Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Martes, 04 de marzo de 2003 Páx. 2.654

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 175/2003, do 31 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ribadeo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación ambiental do bordo litoral da praia das Catedrais.

O Concello de Ribadeo, en sesión celebrada o día doce de novembro de dous mil un, aprobou o proxecto de recuperación ambiental do bordo litoral da praia das Catedrais, e na sesión do trece de maio de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Ribadeo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dous de outubro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintenove de outubro de dous mil dous.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe no que se comunica que está a levar a cabo o seguimento do proxecto. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día catorce de xaneiro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a zona das Catedrais, onde se van realiza-las actuacións é unha zona moi concorrida, contando na actualidade con accesos que non reúnen as debidas condicións nin de seguridade, cos perigos consecuentes, nin de comodidade, polo que se fai imprescindible o arranxo destes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ribadeo, a efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación ambiental do bordo litoral da praia das Catedrais.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local