Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 22 de maio de 2003 Páx. 6.601

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte.

Visto o contido da modificación dos estatutos que rexerán a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, para adaptalos á normativa vixente de aplicación, observándose que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de

réxime local e 143 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-A proposta de modificación dos estatutos foi aprobada pola xunta da mancomunidade en sesión do 2 de setembro de 2002.

Segundo.-Con data do 26 de setembro de 2002, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable sobre a modificación de estatutos a Mancomunidade Arousa-Norte.

Terceiro.-Segundo certificación da Secretaría da Mancomunidade de Arousa Norte, a modificación dos estatutos foi exposta a información pública durante o prazo dun mes, mediante edicto publicado no BOP da Coruña (BOP nº 220, do 4 de outubro de 2002). Presentáronse alegacións dos grupos municipais do BNG e do PSdeG- PSOE, as cales foron desestimadas polos concellos integrantes da mancomunidade.

Cuarto.-Con data do 31 de outubro de 2002, recibiuse da Deputación Provincial da Coruña informe favorable relativo á modificación dos estatutos.

Quinto.-O presidente da Mancomunidade remitiu, con data de entrada nesta consellería do 24 de marzo de 2003, certificacións dos acordos dos concellos que conforman a mancomunidade de aprobación definitiva da modificación dos estatutos, así como unha copia certificada destes para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación de modificación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta resolución.

Queda derrogado polo tanto, o contido dos estatutos aprobados polo Decreto 2936/1974, do 3 de outubro, do Ministerio da Gobernación, publicado no BOE do 23 de outubro de 1974 en canto se opoña ó da presente modificación.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2003.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO

Estatutos Mancomunidade de Municipios Arousa Norte

Capítulo I

Disposicións xerais

Constitución, denominación, capacidade e réxime xurídico

Artigo 1º.-Da voluntade constitutiva.

Ó abeiro do previsto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local,

modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, 135 da Lei 5/1997, do 2 de xullo, de réxime local de Galicia e 31 do R.D. 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación de demarcación territorial das entidades locais, os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, con continuidade territorial, acordaron constituírse en mancomunidade voluntaria intermunicipal para obras e servicios da competencia municipal, que se rexerá polos presentes estatutos.

Artigo 2º.-Da denominación e capitalidade.

1. A expresada entidade, denominada Mancomunidade de Municipios Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, en extracto Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte terá a súa sede administrativa no Centro Social e da Terceira Idade que o Concello de Boiro dispón na rúa Principal s/n, desta localidade.

2. A Mancomunidade disporá de capacidade xurídica plena para o cumprimento dos seus fins, e en consecuencia poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear bens propios, formalizar contratos, establecer e explotar servicios públicos e exercer accións de toda clase previstas nas leis.

Artigo 3º.-Do goberno e administración.

1. O goberno e administración da Mancomunidade correspóndelle á comisión xestora integrada por un presidente, un vicepresidente, os vocais que se sinalan no epígrafe seguinte e un secretario pertencente á escala de funcionarios con habilitación de carácter nacional, de conformidade co establecido no número 2 do artigo 5º.

2. Presidente. Será presidente nato o alcalde do municipio de cada concello polo prazo dun ano natural, entendido este do 1 de xaneiro ó 31 de decembro, sen prexuízo de que o primeiro presidente será polo período comprendido a partir da aprobación destes estatutos e o ano seguinte. A quenda iniciaraa o da Pobra do Caramiñal, continuando polo de Boiro, correspondendo cada terceiro ano o de Ribeira e o cuarto o de Rianxo.

Vicepresidente. Será vicepresidente ou alcalde o que corresponda a presidencia o ano seguinte.

Vocais. Son vocais natos os alcaldes dos municipios sen prexuízo da delegación que estes poidan efectuar en concelleiros das súas respectivas corporacións ó abeiro do disposto na normativa vixente.

3. Os actos e acordos da comisión xestora xuntaranse ós preceptos legais que rexen o funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais.

4. A representación da Mancomunidade corresponderalle ó presidente e, no seu defecto, será substituído polo vicepresidente.

Artigo 4º.-Da periodicidade das sesións e réxime de adopción de acordos.

1. A comisión xestora realizará sesión ordinaria unha vez ó mes, polo menos, e as extraordinarias que pola súa iniciativa convoque o presidente ou

soliciten por escrito razoado como mínimo tres vocais. En consonancia co apuntado no artigo anterior, no suposto de non existir algún dos alcaldes dos concellos, estes poderán designar substitutos a favor do membro da Corporación respectiva que estimen pertinente.

2. As sesións terán lugar na sede da Mancomunidade, salvo que por algunha circunstancia o presidente ou a maioría dos vocais acorden realizar algunha delas na casa do concello doutro ou outros municipios mancomunados.

3. O presidente convocará os membros da Mancomunidade vintecatro horas antes, polo menos, da hora fixada para a sesión, remitíndose a orde do día comprensiva dos asuntos que se vaian tratar.

A partir da convocatoria, os vocais terán á súa disposición o expediente e cantos antecedentes se relacionen cos asuntos que figuren nela, co obxecto de que poidan coñecelos antes de deliberar.

Quedará acordado o que vote a maioría, xa se realice a sesión en primeira ou segunda convocatoria, excepto nos supostos enumerados no número 4 deste mesmo artigo ou naqueles outros nos que a lei esixa quórum especial.

4. Será preciso o voto favorable das dúas terceiras partes do número de feito e, en todo caso, a maioría absoluta do número legal dos membros da Mancomunidade para a validez dos acordos que se adopten sobre as materias seguintes:

a) Alteración do nome ou da capitalidade da Mancomunidade.

b) Disolución da Mancomunidade.

c) A modificación dos estatutos e ordenanzas da Mancomunidade.

d) A adhesión á Mancomunidade doutros concellos a aqueles ós que lles interese ou se encontren comprendidos nas condicións previstas nos estatutos da Mancomunidade.

e) O alleamento de bens cando a súa contía exceda do 10% do orzamento ordinario de ingresos da Mancomunidade.

f) A aprobación de plans xerais e plans parciais de ordenación urbanística.

g) Ordenanzas e regulamentos de réximen interior e explotación de servicios.

h) Programas de actuación de obras e servicios que se vaian executar.

i) Concesións e arrendamentos de bens e servicios por máis de cinco anos e sempre que a súa contía exceda do 10% do orzamento ordinario de ingresos.

j) Emisión de empréstitos, contratación de préstamos e concesións de quitas e esperas.

Artigo 5º.-Do secretario da Mancomunidade.

1. O secretario da Mancomunidade asistirá a tódalas sesións da comisión xestora e reunións de comisións informativas en calidade de fedatario, levará

un libro de actas coas formalidades de rigor, e carecerán de valor os acordos que non consten nel.

2. O secretario da Mancomunidade será o funcionario pertencente á escala de habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, que desempeñe estas funcións no concello ó que lle corresponda a Presidencia. Será auxiliado nos asuntos da súa competencia ou substituído nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou impedimento por un vicesecretario, cargo que exercerá o secretario pertencente á escala de habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, que desempeñe estas funcións no concello no cal o alcalde desempeñe a vicepresidencia o funcionario que legalmente o substitúa.

3. As certificacións de actos e acordos da Mancomunidade serán expedidas polo secretario co visto e prace do presidente.

4. Conforme o número 3 do artigo 3º destes estatutos, o funcionamento da comisión xestora será idéntico ó das corporacións locais e, en consecuencia, a execución dos seus acordos corresponden ó presidente, que posuirá respecto dela análogas facultades que un alcalde no seu concello.

Artigo 6º.-Do interventor da Mancomunidade.

Para o normal desenvolvemento das súas actividades, a Mancomunidade contará, ademais do secretario, cun interventor e un depositario pertencente ás respectivas subescalas de habilitación de carácter nacional designados pola comisión entre os que pertencentes a estas subescalas exerzan estes cargos nos municipios mancomunados, e con persoal técnico e auxiliar necesario, ó que será de aplicación o réxime xeral establecido para os funcionarios da Administración local.

De igual forma, a Mancomunidade poderá contar para a xestión dos servicios específicos con persoal apto en cada materia.

Capítulo II

Fins da mancomunidade

Artigo 7º.-Dos fins da Mancomunidade.

A Mancomunidade ten por obxetivo aunar esforzos e posibilidades económicas dos municipios agrupados para a execución de obras e instalacións e para o sostemento dos servicios de interese común, e, en especial, o seguinte:

a) Plans xerais parciais e especiais de ordenación da comarca.

b) Urbanismo: estudios, formulación, proxección, desenvolvemento, con especial referencia das zonas de interese e influencia turística, con estudios de aloxamento e servicios anexos.

c) Lixos: limpeza, recollidas e tratamentos hixiénico-sanitarios.

d) Sanidade: servicios de ambulancia, desratización e campaña sanitaria.

e) Servicios de saneamento: estudios, formulacións, proxección e desenvolvemento dos servicios

xerais de saneamento, auga, luz e rede de sumidoiros suficientes para a poboación de cada municipio e para atender, de dacordo coas novas técnicas, a poboación forasteira e veraneante.

f) Turismo: fomento e explotación do turismo.

g) Servicios de extinción de incendios.

h) Servicios de ensino, con especial referencia ó transporte escolar.

i) Calquera outra con carácter complementaria que teña relación coas especificamente sinaladas nos puntos anteriores.

Artigo 8º.-Das actuacións prioritarias.

A comisión xestora concederalle prioridade ó desenvolvemento daqueles fins de maior interese comunitario, e é da súa competencia toda actividade conducente á realización dos proxectos, aplicando o gasto as subvencións dos concellos e demais recursos de que poidan dispor.

Artigo 9º.-Da voluntaria exclusión dos plans de obras e servicios.

No suposto de que algún concello desexe ser excluído dalgún plan de obras e instalacións e sostemento de servicios, terá que manifestalo ante a comisión xestora mediante acordo motivado que xustifique a non adhesión.

Capítulo III

Recursos económicos da Mancomunidade

Artigo 10º.-Dos recursos económicos da Mancomunidade.

1. Constitúen recursos económicos da Mancomunidade:

a) O capital fundacional que acheguen os concellos conforme o número 2 deste artigo.

b) As contribucións anuais destes para os gastos ordinarios da Mancomunidade.

c) As subvencións e donativos que se obteñan do Estado, deputación provincial e doutras corporacións e organismos de carácter público ou privado.

d) As cantidades que en calidade de empréstitos oficiais poidan obterse en análogos casos nos que se lles concedan ós concellos e á Mancomunidade.

e) Os rendementos da explotación de servicios.

f) Calquera outro recurso eventual ou extraordinario que porten.

g) As exaccións autorizadas pola Lei do solo nos casos de plans xerais ou parciais de urbanismo da área e especialidades de mellora do medio rural desta.

h) Aquelas outras exaccións que se autoricen.

2. O capital fundacional a que alude a letra a) deste artigo fíxase inicialmente en 9.015,19 euros (1.500.000 ptas.) e constitúese cunha achega extraordinaria dos concellos asociados en proporción á súa poboación de dereito.

Artigo 11º.-Da elaboración do orzamento.

1. A comisión xestora formará anualmente un orzamento ordinario para o sostemento dos gastos dos seus servicios. O estado de ingresos deste orzamento nutrirase dos recursos enunciados nas letras a), b), c) e e) do artigo 10º, sendo as achegas necesarias dos concellos na medida proporcional á súa poboación de dereito.

2. A comisión xestora formará tamén orzamentos extraordinarios para custea-la execución das obras e servicios de primeiro establecemento e, cando os recursos de que dispoña non sexan suficientes, completaranse as consignacións con achegas dos concellos en proporción directa ó interese ou utilidade pública da poboación de cada concello; para este efecto a comisión xestora estimará a cantidade que signifique e someteraa a coñecemento dos concellos interesados para que no prazo dun mes se pronuncien expresamente en canto a si aceptan ou non a cantidade asignada. O silencio interpretarase con asentimento tácito da estimación feita.

3. Nos casos nos que non se poida determinar concretamente a especial utilidade ou interese da obra ou servicio de que se trate, a comisión xestora fixará as cotas de participación e comunicarállelas razoadamente ós concellos para iguais efectos que no caso anterior.

Artigo 12º.-Da ordenación de pagamentos.

1. O presidente da Mancomunidade exercerá as funcións de ordenador de pagamentos e as demais que en materia económica correspondan ó alcalde.

2. A contabilidade é por conta do interventor da Mancomunidade, que aplicará a normativa das corporacións locais.

3. Ó remate do exercicio orzamentario, a Mancomunidade formará a conta xeral, que poñerá de manifesto a xestión realizada nos aspectos económicos, financeiros, patrimonial orzamentario.

Capítulo IV

Duración da Mancomunidade, adhesións e disolucións

Artigo 13º.-Da duración da Mancomunidade.

Dado o carácter dos fins que deberá cumprir esta entidade intermunicipal, a súa duración é indefinida, comezando o seu funcionamento legal na data en que apareza no DOG o decreto de aprobación destes estatutos, sen prexuízo da súa posterior remisión á Administración central do Estado, para os efectos establecidos pola lexislación básica do Estado en materia de réxime local.

Artigo 14º.-Da adhesión de novos municipios.

1. Poderán adherirse a esta Mancomunidade, logo de aceptación íntegra destes estatutos, os concellos situados na ría de Arousa-Zona Norte ou aqueles con termos que teñan continuidade territorial con algún dos seus integrantes.

2. Os trámites para levar a cabo a adhesión serán os establecidos nos artigo 135 e ss da Lei 5/1997, do 22 de xullo, do réxime local de Galicia e no artigo 36 do regulamento do R.D. 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Artigo 15º.-Da disolución da Mancomunidade.

1. A disolución desta Mancomunidade só terá lugar cando a comisión xestora o acorde e logo de informe favorable adoptado polos plenos respectivos, seguíndose a continuación o procedemento previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, do réxime local de Galicia.

2. Non obstante o anterior, calquera concello pode solicita-la separación da Mancomunidade mediante acordo razoado do seu Pleno municipal, adoptado co mesmo quórum a que se refire o punto anterior.

3. No caso de disolución ou de separación dalgún dos seus membros, practicarase liquidación económica e o resultado positivo ou negativo do balance será atribuído os concellos que integraban a Mancomunidade en igual proporción a que tiñan asignada para cubri-las achegas ordinarias e extraordinarias.

4. No suposto de que un municipio decida unilateralmente separarse da mancomunidade, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo.

5. Adoptados os acordos de disolución da Mancomunidade, o presidente remitirá copia certificada destes á consellería competente en materia de réxime local para a súa íntegra públicación no DOG e comunicaraos á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica do Estado en materia de réxime local.

Capítulo V

Dos estatutos

Artigo 16º.-Dos estatutos.

Os presentes estatutos, unha vez aprobados polo órgano competente previsto na lexislación vixente en materia de réxime local, constituirán a norma expresa e de obrigado cumprimento para os concellos integrados na Mancomunidade.

Calquera modificación dos estatutos esixirá os mesmos trámites formais que para a súa redacción e aprobación.

No previsto nos presentes estatutos será de aplicación a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, a Lei 5/1997, do 2 de xullo, do réxime local de Galicia, o R.D. 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, o Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réximen xurídico das entidades locais, o Real decreto 1372/1986, do 13 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais, así como cantas outras normas de rango legal ou regulamentario resulten de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Das ordenanzas e regulamentos de réxime interior.

A comisión xestora poderá redactar e aprobar ordenanzas e regulamentos de réxime interior e explotación e de servicios, así como dictar normas de procedemento dentro das súas atribucións regulamentarias, sempre que non contradigan os presentes estatutos e a normativa que resulte de aplicación.

Segunda.-Do programa de actuación.

A comisión xestora confeccionará un programa de actuación de tantos anos como municipios formen a Mancomunidade, na que, co debido detalle, se concentrarán as obras e os servicios que se vaian executar así como a súa preferencia. Así mesmo, detallarase o orzamento, as fases de execución e calquera outro dato que facilite a súa posta en marcha.

Deste programa darase conta ás corporacións locais respectivas e será exposto ó público e, logo de cumprimento dos demais trámites legais e regulamentarios, vinculará as ordes de goberno da Mancomunidade en canto se refire á súa execución, prelación, investimentos, etc.