Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Mércores, 23 de abril de 2003 Páx. 5.079

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de abril de 2003 pola que se autoriza o desdobramento dos conservatorios superiores de música da Coruña e de Vigo.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e, de acordo

co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

O conservatorio superior de música da Coruña foi creado por Decreto 195/1989, do 21 de setembro (DOG do 6 de outubro) e por Orde do 26 de outubro de 1989 (DOG do 21 de novembro) autorizouse a súa posta en funcionamento.

O conservatorio superior de música de Vigo foi transformado en estatal, pasando a ser un centro dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por Decreto 49/1989, do 6 de abril (DOG do 12 de abril).

Ámbolos dous conservatorios impartían as ensinanzas dos graos elemental, medio e superior de música reguladas polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro (Boletín Oficial del Estado do 24 de outubro) ata a súa extinción, de acordo co calendario de implantación das novas ensinanzas previstas no artigo 42 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro).

O Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas (BOE do 28 de abril) impide a impartición dos tres graos nas mesmas instalacións. Tendo en conta este imperativo legal, por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leváronse a cabo as actuacións precisas para a consecución das infraestructuras necesarias, mediante a construcción dunhas novas instalacións para o grao superior de música na Coruña e dun novo edificio para os graos elemental e medio de música en Vigo.

Considerando que o artigo 9 do mencionado Real decreto 389/1992 establece que os conservatorios profesionais de música impartirán as ensinanzas do grao medio e, se é o caso, poderán impartir ademais as correspondentes ó grao elemental e que os conservatorios superiores de música impartirán unicamente o grao superior destas ensinanzas,

Vistas a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (BOE do 24 de decembro), a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, o Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos (DOG do 25 de outubro), o Decreto 179/2003, do 27 de febreiro, polo que se modifica e amplía o Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 14 de marzo) e o Decreto 183/2001,

do 19 de xullo, polo que se establece o currículo do grao superior das ensinanzas de música e o acceso ó dito grao (DOG do 13 de agosto),

Esta consellería, en aplicación das facultades outorgadas pola disposición derradeira primeira do Decreto 49/1989, do 6 de abril, e pola disposición derradeira segunda do Decreto 195/1989, do 21 de setembro, e por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo desdobramento do actual conservatorio de música da Coruña, quedando o conservatorio profesional nas actuais instalacións e pasando a ocupa-las novas instalacións o conservatorio superior, segundo os datos que figuran no anexo I a esta orde.

Segundo.-Autoriza-lo desdobramento do actual conservatorio de música de Vigo, quedando o conservatorio superior nas actuais instalacións e pasando a ocupa-las novas instalacións o conservatorio profesional, segundo os datos que figuran no anexo II a esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa, de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e de Persoal para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó comenzo do curso escolar 2003-2004.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Provincia: Coruña, A.

Concello: Coruña, A.

Localidade: Coruña, A.

Denominación: conservatorio profesional de música da Coruña.

Ensinanzas: graos elemental e medio de música.

Código do centro: 15032303.

Enderezo: praza do Conservatorio, s/n.

Provincia: Coruña, A.

Concello: Coruña, A.

Localidade: Coruña, A.

Denominación: conservatorio superior de música da Coruña.

Ensinanzas: grao superior de música.

Código do centro: 15026492.

Enderezo: rúa Manuel Murguía, s/n.

ANEXO II

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Denominación: conservatorio superior de música de Vigo.

Ensinanzas: grao superior de música.

Código do centro: 36016085.

Enderezo: rúa Manuel Olivié, 23.

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Denominación: conservatorio profesional de música de Vigo.

Ensinanzas: graos elemental e medio de música.

Código do centro: 36024471.

Enderezo: rúa Fotógrafo Felipe Prosperi, s/n.