Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Xoves, 13 de marzo de 2003 Páx. 3.015

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2003 pola que se convocan unhas xornadas sobre cooperación ó desenvolvemento: o papel dos poderes rexionais e locais.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2003 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Fundación Galicia Europa e co Centro Europeo de las Regiones, unhas xornadas sobre cooperación ó desenvolvemento: o papel dos poderes rexionais e locais, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O mundo globalizado de hoxe, xunto ós procesos cada vez máis acelerados de descentralización e autonomía política, lévannos á inevitable implicación dos organismos rexionais e locais na cooperación ó desenvolvemento. Nestes momentos estase vivindo un proceso de evolución da cooperación ó desenvolvemento, desde un conxunto de iniciativas sociais e institucionais, máis ou menos coordinada á elaboración de verdadeiras políticas neste ámbito.

¿Cal é o obxectivo de tal política a nivel rexional e local? impulsar accións, coordinar e concentra-los recursos financeiros, humanos e procedementais, sempre escasos, máis aínda cando se aborda unha tarefa semellante. Pero, ó mesmo tempo, fixar tamén uns obxectivos prioritarios no marco dos desenvolvementos internacionais, europeos e estatais en materia de cooperación neste eido, imprimindo, non obstante, un selo particular rexional e local nestas prioridades.

Unha política ha de ter tanto un compoñente interno de sensibilización e capacitación dos actores de cooperación ó desenvolvemento, coma externo de impacto na mellora das condicións de vida presentes e das espectativas de mellora futuras nas poboacións obxecto de axuda, ben sexa en forma de asistencia técnica, financeira e humanitaria.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A cooperación ó desenvolvemento no século XXI. A declaración do milenio e o seu plan de traballo.

-O marco europeo de cooperación ó desenvolvemento, prioridades, modalidades, marco xurídico: a nova oficina de cooperación EuropeAid.

-Cooperación ó desenvolvemento: novos obxectivos e novos instrumentos.

-Novas tecnoloxías e cooperación para o desenvolvemento.

-Experiencias locais en cooperación e asociacións internacionais de entes locais de cooperación para o desenvolvemento.

-Mesa redonda de representantes de CC.AA. sobre iniciativas sociais e públicas de cooperación para o desenvolvemento dunha política rexional e local de cooperación: deseño e financiamento.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense, sito na avda. da Habana, n1 79 da citada cidade, os días 3 e 4 de abril de 2003.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 1 de abril de 2003.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

-Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 2 de abril, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA