Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 08 de abril de 2003 Páx. 4.437

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2003 pola que se convoca un curso de actualización na Lei sobre axuizamento rápido para algúns delictos e faltas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2003 en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a celebración dun curso de actualización na Lei sobre axuizamento rápido para algúns delictos e faltas, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

* Obxectivos.

O curso ten por obxectivo a preparación e actualización dos membros dos corpos de Policía Local da provincia de Pontevedra, en relación coa reforma parcial da LAC provocada pola Lei 38/2002 e tamén pola Lei orgánica 8/2002, ámbalas dúas do 24 de outubro, sobre o procedemento para o axuizamento rápido e inmediato de determinados delictos e faltas e de modificación do procedemento abreviado.

* Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.

* Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de Policía Local da provincia de Pontevedra.

* Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

* Prazas.

30 prazas.

* Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 22 de abril de 2003, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Pontevedra, Área de Recursos Humanos e Formación (fax 986 80 41 41), avda. Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

* Datas.

O curso realizarase en datas do 28, 29 e 30 de abril e 5 e 6 de maio de 2003.

O horario será de 16.30 a 20.30 horas.

* Contido.

O curso desenvolverase en sesións de tarde e nel trataranse os seguintes módulos:

-Os procedementos de axuizamento criminal.

-A instrucción criminal.

-Funcións procesuais da policía xudicial.

-O procedemento para o axuizamento rápido e inmediato de determinados delictos e faltas.

-Organización da policía xudicial.

* Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 24 de abril a partir das 14 horas, tanto pola Deputación Provincial de Pontevedra como pola Academia Galega de Seguridade, que os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 986 80 41 00, ext. 306/307

(Área de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial de Pontevedra).

* Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Gondomar, quedando por concreta-lo seu lugar de realización, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

* Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

* Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial de Pontevedra, se é o caso, poderán modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de marzo de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA