Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2003 Páx. 5.553

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2003, do Servicio Provincial de Estradas da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens afectados polas obras do proxecto de trazado nova estrada de conexión N-550 e AC-301 en Padrón, termos municipais de Padrón e Rois (clave N/AC/95.3).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

As obras citadas no encabezamento da presente resolución atópanse incluídas no programa de obras que se van realizar con cargo ó programa 413-B Construcción, conservación e explotación de estradas.

Con data do 15 de novembro de 2002 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado das obras de nova estrada de conexión N-550 e AC-301 en Padrón.

Con data do 19 de decembro de 2002 a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para efectos de expropiación para a mencionada obra por Decreto 364/2002, publicado no DOG nº 11, do 17 de xaneiro de 2003.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 56 e seguintes do Regulamento para a súa aplicación, este servicio, en uso das súas facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convoca-los titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Padrón e Rois, para que comparezan nos lugares, datas e horas que se citan para proceder ó levantamento das actas previas á ocupación nas que se recollerán os datos necesarios para determina-los dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ó lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Padrón.

Local: Centro Social de Padrón (Campo do Souto-Padrón).

Día 19 de maio de 2003 de 10 a 13 horas.

Termo municipal de Rois.

Local: Casa do Concello de Rois.

Día 20 de maio de 2003 de 10 a 13 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos nos concellos de Padrón e Rois, e no Servicio Provincial de Estradas (praza Luis Seoane, s/n 8ª planta, 15071 A Coruña).

Ó dito acto deberán acudi-los titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución podendo facerse acompañar, pola súa conta, se o estiman oportuno dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa ábrese información pública durante un prazo de 15 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación desta resolución e ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servicio Provincial de Estradas da Coruña, praza Luis Seoane s/n, 8ª planta, as alegacións que estimen pertinentes con obxecto de emendar posibles erros padecidos ó relaciona-los bens afectados pola urxente ocupación.

A Coruña, 14 de abril de 2003.

José Luis Rodríguez Alonso

Enxeñeiro xefe do Servicio Provincial de Estradas

da Coruña