Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Venres, 21 de febreiro de 2003 Páx. 2.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de febreiro de 2003 pola que se efectúa convocatoria pública de axudas ós estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia así como para aqueles estudiantes universitarios que, tendo a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, interesados en solicita-los créditos bancarios para financiamento dos seus estudios universitarios de 1º, 2º ciclo ou 3º ciclo, como medida transitoria para facer fronte ás consecuencias do accidente do Prestige.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE nº 16, do 19 de xaneiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG nº 66, do 6 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: Universidade da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio de colaboración o día 13 de marzo de 2001, coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitarlles ós estudiantes universitarios que realicen estudios en calquera universidade do sistema universitario de Galicia, así como para os estudiantes universitarios que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia e cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, créditos bancarios a baixos xuros para o financiamento dos seus estudios universitarios.

O accidente do buque Prestige fai necesaria a toma de medidas urxentes para facer fronte ás súas consecuencias co fin de compensa-las familias dos estudiantes universitarios que estean especialmente afectadas polo cesamento da súa actividade e poidan ter dificultades para a continuación dos estudios.

En virtude de todo o anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha uni

versidade do sistema universitario de Galicia así como para aqueles estudiantes universitarios que, tendo a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, que se encontren afectados polas consecuencias do accidente do buque Prestige e que reúnan os requisitos e condicións establecidas na presente orde interesados en solicita-los créditos bancarios para financia-los seus estudios universitarios do primeiro, segundo ou terceiro ciclo correspondentes ó curso 2002/2003.

Estes créditos bancarios son compatibles con calquera outra axuda destinada para a mesma finalidade polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte correspondente dos créditos bancarios con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha contía máxima de 48.080,97 A, acadando unha contía global de 2.404.096,50 A en axudas, de acordo co estipulado no convenio asinado coas entidades bancarias, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da aplicación orzamentaria.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado unicamente os estudiantes universitarios afectados polo accidente do Prestige e que cumpran as condicións establecidas na presente convocatoria:

1. Os que cursen estudios nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.

2. Os que cursen estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos.

Os créditos poderán ser solicitados polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2002/2003 nalgunha universidade pública ou privada en estudios universitarios, de 1º ou 2º ciclo, conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

b) Estar matriculado no curso 2002-2003 na etapa de formación de estudios de 3º ciclo.

Artigo 5º.-Características do préstamo.

Os préstamos serán concedidos pola entidade bancaria de acordo cos termos do convenio e a presente orde.

Para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia, a cantidade será como máximo de (3.005,06 euros) por cada petición.

Para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia, a cantidade será como máximo de (6.010,12 euros), por cada petición.

O tipo de xuro será do 5,5%. O prazo de amortización de capital será de tres anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata tres anos. Tódolos prazos se computarán contando desde o inicio do trimestre natural seguinte á data de formalización, sendo a cota trimestral de capital e xuros constante. Os préstamos poderán ser obxecto de cancelación anticipada, sen ningunha penalización.

Artigo 6º.-Financiamento dos xuros.

Os xuros serán financiados da seguinte forma:

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento dos dous tercios dos xuros (3,5%) durante os tres anos de carencia sempre que se solicite a prórroga na correspondente convocatoria anual e as dispoñibilidades orzamentarias da consellería así o permitisen. A subvención seralle aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu abonamento antes do primeiro vencemento anual.

b) A entidade financeira pola que opte o alumno, farase cargo do outro tercio dos xuros (2%), sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada na alínea a) anterior.

Para ter dereito á prórroga da axuda da consellería, o alumno prestameiro deberá solicitala na convocatoria que para o efecto se realice no Diario Oficial de Galicia e estar afectado polas consecuencias do accidente do Prestige.

No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada na alínea a) anterior, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 5,5% nominal anual, segundo o exposto no artigo 5º.

Artigo 7º.-Solicitude, documentación e prazo de presentación.

As solicitudes, segundo modelo desta orde, anexo I, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

Os estudiantes que soliciten o préstamo deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Anexo I desta orde.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade.

c) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 2002/2003.

d) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin por parte doutros organismos públicos.

e) Certificado de empadroamento de tódolos membros da unidade familiar.

f) Copia compulsada da resolución da condición de afectado expedida pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria e emendada, no caso de ser requirida, a documentación necesaria no prazo de dez días desde a súa notificación, a Dirección Xeral de Universidades elevará proposta de aprobación de cada expediente, no caso de cumprirse os requisitos esixidos, ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria quen, á vista dela, resolverá.

Transcorrido o prazo de dez días sinalado no parágrafo anterior sen que se emende ou complete a documentación requirida, arquivarase o expediente sen máis trámites.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

A selección farase atendendo á orde de entrada de solicitudes, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Destina-lo crédito para a finalidade para a que se concede.

b) Asina-lo contrato de préstamo coa entidade bancaria.

c) Amortiza-lo capital obxecto do préstamo.

d) Cumpri-las condicións específicas que as entidades financeiras, de acordo coa súa norma de funcionamento e o convenio do 13 de marzo de 2001, determinan.

Artigo 11º.-Resolución.

A Dirección Xeral de Universidades elevará un informe proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin, sen prexuízo de poder ser incrementado de acordo coas dispoñibilidades económicas da aplicación orzamentaria.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Para os efectos establecidos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás

accións especificadas nesta orde será de tres meses contados a partir da publicación da orde no DOG, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria