Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2003 Páx. 8.338

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2003, da División de Recursos Humanos, pola que se declara rematada a oposición e se abre prazo do concurso da fase de selección, de diversas categorías do proceso extraordinario de consolidación de emprego do Servicio Galego de Saúde.

O punto 9 da base sétima das diversas ordes da Consellería de Sanidade do 15 de febreiro de 2002 (DOG nº 40, do 25 de febreiro), do 20 de maio

de 2002 (DOG nº 105, do 3 de xuño) e do 29 de xullo de 2002 (DOG nº 168, do 2 de setembro), polas que se convoca proceso extraordinario de consolidación de emprego para a selección e provisión de prazas de persoal estatutario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, dispón que á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia un acordo coas puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes nos exercicios da oposición. Para este efecto, a estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderanse implícitas nesta publicación.

Así mesmo, na segunda parte, concurso, da citada base sétima establece que ese acordo do tribunal declarará rematada a oposición e abrirá un prazo de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ó desta publicación, para que os aspirantes que superaron a oposición presenten ante o tribunal a documentación oportuna.

Polo tanto, adoptado acordo polos respectivos tribunais, procede agora darlle publicidade no DOG, facultándose para iso expresamente esta División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que,

RESOLVE:

Primeiro.-Declarar rematada a parte de oposición da fase de selección do proceso extraordinario de consolidación de emprego, convocado polas diversas ordes da Consellería de Sanidade do 15 de febreiro de 2002 (DOG nº 40, do 25 de febreiro), do 20 de maio de 2002 (DOG nº 105, do 3 de xuño) e do 29 de xullo de 2002 (DOG nº 168, do 2 de setembro), elevando a definitivas as puntuacións obtidas polos aspirantes nos exercicios da oposición realizados o pasado día 27 de abril de 2003, que se poden consultarse nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Sergas, ou na súa páxina web (www.sergas.es).

Segundo.-Desestimar expresamente aquelas reclamacións presentadas contra a nota obtida, que non modifiquen nestas listaxes definitivas a nota inicialmente exposta.

Terceiro.-Abri-lo prazo de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ó desta publicación, para que os aspirantes que superaron a oposición presenten ante o tribunal os seguintes documentos:

I. Fotocopia compulsada dos títulos académicos e certificacións esixidos para a súa participación nestas probas selectivas.

Deberá presentarse copia traducida por traductor xurado daqueles títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español.

II. Autovaloración dos méritos que o aspirante considera valorables de conformidade co baremo de méritos. En ningún caso esta autovaloración vinculará o tribunal, e terá un carácter simplemente orientativo.

Para reflectila mesma, utilizarase o modelo que figura como anexo nesta resolución e na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

III. Documentación orixinal ou fotocopias compulsadas acreditativas dos méritos alegados.

Cuarto.-Esta resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos no punto 3 da base vixésimo primeira das citadas convocatorias.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2003.

José Ignacio Lema Piñeiro

Director xeral da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde

ANEXO

Autobaremación do concurso da fase de selección

Categoría/especialidade:

Nome e apelidos:

DNI:

1. Experiencia profesional (máximo 45 puntos).

1.1. En institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.

a) Na mesma categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo ou temporal: 0,3 puntos/mes.

b) En categoría do modelo tradicional, de cota, de zona ou de urxencia, do mesmo grupo de titulación que a categoría na que se concursa con nomeamento fixo ou temporal: 0,225 puntos/mes.

c) En distinta categoría profesional e, se é o caso, especialidade á que se concursa con nomeamento fixo: 0,15 puntos/mes.

d) No modelo tradicional, de cota, de zona ou de urxencia, en distinta categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo: 0,113 puntos/mes.

1.2. En institucións sanitarias dependentes doutros servicios de saúde.

a) Na mesma categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo ou temporal: 0,1 puntos/mes.

b) En categoría do modelo tradicional, de cota, de zona ou de urxencia, do mesmo grupo de titulación que a categoría na que se concursa con nomeamento fixo ou temporal: 0,075 puntos/mes.

c) En distinta categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo: 0,05 puntos/mes.

d) No modelo tradicional, de cota, de zona ou de urxencia, en distinta categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo: 0,038 puntos/mes.

NOTA:

-Para o cómputo dos servicios prestados, referido a experiencia profesional, ó persoal de reforzo en atención primaria e ó facultativo de atención especializada con nomeamento específico para a realización de atención continuada (gardas médicas) recoñeceráselle un mes completo de servicios prestados, que se calculará conforme as seguintes regras:

a) Un mes, ou a parte que corresponda proporcionalmente, por cada 190 horas ou fracción realizadas.

b) Se dentro do mes natural se realizasen máis de 190 horas, soamente se poderá valorar un mes de servicios prestados, sen que o exceso de horas efectuado durante aquel poida ser aplicado para o cómputo dos servicios prestados establecidos na anterior regra a).

-Cómputo dos servicios prestados en réxime laboral: os servicios prestados con contrato laboral, con carácter fixo ou temporal, nas categorías de persoal reguladas no Estatuto xurídico de persoal médico, de persoal sanitario non facultativo e de persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social, terán a consideración de efectuados como persoal estatutario fixo ou temporal na respectiva categoría.

-Servicios prestados por persoal de asistencia pública domiciliaria: os servicios prestados á Seguridade Social, no ámbito da atención primaria, polo persoal de asistencia pública domiciliaria equivalerán, para os efectos dos baremos previstos na Lei 16/2001, do 21 de novembro, tanto na fase de selección como na de provisión, ós prestados nas categorías que lles correspondan.

2. Formación:

2.1. Asistencia xustificada a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Cruz Vermella, sindicatos e colexios oficiais das distintas profesións ou acreditados ou avaliados, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría á que se opta, a razón de:

-De 20 a 60 horas: 0,5 puntos.

-De 61 a 200 horas: 1 punto.

-De 201 horas en diante: 2 puntos.

2.2. Asistencia xustificada a cursos de formación continuada realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría á que se opta, a razón de:

-De 20 a 60 horas: 1 punto.

-De 61 a 200 horas: 2 puntos.

-De 201 horas en diante: 4 puntos.

Concurso. Fase de selección.

Experiencia profesional:

Formación:

Total puntuación do concurso: