Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2003 Páx. 5.716

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 242/2003, do 24 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Outeiro de Rei, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión para iluminación pública de Insua.

O Concello de Outeiro de Rei, en sesión celebrada o día vintenove de marzo de mil novecentos noventa e nove, aprobou o proxecto de liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión para iluminación pública de Insua, e na sesión do

trinta e un de outubro de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitiu informe ó respecto na data do dezaoito de marzo de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello o lugar de Insua carece de servicio de iluminación pública suficiente, que xunto á deficiencia da subministración eléctrica, cunha tensión tan baixa que non poden funcionar correctamente os electrodomésticos básicos das vivendas, podería dar lugar a que se desencadenasen problemas de índole ambiental, sanitarios, perigosidade social, económicos, etc., é polo que se fai necesaria a actuación para corrixir tales deficiencias e asegurar unha subministración eléctrica suficiente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Outeiro de Rei para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión para iluminación pública de Insua, debendo, en todo caso, obte-la autorización do organismo competente da Comunidade Autónoma, para poder executa-las obras unha vez ocupados os terreos necesarios, de acordo co sinalado no informe da Dirección Xeral de Urbanismo, que figura incorporado ó expediente da súa razón.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local