Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2003 Páx. 813

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de xaneiro de 2003 pola que se dispón a concesión de axudas a persoas físicas e xurídicas por razón de interese social ou humanitario.

A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ten establecida unha liña de axudas que, baixo a rúbrica orzamentaria de «a familias e institucións sen fins de lucro», se dedica á cobertura de necesidades xurdidas por razón do seu interese social ou humanitario.

As ditas axudas, fundamentadas no acaecemento de feitos imprevisibles e de urxente atención, teñen carácter meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou alivia-la carencia de recursos, sen pretender, segundo os casos presentados, solucións plenas á problemática que poida presentarse. Polos ditos motivos propóñense uns mecanismos de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen.

Na súa consecuencia, tendo en conta a experiencia de anos anteriores, convén introducir nesta convocatoria uns criterios básicos nos que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que non xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón das limitacións dos créditos e da propia índole da convocatoria e, por outra banda, que a consellería estea en situación de facer fronte ó número crecente de solicitudes que se van producindo cada ano.

Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro.-A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública poderá conceder axudas económicas por razón de interese social ou humanitario, por un importe de 105.177,12 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.09.121A.480.0, existindo crédito suficiente na partida indicada no orzamento de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (Lei 6/2002, do 27 de decembro).

Poderán solicita-las devanditas axudas as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os requisitos establecidos na presente orde da convocatoria.

Segundo.-A concesión das ditas axudas baséase nos seguintes criterios:

1. Emerxencia dos feitos, demostrados polos peticionarios.

2. Necesidade urxente de recursos económicos para paliar ou solucionar, segundo os casos, as causas sobrevidas.

3. Carencia de medios económicos propios ou dos obtidos por outros medios para facer fronte á situación denotada.

4. Incidencia, se é o caso, no contorno social ou comunitario no sentido ó que se dedica esta convocatoria.

Terceiro.-As solicitudes, formalizadas nos correspondentes modelos que figuran como anexos, poderán acollerse a algunha das seguintes modalidades:

1. Persoas físicas: son axudas destinadas á cobertura de necesidades de orde individual ou familiar. Formularanse no anexo I.

2. Persoas xurídicas: teñen por fin atende-las necesidades presentadas polas entidades que teñan como obxectivo o desenvolvemento de accións ou programas de interese social e non dispoñan de axudas a través doutros organismos ou institucións. Formularanse no anexo II.

Cuarto.-Considéranse situacións de emerxencia individual ou familiar, no referido ás persoas físicas, aquelas que demanden atención económica urxente para cubri-las necesidades de carácter básico e urxente, tales como, entre outras similares, as seguintes:

1. As derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda individual ou familiar.

2. As destinadas a cubrir necesidades básicas derivadas de problemas de alimentación, vestido, atención sanitaria, educación e outras de natureza análoga non cubertas regularmente polos diferentes sistemas de protección.

3. As encamiñadas a promove-la inserción ou recuperación de persoas en situación de marxinación social, que non teña cuberta esta atencíón por outros medios.

Quinto.-Os interesados na obtención destas axudas deberán dirixi-las súas solicitudes ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública mediante a súa presentación no rexistro xeral da Xunta de Galicia (Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, edificios administrativos San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), a través das delegacións

provinciais da consellería ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes deberán cubrirse, preferentemente, á máquina ou en letras maiúsculas.

Sexto.-Documentación.

1. Persoas físicas: xuntarán á solicitude, conforme o anexo I, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI do solicitante.

b) Orzamento dos gastos para os que solicita axuda.

c) Informe social emitido por asistente social que no caso de non presta-los seus servicios nalgunha das administracións públicas, deberá indica-lo número de colexiado.(anexo IV).

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria selada e asinada pola entidade (anexo III).

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma axuda das distintas administracións públicas competentes, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó derradeiro pagamento.

2. Persoas xurídicas: xuntaranlle á solicitude, conforme o anexo II, a seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento da acción ou programa para o que solicitan axuda económica.

b) Ficha da solicitude de transferencia bancaria selada e asinada pola entidade (anexo III).

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma axuda das distintas administracións públicas competentes, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó derradeiro pagamento.

Sétimo.-Os defectos, erros ou ausencia na presentación da documentación á que se refire o artigo anterior deberán ser reparados ou completados, se é o caso, no prazo de 10 días a partir da notificación do seu requirimento, quedando sen efecto aquelas solicitudes que non cumpran co referido trámite.

Oitavo.-As solicitudes presentadas por unidades familiares, así como as das persoas xurídicas, excluirán calquera outra presentada separadamente por outros membros destas.

Noveno.-No impreso de solicitude deberá figura-la exposición de motivos que fundamente a petición e as razóns de interese social ou humanitario en que se basee.

Décimo.-Exclusivamente no caso de persoas físicas, a solicitude de axuda poderá ser presentada por terceiras persoas, organismos ou institucións, os cales, para tal fin, cubrirán en tódolos seus extremos o impreso de solicitude.

Décimo primeiro.-A secretaría xeral desta consellería, á vista das solicitudes recibidas ó abeiro da presente disposición, elevaralle informe e proposta ó conselleiro, que resolverá.

Décimo segundo.-O prazo de presentación das solicitudes queda aberto desde a entrada en vigor desta orde ata o día 1 de outubro do ano 2003.

Décimo terceiro.-De conformidade co disposto polo artigo 43.2º c), a contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co Decreto 264/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios, no caso de non recaer resolución en prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Disposicións adicionais

Primeira.- Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto, o recurso de reposición potestativo interporase conforme os artigos 116 e 117 da devandita lei.

O recurso contencioso-administrativo rexerase pola Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e, particularmente no concernente ós prazos para interpolo, polo artigo 46 da dita lei.

Segunda.-No non previsto nesta orde haberá que aterse ó establecido pola Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da nosa Comunidade Autónoma para o ano 2003 e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, e polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO