Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2003 Páx. 8.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 3 de xuño de 2003 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, durante o curso académico 2003-2004.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, nos artigos 9.2º.b) e 24, fai referencia á prestación de servicios complementarios polos centros, ó sistema de acceso dos alumnos a estes e ás axudas, e, na súa disposición derradeira, faculta á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

Na súa virtude, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, prazas de residencia para os cursos dos seguintes niveis académicos e tipos de formación nos centros residenciais que se detallan:

a) Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo (IPMP de Vigo).

Para seguir estudios de:

-Ciclos formativos de formación profesional específica.

-Formación permanente de adultos, nas titulacións de capitán de pesca, patrón de pesca de altura, mecánico naval maior e patrón costeiro polivalente.

-Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

b) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (EONP de Ferrol).

Para seguir estudios de:

-Ciclos formativos de formación profesional específica.

-Formación permanente de adultos nas titulacións de patrón de pesca de altura, patrón costeiro polivalente e patrón local de pesca.

-Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

Artigo 2º.-Clases de prazas.

As prazas poderán outorgarse nas seguintes dúas modalidades:

a) En réxime de aloxamento e manutención.

b) En réxime de manutención nos comedores dos centros residenciais docentes.

Artigo 3º.-Prazas en réxime de aloxamento e manutención.

Esta modalidade supón a utilización gratuíta dos servicios residenciais dos devanditos centros.

Para optar á praza en réxime de aloxamento e manutención, requirirase que o solicitante acredite documentalmente cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar matriculado no centro docente onde estea situada a residencia.

b) Imposibilidade de trasladarse ó seu domicilio diariamente, en razón da distancia e tempo investido, cando, polos medios habituais de transporte público sexa superior a 60 minutos en cada un dos traxectos ou por razón de incapacidade física do solicitante, que faga que resulte penoso o transporte diario ó centro docente.

c) Ter presentada a documentación correspondente para as avaliacións ás que tivese dereito.

d) No caso de alumnos da formación permanente de adultos náutico-pesqueira, ter cumpridos 17 anos, como mínimo, no ano 2003.

e) Reuni-los requisitos académicos e profesionais esixidos polo ordenamento xurídico vixente.

f) Non se poderá obter praza de aloxamento cando os estudios que se soliciten entrañen a perda de un ano no proceso educativo. Os alumnos con materias convalidadas ou aprobadas en convocatoria libre, non se considerarán repetidores sempre que estas non superen o 50% das materias do curso.

Artigo 4º.-Prazas en réxime de manutención.

A praza en réxime de manutención defínese como a utilización gratuíta dos servicios de comedor dos centros docentes mencionados.

Poderán solicitar praza en réxime de manutención os alumnos que acrediten documentalmente te-lo seu domicilio habitual a unha distancia superior a 10 km. do centro docente, ou ben que, aínda sendo menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

Artigo 5º.-Incompatibilidades

As prazas en réxime de aloxamento e manutención son incompatibles coa axuda de residencia fóra do domicilio habitual e coa de transporte, así como con calquera outros beneficios da mesma finalidade que poidan recibirse doutras entidades ou persoas públicas ou privadas.

Artigo 6º.-Adxudicación de prazas.

1. A adxudicación das prazas farase conforme a un baremo no que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares acreditadas que se recollen no punto C) deste artigo.

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das prazas convocadas.

2. Sen prexuízo dos criterios de baremación xeral recollidos no parágrafo anterior, terán dereito a praza de residencia tódolos alumnos solicitantes que promocionan dentro do mesmo ciclo formativo.

3. No caso de que os solicitantes obtiveran o mesmo coeficiente, terán preferencia os que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

A) Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas nas que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan do 1 ó 10, séguense as equivalencias que a continuación se sinalan:

9-10: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

B) Renda familiar.

a) Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 2002 por tódolos membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia.

b) No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

c) A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos a conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións á Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias.

d) Considéranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns menores de 23 anos, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinteseis anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que estes co certificado municipal correspondente.

e) No caso de que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta circunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda e os medios económicos con que conta.

f) Ó cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 3.155,31 A: 10 puntos.

De 3.155,32 A a 3.606,07 A: 8 puntos.

De 3.606,08 A a 4.056,83 A: 7 puntos

De 4.056,84 A a 4.507,59 A: 6 puntos.

De 4.507,60 A a 4.958,35 A: 5 puntos.

De 4.958,36 A a 5.409,11 A: 4 puntos.

De 5.409,12 A a 5.859,87 A: 3 puntos.

De 5.859,88 A a 6.310,63 A: 2 puntos.

De 6.310,64 A a 6.761,39 A: 1 punto.

Máis de 6.761,39 A: 0 puntos.

De non achega-la fotocopia compulsada da declaración da renda ou certificado de non tela presentada outorgaranse 0 puntos por este epígrafe.

C) Circunstancias familiares.

a) Ós aspirantes que teñan irmáns cursando estudios de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto por cada un dos seguintes.

b) Ós aspirantes en condición de orfandade: 2 puntos.

c) Ós aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase 1 punto, de 2ª clase e honra 2 puntos.

d) Os aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 3 puntos.

Tódolos puntos referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 7º.-Regras de procedemento.

1. Tódolos alumnos que soliciten praza deberán formaliza-lo impreso oficial, que figura como anexo I, e presentalo antes do 15 de setembro. Se rematado o mencionado prazo ordinario de solicitudes, quedaran prazas vacantes, abriríase un novo prazo que remataría o 15 de outubro.

2. Os alumnos que promocionen dentro dun mesmo ciclo só terán que realiza-la reserva de praza ante a secretaría do centro con anterioridade ó 15 de setembro.

3. Tódolos solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presenta-la seguinte documentación:

-DNI do solicitante e demais membros da unidade familiar maiores de idade.

-Certificado de estudios, se fose o caso.

-Certificado de ter formalizada a matrícula.

-Certificado de empadroamento e residencia habitual expedido polo concello e correspondente ó ano da solicitude.

-Fotocopia autenticada completa das declaracións polo imposto sobre a renda das persoas físicas dos compoñentes que integran a unidade familiar e que teñan a obriga de realizala, correspondentes ó ano 2002, ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de non tela presentado.

Cando un alumno teña presentado no centro e para o presente curso, algún dos documentos requiridos para a formalización da solicitude, quedará exento de repetilo.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse nos centros docentes onde os solicitantes vaian segui-los seus estudios durante o curso académico 2003-2004.

2. Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/99), dentro do prazo establecido no anterior artigo 7º.1.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. Para o estudio das solicitudes presentadas e selección de posibles adxudicatarios, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o delegado territorial correspondente ou persoa en quen delegue.

Vocais:

Director.

Xefe de estudios.

Un representante da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Dous profesores membros do Consello Escolar.

Un representante dos pais de alumnos, membro do Consello Escolar.

Secretario: o secretario do centro docente, que actuará con voz e sen voto.

2. Das reunións realizadas polas comisións ás que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

3. As solicitudes de prazas deberán ser estudiadas e comprobadas para selecciona-las que deban ser atendidas.

4. A comisión de valoración, vistas as solicitudes, elaborará unha listaxe provisional de solicitudes admitidas e/ou denegadas e a causa que motivou a súa denegación, dando un prazo de 10 días naturais para que os interesados corrixan os erros ou formulen as reclamacións que consideren oportunas.

5. Transcorrido o dito prazo de 10 días naturais a comisión elaborará unha listaxe definitiva de admitidos e excluídos, que se remitirá á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, á vista das listaxes referidas no artigo anterior, determinará o número total de prazas que poden ser concedidas en función das vacantes dispoñibles e ordenará a confección das listaxes de adxudicatarios. A dita dirección xeral poderá denega-la praza se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos achegados, así como, que a familia do solicitante dispoña dunha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e, en consecuencia, a perda da praza de residencia, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

2. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro dictará unha resolución aprobando a lista definitiva de adxudicatarios que se publicará nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer con carácter potestativo un recurso de reposición perante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro no prazo dun mes ou un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados en ámbolos casos desde o día seguinte ó da notificación ou publicación da citada resolución.

Artigo 11º.-Incorporación dos alumnos residenciais.

1. Os residentes poderanse incorporar á praza de residencia unicamente para cursa-los estudios que expresaron na súa solicitude.

2. Os residentes incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

3. O estado de saúde do residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ó centro, deberá permiti-lo normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

4. Os residentes que non se incorporen ós centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar, non poderán desfrutar da praza de residencia, e perderán os seus dereitos agás nos casos de forza maior.

5. A perda da condición de alumno do centro onde debía cursa-los estudios para os que lle foi concedida a praza, determinará a perda desta e así mesmo da condición de residente do centro residencial docente.

6. Igualmente, cesarán no disfrute das prazas en réxime de aloxamento e manutención como consecuencia de sanción disciplinaria ou cando o alumno non acuda con reglaridade ás clases lectivas e perda o carácter de avaliación continua, logo dun informe previo e a petición do director do centro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos