Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Mércores, 23 de abril de 2003 Páx. 5.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames teóricos ordinarios para a obtención dos títulos de patrón de moto náutica A e patrón de moto náutica B.

O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, traspasa funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-deportivas. A través do Decreto 77/1996, do 29 de febreiro, asúmense funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-deportivas e a súa asignación á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

De conformidade co establecido no Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, que actualiza as medidas de seguridade na utilización das motos náuticas, fixa os contidos mínimos do exame teórico e das probas prácticas e autorízalles ás comunidades autónomas que teñan transferidas as funcións e servicios en materia de ensinanzas náutico-deportivas a realización dos exames.

Sendo necesario establece-las bases que regulen a convocatoria de exames teóricos para a obtención dos títulos de patrón de moto náutica A e patrón de moto náutica B, esta dirección xeral, no uso das súas facultades,

RESOLVE:

Artigo único.-Convocar exames teóricos ordinarios para a obtención dos títulos de patrón de moto náutica A e patrón de moto náutica B, de conformidade coas bases que figuran no anexo I desta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2003.

Rosa Mª Quintana Carballo

Directora xeral de Innovación

e Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I

Bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse exames teóricos ordinarios para a obtención dos títulos náutico-deportivos seguintes:

-Patrón de moto náutica A.

-Patrón de moto náutica B.

1.2. Para obte-los títulos de patrón de moto náutica A e B, as persoas que superen o exame teórico deberán acredita-la realización do curso práctico que establece o Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, do Ministerio de Fomento, e a Resolución do 3 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

2. Lugar e data de realización:

Os exames realizaranse nos centros oficiais de ensino náutico-pesqueiro dependentes da Conselle

ría de Pesca e Asuntos Marítimos. No Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e na Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol na convocatoria do día 22 de maio de 2003. E na Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira na convocatoria do 23 de xuño de 2003.

3. Requisitos dos participantes:

Para seren admitidos nesta convocatoria, os aspirantes deberán ter cumpridos os 18 anos. Tamén poderán participa-los maiores de 16 co consentimento dos seus pais ou representantes legais, consentimento que deberá constar nun documento asinado xunto cunha copia do DNI do asinante.

4. Prazo e presentación de solicitudes:

As solicitudes para tomar parte nesta convocatoria deben formalizarse no modelo oficial que figura como anexo III da Orde do 30 de xullo de 1998, pola que se regula a realización dos exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia e que se encontran á disposición dos interesados no Servicio de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, escolas homologadas e nos centros oficiais onde se realizan os exames. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 15 de maio para o exame do día 22 de maio e o día 16 de xuño para o exame do 23 de xuño.

5. Documentación:

Xunto coa solicitude debidamente cuberta e asinada, os interesados deberán achegar:

-Fotocopia do DNI.

-Xustificante do aboamento de taxas.

-Unha fotografía co nome e apelidos ó dorso.

6. Entrega da documentación.

As solicitudes e documentación requirida será entregada nos centros de ensino pesqueiro onde o interesado desexa realiza-lo exame.