O Consello da Xunta de Galicia acordou na súa reunión con data do 5 de decembro de 2002, declara-lo proxecto Parque Eólico de Chantada, promovido pola empresa Enerfín, S.A.-Grupo Elecnor, como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.
Polo tanto, en cumprimento do disposto no artigo 13.2º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o cal os plans ou proxectos que o Consello da Xunta de Galicia declare como de incidencia supramunicipal se someterán por un prazo mínimo dun mes ós trámites de información pública, mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia y nun dos xornais de maior audiencia na Comunidade Autónoma e de audiencia ás entidades locais sobre as que incida o plan ou proxecto.
RESOLVE:
Someter a información pública o proxecto Parque Eólico de Chantada, declarado como de incidencia supramunicipal por acordo do Consello da Xunta de Galicia con data do 5 de decembro de 2002, por un prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Os interesados dispoñerán do citado prazo dun mes para examina-lo proxecto sectorial na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e nas delegacións provinciais de Lugo e Pontevedra, e presentar ante esta dirección xeral as alegacións que consideren pertinentes.
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2003.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas