresa, cumprindo as instruccións dadas pola dirección, distribuirán o sinalamento de horarios, repartición de tarefas e control de asistencias. O horario básico poderá ser modificado pola empresa, respectándose sempre o pactado no convenio canto á xornada máxima e descanso.

VI. Tódolos traballadores da empresa estarán ó dispor dos departamentos correspondentes en todo momento para cubrir aquelas necesidades informativas de carácter extraordinario ou eventual e, en todo caso, respectando sempre os descansos mínimos entre xornadas previsto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Vacacións.

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal afectado polo presente convenio será de trinta días naturais para tódolos traballadores.

A empresa e os traballadores poderán acorda-lo fraccionamento das vacacións.

O cómputo de vacacións efectuarase por ano natural, calculándose en proporción ó tempo de permanencia na empresa nos casos de novo ingreso.

Artigo 17º.-Festas aboables.

Dada a especial característica da TV, poderase traballar naquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables, podendo compensarse o dito traballo economicamente ou ser aumentado no período de vacacións de desfrute persoal a razón dun día e medio de descanso por cada festivo traballado, á decisión da empresa.

Artigo 18º.-Dispoñibilidade horaria.

Co obxecto de prestar un mellor servicio e en razón da operatividade do centro ou centros de traballo, establécese unha bolsa de horas dispoñibles, a fin de cubri-la necesaria operativa da empresa, e afectará os traballadores designados pola empresa.

Tendo en conta a xornada máxima anual regulada para cada ano de vixencia do presente convenio, establécese unha bolsa de horas de 60 horas, que non pode exceder 20 horas mensuais.

Para tal efecto, os traballadores afectados, percibirán un complemento denominado complemento de dispoñibilidade horaria.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

I. Serán consideradas horas extraordinarias as que excedan xornada anual pactada nos artigos 15º e 18º deste convenio.

II. As horas extraordinarias compensaranse preferentemente con descanso, no mes seguinte, sempre e cando non perturbe o normal proceso productivo das empresas. A compensación por descanso ou a retribución de horas extraordinarias será a que estea establecida na empresa ou a que se poida pactar no seo dela.

III. Non se terán en conta, para efectos da duración máxima da xornada pactada nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias, as que se realicen nos supostos que contempla o artigo 35.3º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 20º.-Licencias retribuídas.

I. O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a percibi-lo salario base e o complemento de compensación polos motivos e tempo seguintes:

A) Quince días naturais en caso de matrimonio.

B) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de afinidade ou consanguinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento, o prazo será de catro días.

C) Un día por traslado de domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo.

E) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos na lei.

F) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que se deban realizar dentro da xornada de traballo.

Se non fose posible a xustificación antes do desfrute, a xustificación entregarase á empresa posteriormente.

II. Para estes efectos entenderase que existe desprazamento cando o traballador tivese que se trasladar a outra provincia distinta da do seu centro de traballo ou domicilio, e sempre que ó menos teña que se desprazar 100 km.

Artigo 21º.-Clasificación profesional.

Os traballadores que presten os seus servicios nas empresas incluídas no ámbito do presente convenio serán clasificados en atención á ocupación en relación coas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

A clasificación realizarase en grupos profesionais, por interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que desenvolvan os traballadores.

Poderanse establecer dentro dos novos grupos profesionais divisións en áreas funcionais.

Por acordo entre o traballador e o empresario establecerase o contido da prestación laboral obxecto do contrato de traballo, así como a súa pertenza a un dos grupos profesionais previstos neste convenio.

Factores de encadramento:

1. O encadramento dos traballadores incluídos nos ámbitos de aplicación do presente convenio dentro da estructura profesional pactada e, por conseguinte, a asignación a cada un deles dun determinado grupo profesional será o resultado da conxunta ponderación obxectiva dos seguintes factores: coñecementos e experiencia, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

2. Na valoración dos factores anteriormente mencionados teranse en conta:

a) Coñecementos e experiencia: factor para a valoración do cal se terá en conta, ademais da formación básica necesaria para cumprir correctamente as misións, a experiencia adquirida e a dificultade para a adquisición dos coñecementos e experiencia.

b) Iniciativa: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de seguimento de normas ou directrices para a execución de tarefas ou funcións.

c) Autonomía: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de dependencia xerárquica no desempeño das tarefas ou funcións que se desenvolvan.

d) Responsabilidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o nivel de influencia sobre os resultados e a relevancia da xestión sobre os recursos humanos, técnicos e productivos.

e) Mando: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de supervisión e ordenación das funcións e tarefas, a capacidade de interrelación, as características do colectivo e o número de persoas sobre as que se exerce o mando.

f) Complexidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o número e o grao de integración dos diversos factores antes mencionados.

3. Os grupos profesionais teñen un carácter meramente enunciativo, sen que as empresas veñan obrigadas a contemplar na súa estructura organizativa todos e cada un deles, podendo se é o caso, establecerse as correspondentes asimilacións.

Grupo profesional I.

1) Criterios xerais: o persoal pertencente a este grupo planifica, organiza, dirixe e coordina as diversas actividades propias do desenvolvemento da empresa. Realiza funcións que comprenden a elaboración da política de organización, as liñas xerais da utilización eficaz dos recursos humanos e dos aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización conforme o programa establecido ou a política adoptada; o establecemento e mantemento de estructuras productivas e de apoio e o desenvolvemento da política industrial, financeira e comercial. Toma decisións ou participa na súa elaboración. Desempeña altos postos de dirección e execución dos mesmos niveis nos departamentos, divisións, grupos, etc., en que se estructura a empresa e que responden sempre á particular ordenación de cada unha.

2) Formación: titulación de grao superior ou experiencia profesional equivalente e acreditada.

3) Enunciativo: director técnico, director comercial, director financeiro, xefe de producción, xefe de informática, xefe de realización, redactor xefe.

Grupo profesional II.

1) Criterios xerais: funcións que supoñen tarefas técnicas homoxéneas e heteroxéneas que poden ou non implicar responsabilidade de mando relacionadas con obxectivos con adecuado grao de esixencia en autonomía e contido intelectual. Funcións que supoñen a integración, coordinación e, se é o caso, supervisión de actividades realizadas por colaboradores nunha mesma unidade funcional.

2) Formación: titulación universitaria de grao medio ou superior ou experiencia profesional equivalente e acreditada.

3) Enunciativo: enxeñeiros, licenciados, redactores, realizadores.

Grupo profesional III.

1) Criterios xerais: tarefas e traballos consistentes na execución de operacións que requiran adecuados coñecementos profesionais, aptitudes prácticas e iniciativa adecuada con responsabilidade limitada por supervisión, podendo ser axudados por outro ou outros traballadores.

2) Formación: titulación formación profesional de grao superior, complementada cunha formación específica do grupo profesional que se vaia desempeñar ou tamén experiencia profesional equivalente e acreditada.

3) Enunciativo: cámaras, montadores, técnicos de son e iluminación, técnicos de mantemento , rexedor, operadores de equipamento.

Grupo profesional IV.

1) Criterios xerais: tarefas que se executen segundo instruccións concretas con alto grao de dependencia que requiran esforzo físico ou atención. Así mesmo, formarán parte deste grupo as tarefas consistentes en operacións realizadas seguindo un método de traballo preciso, con alto grao de supervisión, que normalmente esixen coñecementos profesionais de carácter elemental e dun período breve de adaptación.

2) Formación: titulación formación profesional de grao medio/educación secundaria e/ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión

3) Enunciativos: auxiliares.

Traballos de categoría superior. A empresa poderá destina-los traballadores a traballos de categoría superior, reintegrándoos ó seu antigo posto de traballo cando cese a causa que motivou o cambio. O traballador destinado a un posto de categoría superior terá dereito a percibi-las retribucións dese posto de superior categoría desde o primeiro día de desempeño efectivo ata que cese nel. Os períodos nos que o traballador realice traballos de categoría superior non xerarán dereito a ascenso, o cal se levará a efecto unicamente polas regras que a empresa ten fixadas para os ascensos.

A pedimento do interesado, a empresa expedirá un certificado do desempeño do posto, facendo mención do tempo e das funcións.

Traballos de categoría inferior. Por necesidades da empresa poderase destina-los traballadores a traballos de categoría inferior da que desenvolven habitualmente. O traballador conservará as retribucións da súa categoría habitual.

Artigo 22º.-Réxime retributivo.

Quedarán sen efecto e sen aplicación tódolos conceptos retributivos vixentes ata este momento, que serán substituídos polos que establece este convenio.

1º Salario base. Quedan establecidas as táboas de salarios mínimos anuais garantidos por grupos profesionais nas seguintes cantidades anuais que se percibirán en 14 pagas:

Grupo I: 10.528 A.

Grupo II: 8.834 A.

Grupo III: 7.994 A.

Grupo IV: 7.574 A.

En tódolos casos están incluídos nas cantidades fixadas os complementos salariais que puidese haber, excepto o de dispoñibilidade horaria e complemento de libre disposición.

2º Complemento de dispoñibilidade. Os traballadores que, ademais da misión asignada, sexan designados pola empresa para estaren en situación de dispoñibilidade para cubrir aquelas necesidades de carácter excepcional e eventual que se produzan, percibirán un complemento de dispoñibilidade que non será consolidable, e a súa contía fixarase coa empresa. Da percepción deste complemento non se deducirá a prolongación da xornada. Este complemento non será consolidable, e tanto o traballador como a empresa poderán, logo de comunicación, deixar sen efecto o compromiso de dispoñibilidade e conseguintemente o aboamento do complemento.

3º Complemento de compensación. Este complemento, que non será consolidable pero si absorbible, aboarase a aqueles traballadores que teñan percepcións no momento da sinatura do convenio superiores ás que se establecen neste convenio para o seu posto de traballo, ó obxecto de garanti-la contía das percepcións que recibe neste momento. A súa contía será a que sexa precisa en cada momento para garanti-la mesma retribución que percibe no momento da sinatura do convenio por tódolos conceptos. Este complemento será absorbido cos incrementos establecidos no convenio.

4º Complemento de dispoñibilidade horaria.

Os traballadores afectados polo artigo 18º do convenio percibirán un complemento denominado de dispoñibilidade horaria e cun importe de 45 euros mensuais (12 pagas anuais)

Artigo 23º

Establécese a xubilación obrigatoria dos traballadores que alcancen a idade de 65 anos, sempre e cando reúnan os requisitos legais mínimos para accederen a unha prestación de xubilación.

Artigo 24º.-Réxime disciplinario.

I. Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa de acordo coa regulación de faltas e sancións que se especifica nos números seguintes.

II. Toda falta cometida por un traballador clasificarase atendendo á súa índole e circunstancias que concorran en leves, graves e moi graves.

III. A enumeración das faltas que a seguir se sinalan faise sen unha pretensión exhaustiva, polo que poderá ser sancionada polas direccións das empresas calquera infracción da normativa laboral vixente ou incumprimento contractual, aínda no caso de non estar tipificada no presente convenio.

A) Faltas leves.

1. As de descoido, erro ou demora inexplicable na execución de calquera traballo.

2. A suma de faltas de puntualidade na asistencia ó traballo cando exceda de 20 minutos durante o período dun mes; sempre que destes atrasos non deriven pola función especial do traballo graves prexuízos para o traballo que a empresa lle teña encomendado, caso en que se cualificará de moi grave.

3. Non cursar en tempo oportuno o parte de baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado, así como a non presentación dos partes de confirmación en prazo.

4. O abandono sen causa xustificada do traballo, aínda que sexa por breve tempo.

5. Pequenos descoidos na conservación do material e da uniformidade.

6. Non comunicar á empresa os cambios de domicilio.

7. Uso dos teléfonos fixos ou móbiles para fins particulares no lugar de traballo.

B) Faltas graves.

1. A suma de faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, non xustificadas, cando exceda 30 minutos no período dun mes.

2. Faltar un día ó traballo durante o período dun mes sen causa xustificada. Cando desta falta deriven prexuízos para a empresa ou o público, considerarase como falta moi grave.

3. Entregarse a xogos ou distraccións de calquera tipo durante o tempo de traballo.

4. A reiteración no descoido, erro ou demora inexplicable na execución de calquera traballo.

5. A desobediencia ós seus superiores no exercicio das súas funcións ou tarefas. Se a desobediencia é reiterada, implica quebranto manifesto para o traballo ou dela derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

6. Descoido importante na conservación dos xéneros ou artigos da empresa, mesmo a uniformidade.

7. Non atender ó público coa corrección e dilixencia debidas, ou faltando ó seu respecto ou consideración,

8. As discusións ou altercados cos compañeiros de traballo dentro das dependencias da empresa.

9. O uso do material propia da empresa para fins particulares sen a debida autorización. Cando o prexuízo para a empresa sexa grave e afecte o normal desenvolvemento do traballo poderá considerarse como falta moi grave.

10. A falta de aseo e limpeza de tal índole que poida afectar o normal desenvolvemento do traballo e imaxe da empresa, ou que produza queixa dos clientes ou dos compañeiros de traballo. A reincidencia considerarase como falta moi grave.

11. Acordar modificacións de horario con outros compañeiros sen a previa conformidade da dirección.

12. A reincidencia en tres faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, cometidas dentro dun período de seis meses desde a primeira.

13. O acoso sexual a un compañeiro ou compañeira de traballo.

14. A embriaguez non habitual no traballo.

15. O incumprimento das medidas e procedementos de seguranza.

C) Faltas moi graves.

1. Fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como no trato cos compañeiros de traballo ou calquera outra persoa ó servicio da empresa en relación de traballo con esta.

2. Facer negociacións de comercio ou industria por conta propia ou doutra persoa sen expresa autorización da empresa, cando se trate de actividade concorrente.

3. Facer desaparecer, inutilizar ou causar desperfectos en materiais, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, obxectos e documentos da empresa, así como empregalos para uso propio ou sacalos das dependencias da empresa sen a debida autorización.

4. O roubo, furto ou malversación cometidos tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou a calquera persoa dentro ou fora da empresa, sexa cal fose o importe.

5. A embriaguez ou drogadicción habitual cando redunde negativamente no rendemento no traballo.

6. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados á empresa.

7. Revelar a terceiros alleos á empresa datos de reserva obrigada.

8. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou a falta grave de respecto e consideración ós directivos e mandos da empresa ou ós seus familiares, así como ós compañeiros e subordinados.

9. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor, incumprindo os obxectivos legalmente sinalados.

10. Orixinar liortas e pendencias cos compañeiros de traballo.

11. Fumar durante o desempeño do traballo cando estivese expresamente prohibido pola empresa.

12. Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada laboral.

13. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dun período de seis meses desde a primeira.

14. O acoso sexual reiterado ou cando o fose contra o persoal subordinado.

15. O reiterado incumprimento das medidas e procedementos de seguranza ordenados.

16. O desleixo de responsabilidade por parte dos xefes e responsables.

17. A simulación de enfermidade ou accidente.

Artigo 25º.-Réxime de sancións.

Corresponde á dirección da empresa a facultade de impo-las sancións nos termos contidos no presente convenio. As sancións máximas que se poderán impor en cada caso atendendo á gravidade das faltas cometidas serán as seguintes:

Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata tres días.

Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de catro a quince días.

Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días.

-Rescisión do contrato con perda de tódolos dereitos na empresa.

Para a imposición das sancións seguiranse os trámites previstos na lexislación xeral.

Disposicións adicionais

Primeira.-Revisión salarial.

Os conceptos retributivos denominados salario base, libre disposición e complemento de dispoñibilidade horaria serán revisados anualmente, con efectos do 1 de xaneiro de cada ano, durante o período de vixencia pactada do convenio (tres anos) e incrementaranse na contía que corresponda ó incremento do IPC (ou índice que o substitúa) dos doce meses anteriores, incrementado en 1 punto.

Segunda.-Paga de compensación.

Como compensación da data de efectos pactada no convenio, os traballadores que á data do convenio sigan prestando servicios para a empresa e a antigüidade do cales date ó menos do 1-1-2002, recibirán a suma de 150 euros, nunha paga única, que se aboará na nómina do mes de novembro de 2002.

Lugo, 4 de novembro de 2002.

Asdo.: Blanca García Montenegro, Miguel Ángel Gorgoso Méndez, José Manuel Rouco Álvarez, Anselmo Sampedro Ania e Jesús A. Amarelo Fernández.