Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.926

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de marzo de 2003 pola que se convocan subvencións á producción editorial para apoia-la edición do libro en galego, a traducción ó galego e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

Un dos cometidos máis importantes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo é a promoción do libro editado en lingua galega. Por iso, consciente da responsabilidade que lle corresponde en canto á normalización da nosa lingua, na procura de pór á disposición dos cidadáns que utilizan esta lingua con normalidade, libros que abrangan tódalas materias, incluídas as que teñan un mercado moi reducido.

Ó mesmo tempo promociona-la creación en galego para dar posibilidades a todos aqueles escritores que se dacanten por utiliza-la lingua galega como medio de expresión, sobre todo en disciplinas de pouca distribución como poesía, ensaio, etc.

Así mesmo, necesitan o apoio institucional para a súa edición obras que polas súas características

necesitan a realización dunha serie de traballos complementarios que poden ser de investigación, de campo, etc., así como a participación de persoal especializado na súa elaboración e dirixidas a sectores concretos.

Outra faceta da normalización corresponde á traducción de obras escritas noutras linguas, buscando un mercado no que se atopen, na nosa lingua, obras de recoñecido prestixio ou que pola súa importancia se considere necesaria a súa distribución en galego.

Da mesma maneira é importante a difusión noutros mercados de obras dos nosos creadores, polo que se promoven axudas para a traducción e edición noutras linguas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Convócanse subvencións á producción editorial para apoia-la edición en galego, a traducción ó galego, e a traducción e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego.

As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.352.A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un importe de setecentos noventa e un mil cen euros (791.100 A), e a cantidade de douscentos cincuenta e dous mil euros (252.000 A) para o ano 2004.

Artigo 2º

1. Poderán optar a estas subvencións todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editores, coas limitacións que establecen os puntos 5 e 6 do artigo 3º.

2. Non as poderán solicitar aqueles editores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 3º

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, dentro dos prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Presentarase unha solicitude por cada libro, á que se xuntará a documentación indicada nas bases específicas para a concesión das subvencións, así como a seguinte documentación xeral que só se presentará unha vez no caso de varias solicitudes da mesma editorial:

1. Fotocopia do NIF.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia da escritura pública de constitución ou modificación, de se-lo caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente, ámbolos dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

3. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas.

4. Certificación orixinal da conta bancaria onde conste como titular a empresa solicitante.

5. Catálogo actualizado da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

6. Certificado asinado polo presidente ou director da editorial de ter publicados un mínimo de 10 títulos en galego durante os dous últimos anos. Quedan excluídos desta obriga as empresas que editan grandes obras.

A documentación relacionada nos puntos 1 e 2 poderá substituírse por certificación actualizada de figurar inscrito no rexistro xeral de contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a documentación relacionada nos puntos 1 e 2 poderá substituírse por declaración do presidente ou director da editorial na que se faga constar que esta documentación se atopa plenamente vixente con respecto á presentada para este mesmo fin en convocatorias de anos anteriores.

As editoriais estranxeiras que concorran ás axudas para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego quedan exentas de achega-la documentación indicada no punto 6.

A Dirección Xeral de Promoción Cultural poderá pedir ós solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesaria para acredita-los datos que figuran na solicitude, incluíndo albarás, facturas, certificados de tiraxe e de distribución, etc.

Os beneficiarios das subvencións terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 4º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 5º, e esta elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 5º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Calidade da obra.

-Calidade das obras contidas no catálogo.

-Importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia do editor solicitante.

-Esforzo que supón para o editor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero de pouca demanda comercial.

-Grao de profesionalización dentro do sector editorial galego.

-Continuidade dentro dunha colección.

-Interese xeral da obra.

-Interese da obra para as bibliotecas públicas.

Artigo 6º

1. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comunicará a resolución do conselleiro ós beneficiarios das axudas, que deberán comunica-la súa aceptación por escrito no prazo de 15 días naturais contados a partir da recepción desta. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

2. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a xustificalas segundo se indica nas bases específicas para a concesión das subvencións, así como, destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicitar cambios para outros proxectos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

3. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a concesión das subvencións, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas ditas bases e a normativa orzamentaria vixente.

4. O libramento do importe da subvención, mesmo nos dous prazos das plurianualidades, realizarase de acordo coa normativa orzamentaria aplicable, esixíndose certificacións expresas orixinais e actualizadas de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 7º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente de reintegro ou sancionador, segundo establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Capítulo II

Bases específicas para a concesión

das subvencións

Artigo 9º.-Subvencións a obras xa editadas en lingua galega.

1. As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2. A contía de cada subvención, non poderá supera-la cantidade de 2.700 (dous mil setecentos) euros por libro, e consistirá no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público, dun máximo de 300 exemplares. Os libros de lectura infantil e xuvenil ata un límite de 400 exemplares.

3. As solicitudes poderán presentarse a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de setembro de 2003.

4. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo á vista do número de solicitudes presentadas e das dispoñibilidades orzamentarias, irá facendo sucesivas resolucións, ata o remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, deberase presentar:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado co autor que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual, ou ben xustificante de te-los dereitos para a publicación da obra.

-Un exemplar da obra editada para a que se solicita subvención.

-Certificado de tiraxe expedido polo editor.

6. Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo 50 (cincuenta) páxinas, agás os libros infantís.

-Ter unha tiraxe mínima de 800 exemplares e máxima de 3.000.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares considerado no Decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de depósito legal. O depósito legal terá data posterior ó 16 de xuño de 2002.

7. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións destinadas a uso escolar, ben como libro de texto, ben como material complementario.

-As que non sexan primeiras edicións, a non ser que estas conteñan estudios que acheguen novidades substanciais.

-As publicacións de difusión gratuíta.

-As que carezan de contrato de dereitos de autor.

-As que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 30 euros.

8. Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, nun prazo de quince días hábiles contados a partir da comunicación da resolución, os exemplares equivalentes á subvención concedida.

Artigo 10º.-Subvencións para editar en lingua galega grandes proxectos editoriais.

1. Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% no ano 2003 e o 80% restante no 2004, segundo o disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

2. As obras que se subvencionarán serán publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

3. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 40 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, presentarase:

-Calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

-Características técnicas e memoria explicativa do proxecto de edición.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co autor ou autores da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Previsión de tiraxe e prezo de venda ó público.

5. O importe de cada subvención establecerase, de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, ata un máximo de 60.000 de euros, nunha cantidade equivalente ó 75% do prezo de venda ó público para un máximo de 500 exemplares. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

6. Os beneficiarios farán constar na páxina de créditos de cada un dos exemplares do tiraxe o seguinte texto: «Esta obra foi subvencionada pola Consellería

de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, na convocatoria de subvencións para o ano 2003».

7. A contía que hai que pagar para cada anualidade librarase logo de xustificación, antes do 1 de novembro de cada exercicio, do investimento realizado así como texto completo da obra. Para o cobro da segunda anualidade presentarase tamén a copia do contrato definitivo co autor ou autores, debidamente asinado por ámbalas dúas partes, así como o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

Artigo 11º.-Subvencións para a traducción de obras escritas e publicadas orixinariamente en lingua distinta do galego.

1. Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% da subvención no ano 2003 e o 80% restante no ano 2004, segundo o disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

2. As obras publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

3. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 40 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde deberá presentarse:

-Calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra que se vai traducir.

-Xustificante, se houber lugar, de te-los dereitos precisos para a publicación da obra.

5. A subvención consistirá no pagamento dunha porcentaxe da traducción que pode ir do 50% ó 75%, segundo as tarifas da Asociación de Traductores Galegos, ata un máximo de 6.000 euros.

6. Os beneficiarios farán constar na páxina de créditos de cada un dos exemplares do tiraxe o seguinte texto: «Esta obra foi subvencionada pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, na convocatoria de subvencións para o ano 2003».

7. A contía que correspondese a cada anualidade librarase logo de xustificación do investimento realizado nesta, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 5 exemplares da traducción editada.

Artigo 12º.-Subvencións para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego.

1. Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% no ano 2003 e o 80% restante no ano 2004, segundo o disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

2. A contía de cada subvención será de 20 a 30 (vinte a trinta) euros por páxina para as obras que se vaian editar en linguas da Península Ibérica, e de 25 a 50 (vintecinco a cincuenta) euros por páxina para as obras que se editen nas outras linguas do mundo, ata un máximo, en tódolos casos, de 6.000 (seis mil) euros por obra. Tómase como páxina tipo a de 1.800 caracteres e para a realización do cómputo utilizarase o libro editado en galego.

3. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, deberá presentar:

-Calendario de investimentos para cada proxecto editorial.

-Modelo dos contratos que a editorial asinaría co autor, autores ou traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención, con indicación do idioma ó que vai ser traducida.

-Unha vez concedida a subvención e antes do pagamento da primeira anualidade deberá presentar acordo de cesión dos dereitos.

4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 40 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. Os beneficiarios farán constar na páxina de créditos de cada un dos exemplares do tiraxe o seguinte texto: «Esta obra foi subvencionada pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, na convocatoria de subvencións para o ano 2003».

6. A contía que hai que pagar para cada anualidade librarase logo de xustificación do investimento realizado nesta antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 15 exemplares da obra editada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo