Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.585

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xuño de 2003 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Rácing Club Ferrol.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Rácing Club Ferrol, con domicilio en Ferrol.

Supostos de feito.

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Rácing Club Ferrol foi constituída en escritura pública outorgada en Ferrol o día trinta de abril de dous mil tres, ante o notario Manuel Aceituno Pérez, co número catrocentos oitenta do seu protocolo por Xaime Bello Costa que intervén en exercicio do seu cargo de alcalde-presidente do concello de Ferrol, Isidro Silveira Cameselle que intervén no seu propio nome e dereito e ademais en nome e representación da entidade Rácing Club de Ferrol, Sociedad Anónima Deportiva, Isidro Manuel Silveira Rey, Juan Manuel Eugenio Pazos García, Ricardo Díaz-Casteleiro Romero, Manuel Recuero Astray, José Juan Rilo Dopico, Alvito Pardo Corral, Manuel Criado Seselle e Francisco Souto Martínez, que interveñen no seu propio nome e dereito.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo seis dos estatutos o desenvolvemento e fomento do deporte, e dun modo especial do fútbol, en tódolos seus ámbitos, encamiñado á revitalización do Rácing Club Ferrol e a mellora-la súa imaxe interna e externa.

Para a súa consecución, executará, potenciará e propoñerá:

-Promover, difundir e apoia-lo deporte de base, especialmente o fútbol, coa creación de escolas de fútbol e fútbol sala para nenos/as e creación e participación de diferentes equipos nos campionatos das categorías de base; todo iso dentro dun espírito de claro estímulo dos máis elevados valores deportivos e humanos.

-Organizar e participar en congresos, xornadas, seminarios, coloquios, mestrados, conferencias, debates e charlas nas que se aborden cuestións relacionadas co deporte.

-Organizar e executar iniciativas de formación en materia deportiva, tales como cursos prácticos e teóricos de fútbol.

-Completa-la educación dos mozos e mozas deportistas a través da organización de cursos, por exemplo de idiomas, informática, etc.

-Promover e organizar eventos deportivo-culturais e concursos de escultura, pintura, fotografía, etc. relacionados co deporte, e conceder premios e incentivos.

-Conceder axudas e bolsas para facilita-lo acceso ó deporte e á cultura da mocidade.

-Crear, organizar e xestiona-lo Museo do Rácing Club Ferrol, para recuperar e preserva-la historia do Rácing.

-Producir e editar publicacións, así como distribuír productos relacionados co patrimonio cultural e deportivo do Rácing Club de Ferrol, para promociona-la imaxe do club.

-Promove-lo estudio para a creación de residencias e albergues, para facilita-lo aloxamento de deportistas e equipos.

-Contrastar criterios e experiencias a nivel nacional e supranacional con outras fundacións, clubs, federacións, asociacións, institucións e sociedades de dereito público ou privado, nacionais ou estranxeiras, cando iso poda redundar en beneficio da promoción e desenvolvemento do deporte e a cultura, e moi especialmente a relacionada co fútbol.

-Realiza-las demais funcións de análoga natureza ás anteriores que se consideren convenientes ó cumprimento dos fins da fundación.

4. O padroado da fundación estará integrado por: Xaime Bello Costa en representación do Concello de Ferrol, Isidro Silveira Cameselle, Isidro Silveira Rey, Juan Manuel Pazos García, Ricardo Díaz-Casteleiro Romero, Manuel Recuero Astray, Francisco Cruz Senra, José Juan Rilo Dopico, Alvito Pardo Corral, Manuel Criado Seselle e Francisco Souto Martínez.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Rácing Club Ferrol, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e á súa adscrición á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Fundamenos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de xuño de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Rácing Club Ferrol adscribíndoa á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública