En cumprimento do disposto no artigo 5.2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia (DOG nº 188, do 25 de setembro), o órgano ambiental someterá o estudio de impacto ambiental ó trámite de información pública, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude,
RESOLVO:
1. Someter a información pública o estudio de impacto ambiental da apertura do vertedoiro de residuos de demolición e construcción en Xunqueira de Espadañedo (Ourense).
2. Para os devanditos efectos informativos, poranse á disposición dos administrados exemplares nas seguintes dependencias:
-Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
-Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da provincia de Ourense.
3. As alegacións formularanse durante o prazo de trinta (30) días, contados a partir do seguinte día ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2003.
José Luis Díez Yáñez
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental