Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Martes, 11 de marzo de 2003 Páx. 2.907

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 10 de febreiro de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunica ós posibles titulares de dereitos e intereses, os acordos adoptados sobre o expediente 141/1978 e tres máis.

Na sesión celebrada por este xurado provincial o 12 de decembro de 2002, adoptáronse os seguintes acordos:

Relativo ó expediente 141/1978 do monte Fonte dos Poios.

5º Varios.

b) Monte: Fonte dos Poios (expediente 141/1978), pertencente ós veciños do lugar de Fonte dos Poios, na parroquia de Penarrubia, concello de Baralla, e clasificado como veciñal en man común por resolución do xurado provincial con data do 17 de decembro de 1979.

Por sentencia dictada polo Xulgado de Primeira Instancia de Becerreá, con data do 27 de xullo de 1934, confirmada pola sentencia dictada pola Audiencia Territorial da Coruña, con data do 28 de febreiro de 1936, declárase no seu fallo «... que pertencen a demandantes e demandados en estado de proindivisión as porcións de terreo e monte que dentro das porcións a) e b) descritas no feito quinto da demanda, explotáronse en común, tendo na dita comunidade a excepción do monte Serra, no que as partes son iguais, os irmáns Fernández Dorado, a metade, a cuarta parte Manuela Dorado Fernández, e a outra cuarta parte os outros demandados ...».

Así mesmo, por auto do 30 de decembro de 1940, dictado nas dilixencias practicadas na execución das sentencias anteriores, acordouse: «...que debía aprobar e aproba en canto ha lugar en dereito as operacións divisorias dos montes de que se trata radicantes en termos do lugar de Fonte dos Poios, do municipio de Neira de Xusá, practicadas con data do 23 de outubro último e presentandas ó xulgado o día 5 do actual polo perito designado David Fernández García, mandando que logo de reintegro do papel selado correspondente se protocolicen as ditas operacións no rexistro do notario, dos deste partido,...».

Examinada a devandita sentencia, e tendo en conta o establecido no artigo 13, letra a) da Lei 13/1989, do 10 de outubro, o xurado, por unanimidade, acorda proceder á exclusión do monte do rexistro xeral de Montes Veciñais en Man Común, dando traslado do presente acordo ó Servicio de Montes e Industrias Forestais para o seu coñecemento, por se existise algunha actuación sobre este.

Relativo ó expediente 94/1979 do monte Rebordela, Currais e Forcadura, Fonterredonda e Trasalba.

5º Varios.

c) Monte: «Rebordela, Currais e Forcadura, Fonterredonda e Trasalba» (expediente 94/1979), pertencente ós veciños da parroquia de Vilaesteva de Herdeiros, concello de Láncara, e clasificado como veciñal en man común por resolución do xurado provincial o 5 de decembro de 1980.

Por sentencia firme 00199/2001, dictada polo Xulgado de Primeira Instancia número un de Sarria con data do 20 de decembro de 2001, acórdase no seu dictame, estimando a demanda interposta:

«14º Que é nulo e carente de todo valor xurídico o acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes en Man Común de Lugo, adoptado no expediente 94/1997, polo que se cualificou como monte veciñal en man común de Vilaesteva de Herdeiros (Láncara) o sector da parroquia de Cedrón (Láncara) coñecido como Trasalba, Fondoril e demais denominacións na demanda indicadas, baixo os lindeiros que no dito expediente se reflicten, e iso polo que respecta ás parcelas a que se refiren os anteriores pronunciamentos, por canto todas elas, na forma sinalada, son de titularidade dominical dos demandantes e comunidades indicadas.

15º Que como consecuencia dos anteriores pronunciamentos, e en fase de execución de sentencia, é procedente emitir testemuño da sentencia co fin da súa presentación ante o órgano administrativo competente en materia de montes veciñais en man común, para que por este se proceda á descatalogación do denominado Trasalba e que como tal foi cualificado no expediente nº 94/1997 do Xurado Provincial de Montes en Man Común, por comprender dentro do perímetro na resolución administrativa sinalada predios radicantes na parroquia de Cedrón, indebidamente cualificados como monte veciñal en man común de Vilaesteva de Herdeiros...».

Examinada a devandita sentencia, o xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ó establecido nesta, trasladando o seu contido ó Servicio de Montes e Industrias Forestais, para que proceda a efectua-las correccións oportunas no expediente correspondente.

Relativo ó expediente 30/1983 do monte Agüeiras.

5º Varios.

d) Monte: Agüeiras (expediente 30/1983), pertencente ós veciños dos lugares de Outeiro, Saboleiro e Tellado, na parroquia de Romeán do concello de

Lugo, e clasificado como veciñal en man común por resolución do xurado provincial con data do 25 de marzo de 1985.

Por setencia firme nº 81, dictada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número tres de Lugo, con data do 25 de xuño de 2002, acórdase no seu dictame, estimando a demanda presentada:

«a) Que os predios, descritos no antecedente primeiro desta resolución, son de propiedade exclusiva dos demandantes e das comunidades en nome e beneficio das que algúns accionan.

b) Que os predios, descritos no antecedente primeiro desta resolución, foron indebidamente incluídos como parte integrante do Monte Veciñal en Man Común de Agüeiras clasificado como tal por resolución do Xurado Provincial de Lugo con data do 25 de marzo de 1985 co número 30/1983, e como tal deben que ser excluídos de tal clasificación por ser predios pertencentes ós demandantes.

c) Que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, haberá de modifica-la resolución de clasificación do monte de Agüeira, como veciñal en man común, de acordo co establecido nos anteriores pronunciamentos.

d) Que a inscrición rexistral do monte de Agüeira, practicada no Rexistro da Propiedade número 1 de Lugo ó libro 535, tomo 974, predio nº 48.102, debe ser rectificada no sentido de excluír dela as porcións ou predios a que se refire o pronunciamento primeiro ...».

Examinada a devandita sentencia, o xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ó establecido nesta, trasladando o seu contido ó Servicio de Montes e Industrias Forestais, para que proceda a efectua-las correccións oportunas no expediente correspondente.

Relativo ó expediente 42/1976 do monte de Gonzar e Ferrería.

5º Varios.

e) Monte: de Gonzar e Ferrería (expediente 42/1976), pertencente ós veciños da parroquia de Gonzar do concello de Portomarín, e clasificado como veciñal en man común por resolución do xurado provincial con data do 28 de novembro de 1977.

Por sentencia firme nº 91, dictada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Chantada, con data do 10 de xullo de 2002, acórdase, estimando parcialmente a demanda interposta por Daniel López Vázquez e outros, que lles pertencen, a estes, os predios que se describen no dictame desta.

Así mesmo, por auto con data do 11 de setembro de 2002, do mesmo xulgado, acórdase, aclarando a sentencia anterior que: «... Unha vez que alcance firmeza esta sentencia, quedará sen efecto, no que sexa contraria a esta, o disposto na resolución do Xurado Provincial de Montes relativa ós montes de Gonzar do 28 de novembro de 1977...».

Examinada a devandita sentencia, o xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ó establecido nesta, trasladando o seu contido ó Servicio de Montes e Industrias Forestais, para que proceda a efectua-las correccións oportunas no expediente correspondente.

Ó descoñece-lo nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre os referidos montes, por medio destes edictos, e conforme o disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, póñense no seu coñecemento os devanditos acordos.

Contra eles, pode interporse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, perante o este xurado provincial, ou recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo. Isto último, de conformidade cos artigos 116 e 117 da citada Lei 30/1992 e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Lugo, 10 de febreiro de 2003.

Luis González Vázquez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Lugo