Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Martes, 18 de febreiro de 2003 Páx. 1.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen os permisos retribuídos dos que poden goza-los electores para órganos de representación de persoal da Administración de xustiza, que exerzan o dereito de voto o vindeiro día 27 de febreiro.

De conformidade co establecido no artigo 66.1 g) do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, e no artigo 39.1º g) do Real decreto 296/1996, do 23 de febreiro, reguladores dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes e médicos forenses, respectivamente, como tamén no artigo 30.2º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, de aplicación á Administración de xustiza por remisión do artigo 456 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial; tendo en consideración as especiais características da distribución dos centros de traballo na Administración de xustiza e o establecido no artigo 27.1º da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación do persoal ó servicio das administracións públicas, polo que atinxe ó acto da votación, así como as directrices nesta materia da orde do 4 de setembro de 2002 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Publica (DOG nº 181, do 19 de setembro), díctanse as seguintes

instruccións:

Primeiro.-Para a elección de órganos de representación do persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza, os funcionarios exercerán o seu dereito ó voto o vindeiro día 27 de febreiro nas mesas electorais correspondentes ó seu ámbito funcional e territorial, e disporán dun permiso retribuído polo tempo indispensable para exercitar tal dereito na forma que se establece a seguir, agás os que exerzan o dereito ó voto por correo.

Ós funcionarios que gocen deste permiso, poderalles ser esixida unha xustificación da efectividade do acto da votación, que para o efecto solicitarán da súa mesa electoral.

Segundo.-Os que deban exerce-lo dereito ó voto nunha mesa electoral situada no mesmo local ou

edificio onde presten habitualmente os seus servicios ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de dúas horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Terceiro.-Os que deban exerce-lo dereito ó voto nunha mesa electoral situada na mesma localidade, pero distinto local ou edificio onde presten habitualmente os seus servicios ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de tres horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Cuarto.-Os que deban exerce-lo dereito ó voto nunha mesa electoral situada en localidade distinta da que presten habitualmente os seus servicios ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de catro horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación, ou por aquel tempo maior e indispensable nos casos nos que as circunstancias así o impuxesen.

Quinto.-Os compoñentes das mesas e os interventores e apoderados das candidaturas gozarán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e dunha reducción de cinco horas na xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2003.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais