Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 2003 Páx. 631

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2002 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de delineante (grupo III) vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo urxente a provisión do posto de delineante, número 66 da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada por Resolución do 8 de agosto de 2000, e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e co obxecto de atende-las necesidades do Servicio de Obras e Equipamento,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de delineante, grupo III.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntaráselle fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións; banco Santander Central-Hispano da Coruña, da cantidade de 33,90 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso; a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola Xerencia da universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria, e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade, poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados, ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de bacharelato, formación profesional de 2º grao ou titulación equivalente, ou en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador delas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de delineante, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade da Coruña (rúa Mestranza, s/n).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

7.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento, quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escola oficiais de idiomas. De non presentar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exer

cicio, así como naqueloutros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes neste, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará pública, neses mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas, na que constará o nome e a puntuación dos aspirantes que, acadando a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os opositores que non estean incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lle formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Formalizados debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, será contratado como delineante da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será de seis meses, durante o que o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade teñan desempeñado funcións de delineante na Universidade da Coruña.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro) e modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 10 de decembro de 2002.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Delineante

Procedemento de selección

Fase de oposición.

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio. Consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa nos módulos I e II do programa.

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio. Consistirá no desenvolvemento por escrito dun tema, elixido entre tres propostos polo tribunal, correspondentes á parte específica do programa que se inclúe como anexo II a esta convocatoria.

A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio. Consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego. A súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,4xnota 1º exerc.+0,55xnota 2º exerc.+0,05xnota 3º exerc.)x7, polo que terá un valor máximo de 70 puntos.

Fase de concurso.

Nesta fase valoraranse:

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña no Servicio de Obras e Equipamento, en réxime de contrato temporal, a razón de 0,40 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 20 puntos.

b) Cursos impartidos por organismos públicos ou empresas de prestixio recoñecido relacionados con temas do programa específico e as funcións que se van desenvolver, ata un máximo de 10 puntos.

* Cursos de máis de vinte horas: 2 puntos.

* Cursos entre dez e vinte horas: 1 punto.

Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada epígrafe, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de concurso, se isto non fora suficiente á maior puntuación obtida no segundo exercicio, se isto non fora suficiente no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 desta convocatoria.

ANEXO II

Programa das probas

Módulo I. Parte xeral.

1. A Constitución española de 1978. Características, estructura e contido.

2. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estructura e contido.

3. A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades. Autonomía das universidades, réxime xurídico, estructura e contido.

4. Estructura e organización da Universidade da Coruña: departamentos, escolas, centros, institutos universitarios e centros adscritos.

5. O Goberno da Universidade da Coruña: órganos colexiados e órganos unipersoais.

6. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña. Estudios de 1º e 2º ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao.

7. Clases e réxime xurídico do persoal ó servicio das universidades públicas: persoal docente e persoal de administración e servicios.

8. O I convenio colectivo da Universidade da Coruña.

Módulo II. Parte específica.

1. Coñecemento e emprego do material de debuxo.

2. Debuxo de arquitectura. As súas características e planimetría.

3. Acotacións e rotulacións.

4. Seccións e sombreado.

5. A escala e a súa aplicación á planimetría constructiva.

6. A arquitectura modular: técnicas e módulos de distribución interior.

7. Edificios públicos: estructuras, albanería, carpintería e revestimentos.

8. A construcción e a súa representación polo miúdo e seccionada.

9. As problemáticas de uso nos edificios para a Administración pública.

10. As instalacións nos edificios e a súa representación.

11. A representación das instalacións e a infraestructura urbana.

12. Instalacións xerais de arquitectura docente universitaria.

13. Supresión de barreiras arquitectónicas en edificios públicos e urbanizacións.

14. Funcionamento dun servicio de obras universitario.

15. As obras na Universidade da Coruña: distribución de medios e competencias.

16. Materiais de construcción para instalacións docentes.

17. Técnicas actuais de representación gráfica.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

Miguel Silva Suárez, director do Servicio de Obras e Equipamento.

Juan Rego Álvarez de Mon, vicexerente de Asuntos Económicos.

Salvador Joaquín Peña Díaz, representante dos traballadores.

Rogelio Lage Vázquez, representante dos traballadores.

Secretario: Luis Vázquez López, xefe da Sección de Xestión de Persoal, que actúa con voz e sen voto.

Suplentes:

Presidente: José Ramón Soraluce Blond, catedrático de universidade.

Vocais:

Jesús Fernández Jiménez, vicexerente de Control Interno.

José Vicente Echevarría González, vicexerente de Recursos Humanos.

Manuel Romero Beade, representante dos traballadores.

Mª Josefa Padín García, representante dos traballadores.

Secretario: Daniel Miguélez Costa, xefe da Sección de Selección e Formación de Persoal, que actúa con voz e sen voto.