Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2003 Páx. 1.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de xaneiro de 2003 pola que se regula a concesión de axudas económicas por parte dos padroados provinciais para a mellora do medio rural.

A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, dentro da súa liña de colaboración coas entidades privadas para contribuír á mellora do medio rural, regula por medio desta orde as condicións e requisitos de carácter xeral ós que deberán axustarse os padroados provinciais para a mellora do medio rural, regulados polos decretos 218/1987 e 429/1987 en canto ós seus fins, composición e réxime económico.

En consecuencia, e para os efectos de establecer un marco normativo xeral que conteña os criterios para a actuación dos mencionados padroados como órganos ós que lles corresponde a concesión das axudas reguladas por esta orde

DISPOÑO:

Primeiro.-A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública transferirá ás súas delegacións provinciais, con destino ós padroados provinciais para a mellora do medio rural con cargo á aplicación orzamentaria 04.08.121A.780.0, a cantidade total dun millón cincocentos cincuenta e dous mil cento trece euros (1.552.113 euros), distribuídos a partes iguais entre as catro delegacións. As cantidades resultantes por delegación constituirán os fondos obxecto das axudas para este exercicio, sen prexuízo de que os padroados poidan suplementar estas con fondos pro

pios acumulados, de xeito que as ditas axudas se orienten á consecución dos fins sinalados nos decretos 218/1987, do 23 de xullo e 287/2000, do 21 de novembro, e o disposto nesta orde, á que, en todo caso, lle sería de aplicación o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Segundo.-Para os efectos desta orde, as axudas estarán constituídas por cantidades non reintegrables, ás que se refire o artigo 2 do Decreto 218/1987, do 23 de xullo.

Terceiro.-Poderán solicitar axudas:

1. As persoas xurídicas de ámbito privado cando nos seus estatutos se recoñezan fins relacionados co desenvolvemento comunitario e co medio rural.

2. As agrupacións constituídas, polo menos, por tres persoas maiores de idade.

Cuarto.-Os peticionarios destas axudas presentarán, xunto coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, se é o caso, para esta mesma finalidade, nas distintas administracións públicas competentes.

Así mesmo, e antes da percepción da subvención, o peticionario presentará idéntica declaración para o conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas, como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, polas diferentes administracións públicas competentes ou os seus organismos, entes ou sociedades.

Quinto.-As solicitudes, conforme o modelo e anexos que figuran nesta orde, presentaranse nas delegacións provinciais da consellería ou por calquera dos procedementos sinalados no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-Polo que respecta ás solicitudes, os peticionarios deberán ter presente:

1. Agrupacións: se carecen de personalidade xurídica deberán cita-los nomes, apelidos e DNI das persoas que consitúen os órganos de dirección e xestión, que non será inferior a tres.

2. Agrupacións veciñais: a responsabilidade solidaria dos peticionarios farase constar expresamente.

Sétimo.-Co obxecto de aplicar criterios de obxectividade na concesión, os padroados considerarán preferentes, e por esta orde, os seguintes:

1. Ruralidade do núcleo.

2. Carencia de medios económicos e imposibilidade, ou probada dificultade, de obter canles de financiamento por outros medios.

3. Finalización ou mantemento das obras xa iniciadas, financiadas polos padroados ou por outras vías.

4. Repercusión das obras en canto ó número dos seus beneficiarios ou necesidades daqueles en relación cos núcleos de poboación a que se destinen.

Oitavo.-Esta orde, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta orde, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolución expresa.

No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Noveno.-Os padroados, a través das respectivas delegacións provinciais, xustificarán o emprego das cantidades transferidas por esta consellería mediante certificación de acta das sesións plenarias nas que se resolveu a concesión de axudas, con expresión de todos e cada un dos beneficiarios, da cantidade concedida e do obxecto da concesión.

A dita certificación deberá presentarse nesta consellería antes do 15 de novembro de 2003.

Ó mesmo tempo, a resolución correspondente deberalles ser notificada polos padroados provinciais a tódolos solicitantes, transcorridos 6 meses desde a publicación desta orde no DOG. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º c), a contrario senso, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo.-Esta orde terá vixencia para o ano 2003.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos nesta orde, haberá que aterse ó disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nos artigos 42 e 43 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública