Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Luns, 24 de febreiro de 2003 Páx. 2.073

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 14 de febreiro de 2003 pola que se desenvolve o Decreto 119/2001, do 18 de maio, que modifica o Decreto 205/1994,

do 16 de xuño, sobre inspección técnica de vehículos, e se crea o Comité Técnico de Automóbiles.

O Decreto 205/1994, do 16 de xuño, na súa redacción dada polo Decreto 119/2001, do 18 de maio, sobre inspección técnica de vehículos (en adiante ITV), establece que determinadas inspeccións realizadas nas estacións de ITV deberán ser supervisadas e asinadas polo persoal da Administración designado como interventor técnico. Coa finalidade de poder aplica-lo establecido no citado decreto é preciso regula-las funcións do interventor e as do mecánico supervisor de ITV na súa calidade de representantes da Administración no servicio público da ITV.

Así mesmo, o devandito decreto establece que a consellería competente en materia de industria regulará o procedemento para a tramitación, execución e supervisión das inspeccións mencionadas, para o que faculta o conselleiro a dicta-las disposicións necesarias.

Por outra banda, a evolución da lexislación en materia de automóbiles, así como o incremento que experimenta cada ano a actividade da inspección de vehículos, aconsella a creación dun órgano consultivo nesta materia con funcións de asesoramento á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas sobre as cuestións relativas a vehículos automóbiles.

En virtude do exposto e de acordo coas competencias que me atribúe o devandito decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os interventores técnicos de ITV designados pola Administración están facultados para supervisar e, se é o caso, certifica-las inspeccións que se relacionan no artigo 2º e asinarán, nos supostos nos que o consideren oportuno, as tarxetas de inspección técnica dos vehículos que inspeccionen.

Así mesmo, atenderán as reclamacións relacionadas coa inspección técnica de vehículos así como a tódalas cuestións sobre materias que teñan relación cos vehículos automóbiles, tales como talleres, fabricantes e laboratorios de vehículos.

Os interventores técnicos de ITV están facultados para presenciar ou realizarán, se é o caso, as inspeccións mencionadas no punto 1 coa colaboración dos mecánicos supervisores de ITV.

Artigo 2º

As inspeccións non periódicas relacionadas no anexo I, que supoñan a expedición da tarxeta de inspección técnica do vehículo, a variación dos seus

datos ou a anotación dunha dilixencia nela, serán efectuadas pola entidade concesionaria do servicio de ITV, informadas polo responsable técnico designado por esta e asinadas polo interventor técnico da Administración.

As inspeccións correspondentes a reformas de importancia definidas no Real decreto 736/1988, do 8 de xullo, ou unha disposición que o substitúa, serán asinadas polo interventor técnico da Administración. Non obstante as inspeccións indicadas no anexo II desta orde serán asinadas só polo responsable técnico da entidade concesionaria.

Artigo 3º

As inspeccións que se realicen na rede oficial de ITV efectuaranse segundo o Manual de procedemento de inspección das estacións de ITV do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

A consellería competente en materia de automóbiles poderá elaborar e implanta-los seus propios manuais de procedemento de inspección.

As inspeccións realizadas fóra da devandita rede efectuaranse de acordo co procedemento que determine a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Tódolos procedementos e sistemas de xestión técnico-administrativa que leven a cabo as entidades concesionarias nas súas estacións de ITV así como calquera outra aclaración ou directriz interna para a inspección estarán expresamente aprobadas pola devandita dirección xeral.

Artigo 4º

As empresas concesionarias deberán poñer á disposición da Administración autonómica, nas estacións de ITV que esta determine e para o uso exclusivo do seu persoal, un local dotado dos medios materiais e técnicos axeitados para o desenvolvemento do súa labor.

Coa finalidade de que a Administración poida ter acceso a toda a información relacionada co proceso e resultados das inspeccións de ITV, as empresas concesionarias ou autorizadas disporán na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, en cada delegación provincial e nos locais indicados na alínea 1 deste artigo, un sistema informático que permita, nas mesmas condicións que a empresa concesionaria, recibir e trata-la información de tódalas inspeccións efectuadas nas estacións de ITV.

As estacións de ITV terán ó dispor dos usuarios follas de reclamacións axustadas ó modelo oficial.

Artigo 5º

Créase o Comité Técnico de Automóbiles, adscrito á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

O Comité Técnico de Automóbiles estará composto polos seguintes membros:

a) Presidente: o subdirector xeral de Administración industrial.

b) Secretario: o xefe de servicio de Administración industrial.

c) Vocais:

-Dous representantes designados polas entidades concesionarias de ITV.

-Os interventores técnicos de ITV das delegacións provinciais.

-Un representante do Instituto Galego de Consumo.

O Comité Técnico de Automóbiles terá as seguintes funcións:

a) Asesorar á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas en materia de automóbiles e de ITV.

b) Propoñer criterios de inspección en materia de reformas de importancia.

O réxime de funcionamento do comité será establecido polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Disposición adicional

Á entrada en vigor desta orde cada delegado provincial da Consellería de Innovación, de Industria e Comercio designará provisionalmente como interventor técnico de ITV a un funcionario procedente do corpo de facultativos da Xunta de Galicia con titulación de enxeñeiro industrial ou enxeñeiro técnico industrial e nomeará dous mecánicos supervisores procedentes do persoal laboral, grupo 3º, axente auxiliar de inspección ou similar, nos mesmos supostos. Así mesmo, designará interventor técnico ou mecánicos supervisores nos supostos de vacante ou ausencia xustificada dos seus titulares.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ós trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, de Industria e Comercio

ANEXO I

Inspeccións que deberán ser asinadas polo interventor técnico de ITV

Tipo de inspección non periódica, segundo se detalla no Decreto 323/1996

a) As que lle sexan requiridas ó titular do vehículo por calquera dos organismos ós que a Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e demais lexislación vixente lles atribúen competencias sobre esta materia.

b) Inspeccións previas á matriculación de vehículos correspondentes a tipos non homologados.

c) As realizadas con ocasión da execución de reformas de importancia, definidas regulamentariamente.

d) As que se realicen para a expedición do duplicado da tarxeta ITV, e/ou por cambio de destino do vehículo.

e) Inspeccións para a compatibilidade tractor-remolque.

f) Inspección e/ou verificación de tacógrafos, taxímetros e contaquilómetros.

g) Reacuñamento do número de bastidor.

h) Inspeccións previas para a cualificación da idoneidade dos autocares destinados a transporte escolar.

i) De vehículos especiais.

j) As de vehículos en transferencia de propiedade, cando o dispoña a Administración con carácter específico ou xeral.

k) Pesada de vehículos por instancia dos axentes encargados da vixilancia do tráfico.

ANEXO II

Lista de reformas de importancia segundo R.D. 736/1988, que non precisan ser asinadas polo interventor técnico de ITV

6: incorporación dun ralentizador ou dun freo motor.

11: montaxe de separadores ou rodas de especificacións distintas ás orixinais.

12: substitución dos pneumáticos.

26: incorporación de dispositivos para remolcar (excepto no caso de quinta roda).

29: adición de proxectores de luz de estrada.

30: substitución do volante orixinal.