A Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, establece no seu artigo 43 unha modificación do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa regulación do prazo mínimo para a presentación de solicitudes de axudas e subvencións públicas, ampliándoo de 20 días hábiles a 40 días hábiles .
Así mesmo, o citado artigo establece que as ordes de axudas e subvencións manteñan un escrupuloso respecto ó disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no que se refire á presentación de documentos que constan en poder da Xunta de Galicia.
Como queira que a resolución que se modifica foi publicada con anterioridade á entrada en vigor da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, ó terse tramitado en réxime anticipado, require a súa adaptación ós anteriores mandatos legais.
Para cumprir este mandato e unha vez obtidos os preceptivos informes,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Modifícase o artigo 4º correspondente ás solicitudes e documentación, ó que se lle engade o seguinte punto:
Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo ser indicado polo solicitante, para o obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se encontran.
Artigo 2º
Modifícase o artigo 5º correspondente ó prazo de presentación de solicitudes, que queda redactado como segue:
O prazo para a presentación das solicitudes amplíase ata 18 de febreiro de 2003.
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2003.
Víctor Tello Calvo
Presidente do Instituto Galego de Consumo