Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Mércores, 05 de febreiro de 2003 Páx. 1.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2003 pola que se publican os tipos de xuro que as entidades de crédito aplicarán durante o ano 2003 ós contratos de arrendamento financeiro subvencionados ó abeiro dos convenios de apoio financeiro ós investimentos das Pemes.

De conformidade cos convenios de apoio financeiro ós investimentos das Pemes asinados coas entidades de crédito durante os anos 1998, 1999, 2000, 2001 e 2002-2003, os tipos de xuro dos contratos de arrendamento financeiro subvencionados pola Xunta de Galicia, que se formalizaron a tipo de xuro variable, variarán por anos naturais, establecéndose no texto dos citados convenios o sistema de determinación do tipo de xuro para exercicio futuros.

Así mesmo, de acordo co establecido no convenio Leasing 2002-2003, dáse publicidade ó tipo de xuro fixo e variable que se aplicará ás operacións correspondentes ás solicitudes de axuda financeira que se presenten no ano 2003.

Visto o exposto, e unha vez verificados os datos relativos á evolución do Mibor e do Euribor durante o período establecido nos citados convenios, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Os tipos de xuro máximos que se aplicarán durante o ano 2003 ós contratos de arrendamento financeiro formalizados, a tipo variable, ó abeiro dos convenios de apoio financeiro ós investimentos das Pemes dos anos 1998, 1999, 2000, 2001 e 2002, serán os seguintes:

-Contratos de arrendamento financeiro do convenio 1998: 4,40%. No caso de que o tipo adicional sexa inferior a 1,25 puntos, o tipo de xuro que se aplicará

será o resultado de engadirlle ó tipo de referencia (3,16) o tipo adicional que teñan pactado as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

-Contratos de arrendamento financeiro do convenio 1999, 2000, 2001 e 2002: 4,30%. No caso de que o tipo adicional sexa inferior a 1,15 puntos, o tipo de xuro que se aplicará será o resultado de engadirlle ó tipo de referencia (3,168) o tipo adicional que teñan pactado as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

Segundo.-As entidades de crédito deberán comunicarlles ós beneficiarios dos contratos de arrendamento financeiro subvencionados a variación do tipo de xuro.

Terceiro.-De acordo co establecido na cláusula 8.4.1 do convenio Leasing 2002-2003, publicado mediante Resolución do 2 de abril de 2002 (DOG nº 72, do 15 de abril), o tipo de xuro nominal fixo para as solicitudes de axuda financeira que se presenten no ano 2003, ó abeiro do citado convenio, fíxase no 4,55%. Así mesmo, o tipo de xuro variable queda establecido para o ano 2003 no 4,30%. Para próximos exercicios, o citado tipo variará por anos naturais de acordo co establecido na citada cláusula.

Cuarto.-O tipo de xuro do contrato de arrendamento financeiro resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ó límite fixado nos citados convenios e na resolución de concesión de axuda. No caso de que sexa inferior limitarase a subsidiación ata o citado límite. Para o caso de que o tipo de xuro nominal sexa igual ou inferior ó límite, suspenderase a subsidiación e o tipo de xuro que se vai aplicar ó contrato de arrendamento financeiro será o que lle corresponda segundo o establecido no punto primeiro da presente resolución.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2003.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción

Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA