Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.796

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2003 pola que se convoca un curso de especialización contra incendios.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de especialización contra incendios, que se desenvolverá en colaboración co Centro de Instrucción de Seguridade Interior da Armada, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas, adquirindo unha especialización na prevención e loita contra os incendios.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil e o curso de segundo nivel de loita contra incendios urbanos e forestais.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 20.

2. Duración e data: o curso terá lugar do 24 ó 28 de marzo, ambos inclusive, das 9 ás 14 horas e cunha duración de 25 horas lectivas.

3. Lugar: Centro de Instrucción de Seguridade Interior da Armada. R/ As Telleiras s/n, Ferrol (A Coruña).

Cuarta. Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O contido do curso de especialización contra incendios divídese en dúas partes:

Teórica:

-Extintores portátiles de auga, CO e po seco. Incendios de grandes proporcións. Efecto BLEVE. Lume a distinto nivel.

-Cámara termovisualizadora ARGUS. Materiais e equipos empregados na extinción con auga.

-Espumas extintoras. Clasificación e utilización.

-Equipos detectores de gases. Explosímetro, Combiwarn C. Multiwarn.

Práctica:

-Movemento básico de mangueiras. Técnicas de aproximación e extinción do lume. Lume exterior.

-Extinción de incendios con extintores portátiles.

-Extinción de incendios en exteriores con repartidores de caudal variable, conos oco e cheo.

-Equipos xeradores de espumas.

-Extinción de lumes con espumas.

-Risco durante os incendios. Precaucións de seguridade Adestrador C.I. Extinción de incendios combinados en Adestrador de C.I.

- Extinción de incendios combinados en Adestrador de C.I.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á relización do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 5 de febreiro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade