Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Xoves, 16 de xaneiro de 2003 Páx. 528

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 27 de decembro de 2002 pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural.

A situación das actividades primarias existentes no noso espacio rural, cunhas grandes fluctuacións debido á forte dependencia que estas economías teñen, basicamente, da natureza e do clima, provoca que non se poidan manter comunidades economicamente eficientes, e isto determina un continuo éxodo da poboación que leva consigo, consecuentemente, o abandono de vellas casas e construccións perfectamente integradas no medio e na paisaxe. Para corrixi-las citadas fluctuacións económicas, e de se-lo caso evitalas, é conveniente poñer en práctica unha estratexia definida por unha política de diversificación da economía local e para isto é preciso fomentar alternativas de investimento que determinen a creación de novos postos de traballo así como un incremento das rendas familiares, feitos que deben redundar na mellora da calidade de vida das comunidades rurais, así como na creación das circunstancias axeitadas que permitan volver á súa terra ás xentes que o desexen.

A actividade turística é un dos camiños para acada-los obxectivos sinalados, xa que as actuais tendencias da demanda turística van cara ó consumo de novos productos que se caracterizan polo seu poder desestacionalizador e descentralizador e a capacidade para promover un turismo sustentable, circunstancia que obriga á busca dun desenvolvemento turístico efectivo no rural.

Galicia posúe os elementos precisos para este tipo de actividade ó existir unha serie de construccións cun gran valor cultural como son os pazos, mosteiros, castelos, casas grandes e incluso antigas casas rectorais, elementos que debidamente acondicionados poden ser destinados para un uso turístico dentro do denominado turismo rural pero, ante todo, deben significar unha importante contribución á calidade da oferta e consecuentemente ó desenvolvemento económico da zona. Por isto, o acondicionamento destas construccións ten que realizarse a través de proxectos que afonden no coñecemento da historia e do lugar, que permitan resultados axeitados ó medio e ó mesmo tempo, respectuosos coas estructuras das edificacións, garantindo a autenticidade e a calidade nas intervencións e procurando un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo uso, fuxindo do mesmo xeito tanto do folclorismo coma do intervencionismo.

En consecuencia e con cargo ós créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade e seguindo as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto así como os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo

que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e de 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas a fomenta-lo turismo rural que, pola súa conceptuación como actividade turística, se considera incentivable ó abeiro do antedito Decreto 172/2001. Por todo o antedito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de subvencións para a creación de establecementos turismo rural as persoas físicas e xurídicas propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, segundo o sinalado no artigo 2º desta orde.

A estas concesións, que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.0, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, destínase un crédito dun importe de 3.085.636 euros, distribuídos en anualidades, a saber, no ano 2003, 916.316 A, no 2004, 949.007 A, no 2005, 704.582 A no 2006, 515.731 A. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispoñen os artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios do 2002, 2003, 2004 e do 2005 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere a porcentaxe

máxima do investimento subvencionable do 40% segundo o legalmente establecido no artigo 15 do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos á rehabilitación ou restauración de construccións situadas nos espacios rurais, sempre que polas súas características permitan a oferta de aloxamento, restauración e outros servicios complementarios e estean encadradas, seguindo o sinalado nos artigos 2 e 3 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola orde do 7 de maio de 1996, nas modalidades de hospedería e residencia, dos grupos A ou B.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material de obra como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o mobiliario nin as taxas e os impostos legalmente esixibles.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita Orde do 2 de xaneiro de 1995, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno.

* Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas súas relacións co lugar; así mesmo, respectaranse na medida que sexa posible os seus usos tradicionais.

* Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabamentos propios da zona e das condicións do inmoble.

* Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles.

* Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas.

* O proxecto deberá formular solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) Ademais da presentación dun proxecto que cumpra os condicionantes anteriores, poderase presentar un segundo proxecto alternativo que achegue solucións constructivas ou arquitectónicas actuais e incluso novos materiais, sempre e cando concorran as seguintes circunstancias:

* O interese da edificación así o aconselle ou houbese partes da edificación incompletas que non interesase mimetizar.

* O proxecto o elabore un arquitecto de prestixio contrastado e con experiencia en rehabilitación.

* O devandito proxecto so será avaliado logo de informe favorable do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística.

c) Os proxectos serán globais, é dicir, comprenderán tódalas obras e instalacións, no só as pertencentes á propia edificación senón tamén, se é o caso, ás do contorno afecto á propiedade do predio, debéndose respecta-las características peculiares do medio rural galego.

d) A superficie pechada destinada a cuartos (e ós seus baños), non poderá ser maior cá destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación. A superficie destinada ós propietarios non superará os 25 m.

e) Comeza-la súa execución durante o ano 2003 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes presenten certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Inicia-la súa actividade turística provistos da correspondente autorización de apertura da Administración turística, incluídos tódolos servicios determinados no proxecto presentado ó concurso de subvencións, no prazo máximo de 6 meses, contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante 11 meses ó ano e adscribirse á Central de Reservas de Turgalicia.

4. Os establecementos clasificados na modalidade de residencia e que sexan beneficarios das axudas convocadas ó abeiro desta orde comprométense a poñer á fronte do establecemento e de maneira permanente, unha persoa responsable á disposición dos clientes.

5. Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 5 anos contados desde a data de autorización de apertura pola Administración turística do establecemento que se cree ó abeiro desta orde e mantelos durante un período de 5 anos.

6. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

7. A que en ningún caso o funcionamento do restaurante que se crea como complemento á actividade de turismo rural altere o fin último desta.

8. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

9. Comunicar á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

10. Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e das obrigas relacionados neste artigo.

* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

11. Facilitar datos, de forma periódica ou tras requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

f) Os titulares dos establecementos de turismo rural que se subvencionen terá que posuí-la propiedade do inmoble obxecto de subvención ou ben, por calquera título válido en dereito, ter unha disposición do inmoble que permita realiza-lo investimento obxecto de subvención así como a explotación do establecemento, durante un período non inferior a 20 anos, contado desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En calquera caso o título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública ou ben estar inscrito nun rexistro público. En calquera caso o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute do inmoble.

g) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes a esta publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

h) Os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento do investimento subvencionable pero, en todo caso, a contía máxima da subvención calcularase mediante a adición dos seguintes parámetros:

1. Prazas ofertadas:

Grupo A: ós proxectos encadrados neste grupo, é dicir, pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais, a subvención será de dez mil douscentos cincuenta (10.250) euros por praza de aloxamento ofertada ó público.

Grupo B: ós proxectos encadrados neste grupo, é dicir, casa de aldea, seis mil cen (6.100) euros por praza de aloxamento ofertada ó público.

2. Por creación dun establecemento de restaurante:

Grupo A: ós proxectos encadrados neste grupo, novecentos (900) euros por praza de aloxamento ofertada.

Grupo B: ós proxectos encadrados neste grupo, seiscentos (600) euros por praza de aloxamento ofertada.

3. Por creación de emprego:

En ámbolos grupos, A ou B, á subvención engadiráselle seis mil cen (6.100) euros por cada posto de

traballo que se cree indefinido que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención e a documentación que a seguir se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do documento público ou privado que acredite que o solicitante da subvención é propietario do inmoble obxecto da rehabilitación, así como certificación catastral (descritiva e gráfica) da inscrición do ben. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase presentar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ó solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumi-los compromisos derivados do establecido nesta orde. No caso de non te-la propiedade do inmoble que se vai restaurar para turismo rural, o solicitante da subvención achegará fotocopia compulsada do documento que acredite a disposición do inmoble que permita realiza-lo investimento obxecto da subvención, así como a explotación do establecemento durante un período non inferior a 20 anos, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública ou ben estar inscrito nun

rexistro público. En calquera caso o solicitante da subvención terá o pleno uso e desfrute do inmoble.

c) Declaración segundo o modelo do anexo II.

d) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

e) Licencia municipal ou informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención, é conforme coa legalidade urbanística vixente.

f) Proxecto básico, facendo consta-lo número de colexiado do técnico, e no que se comprenda, obrigatoriamente:

-Anexo técnico.

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado.

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Plano de localización do investimento.

-Planos do estado actual e do estado reformado.

-Descrición dos materiais e acabados propostos.

-Descrición dos mobles e equipamentos que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

g) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

h) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

i) Anexo III, asinado e debidamente cuberto.

j) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite e logo de resolución, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo, os xefes de servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da Área de Turismo Rural de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta, en orde decrecente, os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; áreas

termais con afloramentos susceptibles de explotación turística; zonas costeiras con elementos configuradores de producto turístico náutico ou pola súa fisonomía tradicional mariñeira; a interese do espacio en relación a figuras de protección ambiental ou a declaración oficial como turístico do municipio.

2º Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, coas infraestructuras básicas e coa oferta de servicios de utilización turística.

3º O estado actual e as características da edificación conforme a parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

4º Número de postos de traballo que se vai crear e o seu grao de estabilidade.

5º As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional.

6º A oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento.

7º Incorporación a plans de calidade normalizados e recoñocidos nos mercados, en particular os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española.

8º A relación entre a oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento e o investimento proxectado.

9º Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica.

10º A incidencia que nos recursos turísticos ten a área do investimento consonte a estudios e análise aprobados pola Dirección Xeral de Turismo.

11º Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Os xefes de servicio provinciais emitirán informe sobre a localización e o interese turístico; o dito informe será contrastado co criterio do xefe da Área de Turismo Rural de Turgalicia. O xefe do servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística elaborará un informe sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto.

3. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes que considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará á directora xeral de Turismo a valoración adoptada. Desta valoración redactarase a correspondente acta.

4. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou se é o caso, de denegación de subvencións. Contra estes actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes ante o titular desta consellería ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos prazos desde a recepción da notificación da resolución.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2003, 2004, 2005 e 2006 segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

5. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Condicións das subvencións.

1. No prazo dun mes, contado desde a notificación de concesión da subvención, os beneficiarios remitirán á antedita dirección xeral, a seguinte documentación, por duplicado exemplar:

a) Aceptación da subvención segundo modelo anexo IV.

b) Proxecto visado definitivo básico e de execución da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

Este proxecto e programa, que teñen que ser conformes ó determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, debe te-lo informe favorable do xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

c) Documento acreditativo de alta no imposto de actividades económicas nun epígrafe que posibilite a explotación da vivenda obxecto de subvención como establecemento de turismo rural conforme as determinacións e obrigas que se sinalan nesta orde.

d) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorrido o sinalado prazo dun mes non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

2. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vistos os acordos da comisión técnica e a proposta formulada pola directora xeral de Turismo, poderanse conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen ou ben, de ser posible, poderase incrementa-los importes das xa concedidas ó abeiro desta orde, sempre que non acadasen a porcentaxe máxima do 40% determinada anteriormente.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde e cando o importe se atribuíse en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento exe

cutado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2003: 1 de novembro de 2003.

Fase de 2004: 30 de xuño de 2004, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 1 de outubro de 2004.

Fase de 2005: 30 de xuño de 2005, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de terse imputado a máis, 1 de outubro de 2005.

Fase de 2006: 30 de xuño de 2006.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 2003, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2003.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

De non xustificarse o investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente a esta anualidade.

De non xustificarse o investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Estas modificacións deben ser solicitadas, supervisadas tecnicamente e aprobadas previa a súa execución. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo V.

3.2. Facturas e certificación por conceptos modelo oficial, que se compón de cara, certificación a orixe, por partidas e capítulos segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución e resumo xeral elaborada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións recollidas no artigo 5º.1 c) 2º desta orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado deberá especificar, a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social.

3.4. Certificado explícito da dirección de obra de que as obras se están executando segundo o proxecto aprobado e que non existe ningunha modificación que non se aprobase previamente.

3.5. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. Poderase apraza-la presentación deste documento ata a derradeira solicitude de pagamento, sempre e cando se xustifique ter iniciados os trámites para a súa concesión. O dito documento é preceptivo; de non presentalo antes da derradeira solicitude de pagamento, a Dirección Xeral de Turismo procederá a incoar de oficio o expediente de reintegro correspondente á subvención concedida.

3.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos e as obrigas a que se fai referencia no artigo 3º e) e no anexo III desta orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.7. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3.8. No caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 30.050,60 A, cando se solicite o pagamento da anualidade do 2003 ou se é o caso de 2004, 2005 ou 2006, ademais da presentación da documentación indicada no número 3 deste artigo, tamén deberán concorre-las seguintes circunstancias e condicións ás que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.

3.9. En calquera caso os pagamentos parcias teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de decembro.

A garantía ou aval deberá cubri-lo importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no

momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Disposición transitoria

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderase condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvencións cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º e 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 60.101 A.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

* Autoemprego.

* Indefinidos.

* Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orde asi como os prazos establecidos no artigo 8º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2006. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención conforme o sinalado no artigo 7º.2 desta orde.

Sétima.-Terán a consideración de beneficiarios de subvención as persoas físicas ou xurídicas que, sen seren propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, posúan, por calquera título válido en dereito, unha disposición do inmoble que permita realiza-lo investimento obxecto de subvención así como a explotación do establecemento, durante un período non inferior a 20 anos, contado desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En calquera caso o título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública ou ben estar inscrito nun rexistro público. En calquera caso o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute do inmoble.

Oitava.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Novena.-Os establecementos de turismo rural que obtiveron subvencións con cargo ós programas orzamentarios 651A e 751A da Comunidade Autónoma de Galicia poderanse recalificar, consonte as determinacións contidas no Decreto 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, como hoteis de natureza, montaña, rústico, monumentos ou en calquera outra especialidade hoteleira de acordo coas súas especiais características de situación, tipo de edificación e servicios sen que isto

supoña a perda da subvención concedida, sempre e cando coa solicitude de reclasificación se incorpore compromiso en escritura pública de mante-los compromisos adquiridos coa subvención no seu día concedida.

Poderanse acoller a esta posibilidade de reclasificación sempre e cando a súa resolución de concesión de subvención fose anterior ó 31 de decembro de 1999.

Décima.-Os expedientes de subvención formulados ó abeiro da orde desta consellería do 5 de abril de 2002 (DOG nº 72, do 15 de abril) pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural, que foran obxecto de recurso de resposición contra a denegación da subvención, se este fora estimado, serán considerados como beneficiarios da subvención tralo preceptivo trámite de fiscalización; considerarase como subvencionable a parte do investimento executado no ano 2002 e para tales efectos, os interesados xuntarán, por requirimento da Dirección Xeral de Turismo, a documentación acreditativa da obra executada no dito ano.

Undécima.-No caso de concesión de subvención que incluíse a creación de restaurante no establecemento de turismo rural, este rexerase pola Orde do 17 de marzo de 1965 (BOE nº 75, do 29 de marzo) pola que se aproba a ordenación turística de restaurantes, non existindo a obriga de crear cociña independente á da propia casa cando tecnicamente se xustifique a súa non necesidade para os efectos de calidade do servicio.

Duodécima.-En todo caso, e para os efectos do cálculo do investimento subvencionable imputable á edificación, o orzamento de execución material non será superior para o grupo A a 470 euros/m e para o grupo B a 410 euros/m; a urbanización deberá orzarse á parte e mediante relación valorada.

No caso de que se incorpore ó expediente documento do técnico redactor do proxecto dabondo xustificativo dun maior custo/m imputable á edificación, a comisión técnica poderá, excepcionalmente, propor que o cálculo do investimento subvencionable/m sexa superior ó establecido no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado nesta orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase ó disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo