Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2003 Páx. 738

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2002 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de secretario técnico da Unidade Técnica de Avaliación, vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo urxente a provisión do posto de secretario técnico da Unidade Técnica de Avaliación, número 97 da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada por Resolución do 8 de agosto de 2000, e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de novembro), así como nos estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e co obxecto de atende-las necesidades da Unidade Técnica de Avaliación,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de secretario técnico da Unidade Técnica de Avaliación, grupo II.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia acompañarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Maestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións; Banco Santander Central-Hispano da Coruña, da cantidade de 39,55 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a súa falta deter

minará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola Xerencia da Universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria, e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión dunha titulación de diplomado, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico, ou en condicións de obtela na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar dos mesmos durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador delas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de secretario técnico da Unidade Técnica de Avaliación, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, na que se declaren aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade da Coruña (Rúa Maestranza, sen número).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

7.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento, quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non presentar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de celebración do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes nel, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará pública, neses mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas, na que constará o nome e a puntuación dos aspirantes que, acadando a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os opositores que non estean incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lle formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Realizados debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, será contratado como secretario técnico da Unidade Técnica de Avaliación da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será de seis meses, durante o que o traballador terá os dereitos e obrigacións correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse a instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade teñan desempeñado funcións de secretario técnico da Unidade Técnica de Avaliación na Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28

de agosto), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativa nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, (BOE do 27 de novembro) e modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 29 de novembro de 2002.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Secretario técnico da Unidade Técnica

de Avaliación

Procedemento de selección.

Fase de oposición.

A) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa no programa nos módulos I e II.

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá na realización de dous supostos prácticos específicos, elixidos de entre catro propostos polo tribunal relacionados coa parte específica do programa, módulo III.

Os aspirantes terán un prazo de alomenos dúas horas para resolve-los supostos.

A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,3 x nota 1º exerc. + 0,6 x nota 2º exerc. + 0,1 x nota 3º exerc.) x 8.

polo que terá un valor máximo de 80 puntos.

Fase de concurso.

Nesta fase valóranse:

Os servicios prestados na Universidade da Coruña na Unidade Técnica de Avaliación, en réxime de contrato temporal, a razón de 0,40 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 20 puntos.

Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada epígrafe, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de concurso, se isto non fora suficiente á maior puntuación obtida no segundo exercicio, se isto non fora suficiente no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 da presente convocatoria.

ANEXO II

Secretario técnico da Unidade Técnica

de Avaliación

Programa das probas.

Módulo I.-Parte xeral.

1. Lexislación xeral e universitaria.

A Constitución española. O Estatuto de autonomía de Galicia. Os estatutos da Universidade da Coruña. A Lei orgánica de universidades. Autonomía das universidades, réxime xurídico e estructura.

2. O procedemento administrativo.

Procedemento administrativo: As administracións públicas e as súas relacións. Órganos das administracións públicas. Órganos colexiados. Abstención e recusación. Normas xerais da actividade das administracións públicas. Termos e prazos. Disposicións e actos administrativos. Requisitos e eficacia dos actos. Nulidade e anulabilidade. Iniciación, ordenación, instrucción dos expedientes, participación dos interesados, finalización e execución. Revisión dos actos administrativos. Os recursos administrativos.

3. A responsabilidade das administracións públicas.

A responsabilidade patrimonial da Administración. Esixencia da responsabilidade do persoal ó servicio das administracións públicas.

4. O persoal ó servicio das administracións públicas.

Clases e réxime xurídico do persoal ó servicio das universidades públicas: persoal docente e persoal funcionario de administración e servicios.

5. O orzamento.

Contido e xustificación. Principios orzamentarios. Lexislación orzamentaria do Estado e Comunidade Autónoma de Galicia. Os orzamentos das universidades. Modificacións orzamentarias. Execución orzamentaria. O control orzamentario.

6. Estatística descritiva.

Variables. Escala de medida. Frecuencias. Medias de tendencia central. Medidas de desviación. Táboas

de distribución de frecuencias. Representación de datos.

7. Tratamento da información.

Procesadores de textos, bases de datos, tratamento estatístico e representación de datos.

Módulo II.-Lexislación básica referida á calidade.

1. I Plan Nacional de Avaliación da Calidade das Universidades.

Establecemento e obxectivos do plan. Execución. Convocatorias e resolucións. Contidos dos proxectos. Atribucións do Consello de Coordenación Universitaria. Coordinación do plan.

2. II Plan da Calidade das Universidades.

Obxecto e ámbito de aplicación. Modalidades de proxectos. Proxectos institucionais. Accións especiais. Proxectos específicos a proposta da Comisión de Coordinación Técnica do Plan. Metodoloxía da avaliación. Procedemento. Valoracións da calidade e viabilidades.

3. Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Obxectivos. Comisións. Estatutos e principios que o rexen.

Módulo III.-Parte específica.

1. A avaliación institucional. Concepto e método.

Factores que xustifican a avaliación institucional. Características do modelo de avaliación. Perspectivas e dimensionalidade da calidade. Métodos de avaliación da calidade universitaria. Fases nas que se articula a avaliación institucional.

2. A avaliación institucional: metodoloxía e organización.

A autoavaliación e a avaliación externa: conceptualización, requisitos, características que as definen. Organización interna. Comisión de Calidade da Universidade. Comité de Autoavaliación. Comité de Avaliación Externa: publicidade e participación.

3. Os informes na avaliación institucional.

Informe de autoavaliación. Informe de avaliación externa. Informe final da titulación ou unidade avaliada. Informe de calidade da universidade.

4. A avaliación externa e accións post-avaliación na avaliación institucional.

Procedemento para a recepción e desenvolvemento da visita. Difusión da avaliación externa. Custos. Accións post-avaliación.

5. Terminoloxía e indicadores.

Glosario de terminoloxía xeral aplicada á avaliación institucional e indicadores que a miden. Código, denominación, definición, interpretación, nivel de agregación e fonte dos indicadores que forman parte do catálogo do sistema universitario público español. Glosario específico.

6. Guía de autoavaliación de titulacións.

Dimensións para avaliar: contexto, metas e obxectivos, programa de formación, recursos humanos, instalacións e recursos, desenvolvemento da ensinanza, resultados académicos. Propostas de mellora. Distribución dos indicadores en táboas. Confección e defi

nición dos principais indicadores de avaliación da calidade universitaria.

7. Guía de avaliación externa da titulación.

Obxectivos da avaliación externa. Comité de avaliación externa. Tarefas do comité, visita da unidade avaliada. Informe externo.

8. Guía de seguimento do plan de melloras.

Proceso e metodoloxía. Pautas para desenvolve-lo informe de seguimento interno.

9. Avaliación dos servicios.

Modelo adoptado para avalia-la xestión da calidade dos servicios universitarios. Metodoloxía da avaliación -fases-. Informes. Instrumentos de recollida de información e aspectos que avalía. Guía de avaliación de servicios.

10. Avaliación dos departamentos.

Actividades para avaliar. Estratexias de avaliación. Fitos metodolóxicos. Modelo de avaliación. Comités. Informes (características básicas, estructura, análise do proceso...) Aspectos para avaliar nos departamentos. Guía de avaliación de departamentos.

11. Desenvolvemento do II Plan de Avaliación da Calidade na Universidade da Coruña.

Pasado e presente da avaliación institucional na Universidade da Coruña, Comités, Unidade Técnica de Avaliación (estructura, obxectivos, funcións). Plan plurianual. Avaliación das titulacións e servicios. Plan de melloras.

ANEXO III

Secretario técnico da Unidade Técnica de Avaliación

Tribunal cualificador.

Titulares:

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

Víctor Cabrera Sánchez, xerente da Universidade da Coruña.

Miguel Muñoz Cantero, profesor titular da Universidade da Coruña.

Mª Josefa Padín García, representante dos traballadores.

Rogelio Lage Vázquez, representante dos traballadores.

Suplentes:

Presidente: Rosa Mª Fernández Esteller, vicerrectora de Innovación Tecnolóxica da Universidade da Coruña.

Vocais:

Eduardo Reigosa Fernández, xefe da Sección de Control Interno da Universidade da Coruña.

Mercedes González Sanmamed, profesora titular da Universidade da Coruña.

Mª José Grueiro Maroño, representante dos traballadores.

Salvador Joaquín Peña Díaz, representante dos traballadores.