Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2003 Páx. 576

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 6/2003, do 2 de xaneiro, polo que se declara o ano 2003 ano de Antón Avilés de Taramancos.

A Real Academia Galega decidiu dedica-lo Día das Letras Galegas do ano 2003 a Antón Avilés de Taramancos. Preocupado desde moi novo pola lingua galega, foi fundamentalmente e sobre todo poeta, aínda que cultivou outros xéneros como o relato, o ensaio e o teatro.

O poeta nunha primeira etapa crea textos de corte clasicista para articular logo o seu mundo poético arredor dun referente mítico, sobre todo desde a súa experiencia na emigración americana. Con todo, a significación de Antón Avilés de Taramancos non se limita á creación literaria, senón que actuou como un verdadeiro animador cultural a través de múltiples inciativas destinadas a promove-la lingua galega e a cultura de noso.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase o ano 2003 en Galicia ano de Antón Avilés de Taramancos, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a este insigne persoeiro da nosa historia.

Artigo 2º

As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra deste escritor e animador cultural que tanto fixo polas letras galegas.

Artigo 3º

Como testemuña da homenaxe a Antón Avilés de Taramancos a Xunta de Galicia cuñará unha medalla conmemorativa de trescentos exemplares numerados.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo